Opinión

SOBRE O 8 DE MARZO

O 8 de marzo é o día internacional da muller. Temos recorrido un camiño longo e tortuoso na consecución de dereitos e liberdades. En pleno século XXI temos que volver saír á rúa e seguir reivindicando dereitos, que parecían conseguidos e afianzados. As mulleres temos saído á rúa para reivindicar e loitar contra a discriminación existente en todas as esferas da vida: social, xurídica, laboral e persoal; unha das reivindicacións era o dereito á saúde sexual e o dereito ao aborto. Os ventos parecen querer barrelos unha vez máis, como xa ocorreu noutros momentos da historia, cando xa se tiñan conseguido. Nesta andaina en pos dos dereitos comentados, onde a palabra abortar era un verbo prohibido, conséguese no ano 1985 a despenalización do aborto e por tanto, que as mulleres poidan acollerse aos tres supostos contemplados naquela Lei. Supostos onde a muller precisaba da 'Tutela do médico para poner fin ao seu embarazo, alegando na maioría dos casos que este podía ocasionarlle danos psicolóxicos. Este feito deixaba nas mans dun profesional que o aborto puidese ou non levarse a cabo e, por tanto, a decisión da muller debía ser autorizada. A experiencia en canto á aplicación da lei demostrou, entre outras cousas, a desprotección das mulleres e dos e das profesionais, a dicir de Victoria Virtudes. Durante a vixencia desta lei unhas 2.000 mulleres foron denunciadas, maioritariamente polas súas ex parellas, se ben, ningunha foi condenada.


Tampouco esquecemos as dificultades para interromper o embarazo dentro do sistema público de saúde, sendo o exemplo máis significado a Comunidade Foral de Navarra, que derivou ás mulleres a outras comunidades autónomas para poder realizar o aborto.


As manifestas carencias desta Lei, provocaron que continuaran as reivindicacións dos movementos de mulleres e outros sectores sociais para que se fixese realidade a protección e a garantía do dereito das mulleres á saúde sexual e a exercer o dereito de decidir sobre a súa sexualidade e sobre a súa maternidade. Isto contémplase na Lei de saúde sexual e reprodutiva e da interrupción voluntaria do embarazo do 3 de marzo de 2010, establecendo un sistema de prazos, lexislación maioritaria en toda Europa. Sen entrar a valorar a Lei de forma exhaustiva, é importante sinalar os aspectos positivos avalados por Nacións Unidas na convención sobre a eliminación de toda forma de discriminación sobre a muller de 1979, así como polo Consello de Europa que, na súa asemblea parlamentaria no ano 2008, reafirmou o dereito das mulleres ao respecto da súa integridade física, a dispoñer do seu corpo libremente e á decisión última de recorrer ou non ao aborto, invitando aos Estados membros a despenalizalo dentro duns prazos de xestación razoables.


A Lei do 3 de marzo de 2010, que está sen desenvolver na súa totalidade, trata de protexer o dereito das mulleres a decidir sobre a súa sexualidade, o seu corpo e rachar coa tutela da Lei anterior. Paréceme importante remarcar os aspectos relacionados coa saúde sexual e reprodutiva, en canto a ter por obxectivo a información e a educación afectivo sexual e reprodutiva nos contidos formais do sistema educativo, así como a educación sanitaria integral e con perspectiva de xénero sobre saúde sexual. Dentro das medidas no ámbito educativo contémplase a promoción dunha visión da sexualidade corresponsable entre homes e mulleres, con atención especial na prevención da violencia de xénero, agresións e abusos sexuais, a aceptación da diversidade sexual, a prevención de ETS e especialmente do VIH, así como a prevención de embarazos non desexados. Tamén contempla accións informativas e de sensibilización no ámbito sanitario e a formación de profesionais da saúde. Recolle asemade a incorporación da saúde sexual e reprodutiva nos programas curriculares das carreiras relacionadas coa medicina e as ciencias da saúde, tendo en conta a investigación e formación na práctica clínica da interrupción voluntaria do embarazo. Tamén neste apartado, o da educación formal, se produce un atentado contra o dereito á educación afectivo sexual como promoción da saúde, que se contemplaba na materia 'Educación para a Cidadanía', que o actual goberno acaba de suprimir.


O actual goberno propón cambios que significan un retroceso nos dereitos adquiridos, volvendo situar ás mulleres nunha posición de pasividade e submisión, impedindo que poidan vivir a súa sexualidade e o seu corpo como elas decidan, impedindo ser donas de si mesmas.


Estes cambios xa anunciados, aínda que non claramente concretados, van en contra da propia definición de saúde integral. Na medida na que atenta contra a mesma, podemos falar incluso de violencia institucional de xénero en canto á perda que supón para as mulleres de control sobre o seu propio corpo, os seus desexos e o seu proxecto vital, significándoa como incapaz de decidir sobre si mesma e é ese outro, con poder, quen decide sobre ela; isto tamén é Violencia (de xénero).


Nós, como mulleres, como cidadás e como profesionais da saúde, non podemos quedar á marxe deste retroceso na consecución de dereitos, sendo hoxe un bo día para reivindicarnos.


Te puede interesar