Opinión

A lingua como irmandade

As Irmandades da Fala figuran entre as numerosas e fecundas iniciativas nas que participou Antonio Fraguas. Resulta significativo que os pioneiros do rexurdimento da nosa lingua bautizaran a súa portentosa aventura con esas palabras. Fala e irmandade figuran formando un tándem, dando así a entender que a plena recuperación dun idioma que estivera tanto tempo prostrado, dependía do espírito fraterno. 
Unha comunidade lingüística era unha fraternidade. No catálogo de integrantes senlleiros das Irmandades atopamos pensamentos moi diversos unidos polo amor á lingua, e convencidos de que o fin ultimo sería congregar a todos os galegos sen exclusión. 
Entre aqueles pioneiros abundaban os que tiñan, como Antonio Fraguas, unha orixe aldeá que marcaba a súa pedagoxía lingüística. Entre as lembranzas da nenez estaba sempre o contacto cunha fala que aloumiñaba, empregada polos seres máis queridos e na que tiñan tradución todos os fenómenos da natureza e o pensamento. Sabían que o galego entrara neles mediante o cordón umbilical dos afectos e polo tanto estaban dispostos a que os afectos serviran tamén para elevar o idioma ao rango que merecía. 
A fala era unha irmandade, e a irmandade forxábase ao redor da lingua. Desa fonda convicción nacería un galeguismo afable do que Antonio Fraguas é un dos mellores expoñentes. Unha amabilidade que non equivale a debilidade nas conviccións senón a unha fidelidade ao aprendido na escola da vida. 
Nada máis lonxe a Fraguas e á xeración de eruditos galeguistas da que forma parte que o despotismo ilustrado que invocaba ao pobo sen telo en consideración. Fraguas é pobo. Non se relaciona co pobo como mestre senón como discípulo, e de aí que en toda a súa obra se perciba un camiño que vai do particular ao universal e da vivencia á teoría. 
Fraguas parte de Galicia para volver a Galicia cun feixe de reflexións que configuran o retrato dun país que aínda perdura. O seu galeguismo non é máis que a recuperación de sentimentos durmidos que só esperaban as palabras axeitadas para espertar. 
O seu mestre e predecesor na Real Academia Galega, Alfonso Rodríguez Castelao, expresábao cunha afirmación que debera converterse en lema: “nós temos fe no noso pobo, e moi logo o noso pobo terá fe en nós”. Sen esa fe previa que exclúe modelos alleos, o galeguismo correría o risco de resultar estéril.
Moitos galegos que, aproveitando este Día das Letras Galegas, se acheguen á figura deste “rapaz de aldea”, sorprenderanse de atopar a un intelectual moi actual. Ser un viaxeiro por case a totalidade do século XX, dálle a Antonio Fraguas unha perspectiva histórica fantástica que lle permite condensar o esencial e buscalo preferentemente na Galicia entón esquecida. 
El ve pasar acontecementos de todo tipo e comproba que feitos que semellaban perdurables, acaban sendo pasaxeiros, mentres que elementos en aparencia modestos se manteñen como unha especie de faros no medio de todas as néboas.
Un deles é precisamente o espírito fraterno que nos legaron as pasadas xeracións de galegos, un tesouro que sempre foi valioso pero que nestes tempos adquire unha importancia renovada. Observamos como en ocasións as ideas que contribúen a cohesionar ás sociedades en torno a puntos de encontro, son substituídas por outras que perseguen agudizar os antagonismos e exacerbar os conflitos. 
Fronte a esta tendencia contra a que ningún país está inmunizado, podemos recuperar as ensinanzas de Antonio Fraguas, construtor dunha Galicia que antes estaba fragmentada.
Grazas ao galeguismo de afectos, Galicia pasa de ser un mosaico disperso a converterse nun país diverso pero tamén comunitario. Ninguén ten máis experiencia ca nós en crear unha comunidade que camiña unida sen que os seus perdan creatividade, autonomía nin liberdade. 
Un dos principais vencellos que nos permiten estar no mundo formando un nós é a fala. Os galegos fomos agraciados cun “don de linguas” que nos permite ter unha relación singular co mundo. Irmandade e Fala danse a man, unha lección que Antonio Fraguas aprendeu na súa aldea de Loureiro, e que nós aprendemos do seu legado.

(*) Presidente da Xunta de Galicia.

Te puede interesar