Opinión

Vaia se morren as democracias!

Que prefiren, que volvamos a Lichtenberg ou que nos poñamos a falar dos Reis Magos, en se eran ou non eran magos, se o que resultaron ser foi sabios, pero tamén uns guiris avant la lettre? Calquera cousa con tal de falar de algo e non falar en serio do ser prodixioso que naceu por estas datas e lle deu a volta á Historia: logo de El, é Deus quen se inmola polos homes e non estes quen sacrifican homes a calquer deus; en fin, que volvemos a Lichtenberg. O dos Magos de Oriente empeza a ser outra pura retórica e millor ha ser deixalo como está; ou sexa, os Reis Magos seguindo á estrela, ou ó cometa, ou o que raios fora, un meteoro, unha ilusión apenas recén nacida, indo camiño de Belén e eiquí paz e despois gloria e, de paso, paz ás xentes todas de boa vontade. Amén.
Preguntábase Lichtenberg que ocorrería coa República Francesa unha vez que as súas leis tiveran durmido ás súas anchas, dito así, en tradución directa do castelán, porque en galego estamos a feitos a botar sestiñas máis ben estreitas, case sempre en cama dura, pois levamos tantos anos sen reis, nin princesiñas que as botasen en colchóns de plumas, que nin escoitamos falar delas. O noso foi sempre traballar arreo, apañar ben cartiños nunha libreta de aforros e contemplar como con eles os bancos financiaban industrias fóra e eiquí paz e despois gloria, outra vez; así que o noso foi vivir sempre crendo estar en pleno Nadal cando o certo que estabamos sempre en Semana Santa participando na procesión dos Caladiños, xa saben, a de Venres Santo, sempre detrás da dolorosa.
A pregunta é, por conta da que se fixo Lichtenber, que ocorrerá co Reino de España unha vez que as leis que sosteñen a monarquía que a preside leven durmindo moito máis tempo do que xa levan, nesa especie de sesta do carneiro, sempre a medio día, a reloxo parado, testa contra testa, os do centro, testa contra cu os do resto do rabaño coas consecuencias que de tal comportamento e actitude se derivan; dito sexa así pra evitar a afirmación de que algo poida cheirar a podre en Dinamarca.
Temos parado o reloxo da Historia e non queremos decatármonos de que non avellentou a monarquía tanto como o fixeron as leis que a amparan, a Constitución na que se enmarcan, os políticos que a conducen e que acaso sexan os que deviron na obsolescencia máis acusada de todos eles. Nos corenta anos que levamos de concordia, nesa concordia que nestes días tanto é o que ameaza con se diluír, deixamos que fora esmorecendo a busca da excelencia que amparase a executoria dos pais da patria, pra ir descendendo nas nosas exixencias, ata ver a instalación da mediocridade intelectual entre os nosos tribunos (non moito da plebe) e senadores (non moi seniles, nin moi sabios). Hoxe están convertidos no que, o último cronista parlamentario, propiamente dito, don Víctor Márquez Reviriego, comezou chamando culiparlantes ata que o término acabou impóndose e tamén por imprimir carácter entre os pais da patria. Hoxe, os máis deles, acabaron por se manifestar de xeito mudo, tal cal suxeríu don Víctor, de modo ca comunicación resultante, entre as súas señorías, é a derivada da posición que cada unha delas ocupa durante as plácidas sestas do carneiro. Atufa.
Non se busca ós millores pro desempeño da función política, sexa esta parlamentaria ou de partido, sexa a levada a cabo na xudicatura ou na comunicación, na educación pública ou na xestión sanitaria; en troques son localizados e propostos unicamente ós máis sumisos, non os máis capacitados, os máis próximos á excelencia, senón aqueles que, formados nas propias filas, aprendidos nas mil argucias e artimañas necesarias nas cañarías e nas cloacas do Estado axuden a que calquera clase de liquido flúa por elas coa lixeireza precisa; o primeiro o liquido que atenda á súa propia e persoal mantenza, e logo o do resto dos compinches. E así estamos.
Non falla a monarquía, que tamén, pois está suxeita ás veleidades derivadas do feito, desexablemente permanente, de que o rei reina, pero non goberna. Existen hoxe no arco parlamentario media ducia de personalidades parangonables cos redactores da Constitución do 78, tan válida e útil na súa orixe como obsoleta e ralentizadora hoxe? Si. Están fóra do parlamento, non se ocupan na cousa pública.
As democracias morren. Vaia se morren! O pasado século asistiu impávido mentres os que ofrecían solucións simples a problemas complexo se levaban algunhas por diante; logo, houbo que montar la-de-dios-es-cristo pra facer retroceder os totalitarismos resultantes. Volvemos estar nas mesmas. As democracias levan dentro súa o xerme da súa propia destrución. Uns a tal xerme chámanlle buenismo.; profunda conviccións outros; pero no fondo trátase dunha boa sesta produto do pancismo debidamente instalado nos bandullos agradecidos ó sistema. Non nos irritemos que oi mesmo van e nos espertan da sesta, parecen estar dicindo cos seus silencios obsecuentes mentres, pra empezar, os autoritarios e intolerantes xa ocupan escanos nun parlamento sen ter xurado lealdade nin á constitución, nin ó seu Estatuto. Semella que son os chicos traviesos dunha dereita que os estivo amamantando durante corenta anos e agora os contempla co sorriso satisfeito de quen prudentemente permanecera calado.

Te puede interesar