Opinión

É urxente unha rexeneración política

Dicía Oscar Wilde, escribindo "a propósito da mentira" que un mentirán ten sinxelamente coma maior e acaso único obxectivo o de seducir, o de encantar, proporcionando pracer ós seus ouvintes e que niso, precisamente niso, descansa a base da sociedade civilizada. Que lles parece?
De ser certa a afirmación de Wilde vivimos nunha sociedade extremadamente civilizada; tanto e tan civilizada que case diríamos que nos estamos a pasar de rosca e que xa levamos varias voltas de rosca deterioradas, tanto é o que nos estamos pasando na aceptación das voltas de chave inglesa coa que se está a forzar a nosa capacidade de aceptación das gratas fantasías coas que tanto nos leva deleitando a nosa clase política; uns e outros, porque eiquí non se salvan ninguén.
Falando en xeral, porque ten que haber excepcións que confirmen a norma que se está a seguir, os líderes actuais entoan as salmodias que consideran van causar o pracer da esperanza ós da súa corda cando o certo é que cada vez, esa mesma esperanza que perseguen contentar, atópase máis deteriorada. Cada vez estamos todos máis convencidos de que mala solución han ter os nosos problemas sexa cal sexa a solución que se lles busque.
A forza de escoitarlles dicir un día unha cousa e outra distinta á semana seguinte, cando non ás poucas horas, estámonos afacendo a escoitar unicamente as razóns do líder da nosa preferencia sen atender en absoluto ás que poida esgrimir o seu contrario de xeito que toda capacidade de reflexión estásenos indo pola sumidoiro dos días tristes e atravesados. Os máis dos nosos políticos en vez de buscar o benestar da cidadanía o que están deixando en evidencia é o seu afán de ocupar o poder. Esa busca é lexítima, certamente, pero o que xa non o é tanto é o feito de procuralo a costa do que sexa mesmo dicindo hoxe que xó e mañá que arre...e viceversa ata que a besta que cabalgan acabe toleando.
Agora estamos contemplando como, dende algúns ámbitos da dereita, empeza a propagarse o espírito que alenta unha gran coalición; unha a xeito de entente cordiale que una os distintos empeños e intereses na busca dunha solución promediada e común. Ben está esa busca, ben esté ese empeño; pero é crible logo de tanta canción do pirata, de tanto vento en popa a toda vela, como nos levan querendo facer crer coas diatribas esgrimidas nos pasados meses?
Incluso o feito de que a dereita española e españolizada se veña declarando nos pasados días como a máis exemplar forza do centro dereita político pode antollárselle ó cidadán medio, alleo á "partidización" da vida política e intelectual deste país, unha declaración de principios que encerra unha perigosísima verdade dados os tempos que corremos porque, se o Partido Popular é o centro dereita, poderemos inferir (a xente de a pé, non a do PP) que a dereita sexa o territorio de Vox, sendo como é a terceira forza política deste país un diáfano exemplo de extrema dereita totalitaria por moito que tal verdade pretenda ser agachada cun discurso intelixente e efectista que está pillando desprevenida a gran parte da opinión pública española. Idéntico razoamento pode ser considerado unha vez chegada a hora de contemplar ó PSOE coma un partido de centro esquerda deixando insinuada a condición dos seus probables socios de goberno como exemplos de esquerda ou dun esquerdismo moderado e sinxelo que non profesan en absoluto. E logo que?
Non se sabe se é de esperar, malia que si sexa de desexar, que tras o innegable afán de acceder ó poder mesmo por agrupacións matrimoniais modelo Ceaucescu, da índole das formadas polos Espinosa-Monasterio ou mesmo polos Iglesias-Montero, non se agachen as forzas que deixaron de predicar abertamente os seus principios optando por outros máis acordes co Patio de Monipodio no que empezan a asomar senón as cabezas si as orellas de Rinconete e Cortadillo, si se me permite está suxestión intelectualmente algo groseira pero á postre aceptable en gran medida. Non pode ser verdade tanta beleza, moderación tanta, harmonía tan preclara e deixación de principios tan grotesca.
Certo que pode ser exaxerado o que se pondera, pero pode ser posible que en cuestión de días a mesma posibilidade que quitaba o sono empuxe a durmir xuntos? Pode selo o que se diga que é imposible chegar a un acordo co líder do partido maioritario e agora se empece a insinuar a conveniencia de chegar a un acordo que evite a coalición de esquerdas que se pretendía evitar a costa do que fose, incluída a estabilidade democrática?
É urxente a recuperación dun crédito que permita á cidadanía sustentar unha mellor opinión non só dos seus líderes senón mesmo do sistema democrático no que estes afirman apoiarse. É urxente unha rexeneración da nosa convivencia política hoxe tan deteriorada. Quizáis e desexablemente estea a chegar a hora de afrontar unha verdadeira e real transición que nos faga superar hábitos que cremos superados e que eiquí os temos de novo someténdonos ás irracionais forzas, dunha e doutra tendencia, que nos levaron a un enfrontamento que, é doloroso constatalo, aínda persiste en gran parte da nosa poboación sexa esta dunha tendencia ou doutra.
É moito hora de saber non cal vai ser quen ocupen os cargos senón o que pretenden facer e como. É hora de falar en serio, con luz e taquígrafos, da necesidade, da conveniencia e da posibilidade real dunha gran coalición que faga fuxir os vellos fantasmas que aínda nos dominan. A xente necesita saber canto antes como vai ser afrontado o futuro común e comprobar, dunha bendita vez, que os líderes políticos teñen unha visión e máis un compromiso de Estado que monte por enriba dos seus lexítimos intereses de partido.

Te puede interesar