Opinión

Cantiga da esperanza

Olla a choiva pola rúa,
laio de pedra e cristal.
Olla o vento esvaído
soma e cinza do teu mar”
(Federico García Lorca)
“Hablar gallego es de pobres”
(Unha petarda en Tinder)

Anduriña, brétema, solpor, bico, bágoa, bolboreta…

Orballo, chaparrada, poalleira, chuvia, choiva, secafría; pódeselle chamar de mil maneiras.

Érase unha vez un pobo que proviña da Gallaecia. Érase un país de mil ríos, mil muiños, mil palleiras, mil viñedos, mil cortiñas, mil ondas, mil praias e mil meigas. E despois nin  seitura, nin fariña, nin mozos, nin beodos, nin boegas, nin trasgos, nin queimadas, nin lanchiñas, nin rianxeiras. 

Érase un país de mil cativos, mil mestres, mil cregos, mil poetas, mil casorios, mil foliadas, mil naufraxios, mil aldeas. E despois nin bautizos, nin rapaces, nin escolas, nin mariñeiros, nin feiras, nin orquestras, nin verbenas.

Érase Galiza nuns anos, se naide o remedia. Xa non haberá lameiros, xa non haberá facenda, xa non fomegarán miudiño no val as chimeneas, xa non estralarán sorrintes os chourizos nas lareiras, os froitos apodrecerán nas árbores, as hortas encheranse de silveiras, o nordés non espallará o recendo das mareas, nin das algas, nin das xestas, nin o de estrumalas terras.  Nas cortes só haberá alimañas. A castaña non será de quen a apaña. Os cogumelos murcharán ó pé das carballeiras. Nas casas só haberá ausencias, nas paredes hedras, nas eiras sol, a esgalla, que os lagartos chucharán coa boca aberta. Só haberá vida nos camposantos. Só sombras de un onte glorioso nas canellas.

Hoxe ha de ser o antonte que mañá nos permita seguir sendo un país máxico. Un país de mil sorrisos, mil espertares, mil soños, mil proxectos, mil hoganos. Un país mil veces mil de nenos nos colos, nos berces, nos pupitres, e de universitarios nos Erasmus. Ergámonos  (deitémonos). Procreemos. Deixémonos de lerias. Ata os curas deben esquecer o celibato, parir as monxas, as casadas, as máis novas, as non tanto; voltar os fillos de solteira, os adoptivos, os netos dos que emigraron. E que veñan tamén os refuxiados. Senón, ó luscofusco do século, fusilarémonos nos mesmos no paredón demográfico.
Solaina, esmorga, ruliña, xantar, cóxega, palleta…  Puxemos xuntos a feito para que estas verbas non se perdan.

Te puede interesar