Opinión

¿RECUPERAREMOS ENTUSIASMO?

Hai días en que nos levantamos animados, hai tempadas nas que andamos alentados polo optimismo. Pero tamén, con certa frecuencia, sentimos o desmaio das cousas que van mal. En determinadas circunstancias deixámonos conquistar polo desalento; mesmo chegamos á sensación de esmorecemento. Tanto falar de crise, tanta crise... Cunde unha terrible sensación de impotencia e de achique irremediable.


Cando un está verdadeiramente centrado na vida, apunta a claros obxectivos, síntese apoiado, comproba logros, ábrenselle perspectivas, experimenta o vigor da súa enerxía interior, saborea adiantos, goza da vitalidade dunha esperanza activa. Entón é gratificado coa fecundidade do entusiasmo. Cando atendemos á realidade e descubrimos os elementos positivos que a integran, entón apunta en nós a sensación benfeitora do entusiasmo. Se nos deixamos impregnar polos dons que se nos ofrecen permanentemente, entón chegaremos a disfrutar a riqueza do entusiasmo.


¿Podemos vivir sen entusiasmo? Entramos con esta interrogación no mundo subxectivo que dificilmente admite respostas universais. Con que nos conformamos? É verdadeiramente fundamental a tonalidade existencial: sentirse ben, a gusto consigo mesmo e cos demais, vibrando (mesmo con paixón) co que nos pasa e co que aínda podemos vivir. Como posición, como actitude fundamental e impactante no propio interior, como aspiración intensa.


O entusiasmo non alimenta precisamente a existencia dos derrotados, dos cobardes, dos que van adiante simplemente enganchados, dos resignados á decadencia, dos encapsulados no raquitismo dos seus intereses egoístas, na esterilidade dos vingadores rencorosas. O entusiasmo alenta os dinamismos vitais dos que son protagonistas da súa propia historia.


Podemos dicir con verdade que o entusiasmo inunda o noso ambiente? Por que o entusiasmo non é máis activo en nós e nos nosos grupos? Como poderemos recuperar un entusiasmo vivificador?

Te puede interesar