"Si, somos culpables (somos feministas)"

"Si, somos culpables (somos feministas)"

Volando voy”, unha organización de iniciativa social, elaborou un vídeo no que se sinalaba que as mulleres somos culpables. Culpables de loitar pola igualdade, culpables de denunciar as discriminacións que padecemos, culpables de estar fartas dos malos tratos e dos asasinatos que sufrimos. Pois si, somos culpables de ser feministas e defender a filosofía humana máis potente nunca ideada
O feminismo é un movemento que leva centos de anos loitando porque as mulleres, todas as mulleres, as mulleres de todo o mundo, o 52% da poboación, consigan o espazo que lles corresponde: a metade do poder económico, social, cultural, político.
Hai datos que demostran con claridade a inxusta situación que vivimos as mulleres. O 62% das licenciadas e egresadas en comunicación son mulleres, pero soamente supoñen o 27% da dirección nos medios de comunicación. O 53% das persoas xuizas son mulleres, pero soamente hai 2 no Tribunal Constitucional e ningunha na Sala de Goberno do Tribunal Supremo. De feito, nos últimos tres anos, só se designaron un 21% de mulleres para ocupar presidencias das Audiencias Provinciais, das salas dos Tribunais Superiores de Xustiza, do Tribunal Supremo, da Audiencia Nacional e dos tribunais militares. 
O 58% das persoas con titulación universitaria en España son mulleres, pero soamente somos o 19,4% das que están en órganos de dirección das empresas do  Ibex; soamente o 41% das persoas que están nos altos cargos da administración central son mulleres; e que dicir da infrarepresentación no eido da cultura.
As mulleres padecemos ademais unha brecha salarial intolerable. En Galicia está entorno o 23% de media anual, unha porcentaxe superior á existente no 2010. De feito, o salario medio das galegas situouse no ano 2016 en niveis similares aos que tiñan os galegos no ano 2005.
As mulleres pensionistas tamén padecen unha dura discriminación. A fenda en Galicia está en torno ao 37.2%.
Con todo, o dato máis arrepiante é o que ten que ver cos asasinatos crueis de mulleres. Desde que hai estatísticas 984 mulleres foron asasinadas polas súas parellas ou ex parellas, unha cifra insoportable.
Fronte a esta incuestionable realidade Vox, o Partido Popular e Ciudadanos negan a situación ou fan propostas que resultan intolerables, por non usar outros cualificativos. Vox propón que se elimine a Lei de Violencia de Xénero; o Partido Popular que regresemos a 1985; e Ciudadanos que se legalice a  mercantilización dos corpos das mulleres defendendo os ventres de aluguer ou a escravitude que supón a prostitución.
Pois ben, nós, as mulleres imos saír ás rúas o 8 de marzo a reivindicar, de forma pacífica e con razóns sobradas, os nosos dereitos. Nós declarámonos culpables de loitar contra a desigualdade. Nós declarámonos culpables de denunciar todas as discriminacións que padecemos. Nós declarámonos culpables de poñernos fronte aos que pretenden que as mulleres sigamos padecendo unha dominación patriarcal que non é asumible
Si, somos culpables de rachar coas discriminacións, de loitar pola igualdade, de defender a construción dunha sociedade xusta.
Si, preferimos ser culpables que  sumisas. Remataron os tempos nos que estabamos sometidas. Tomamos  a voz para defender un mundo mellor.

(*) Presidenta da Deputación de Pontevedra.