Opinión

Unha cousa e a súa contraria

Ooutro día atrevinme a dicirlles que Séneca, ás veces, afirma unha cousa e, unhas páxinas máis alá, vai e se contradí. A algúns pareceulles impropio dalguén sensato o prantexar este tipo de cuestións e, ó tempo, pareceulles a outros impropio de Séneca este tipo de frivolidades. A min, confésollo, non me parece mal que alguén diga hoxe unha cousa, logo o pense millor, e pasado mañá acorde que a contraria ten máis sentido ou que, dependendo da oportunidade, unha afirmación deveña en recomendable mentres que, noutra, sexa prexudicial non xa a súa posta en vigor senón mesmo a súa simple consideración.
Agora ando a reler a Pascal. Non deixo de preguntarme o porque, chegados os vraos, a min dáme por recorrer a este tipo de lecturas. Ó millor ten que ver coa xenética. Teño un neto de moi poucos anos que anda a voltas cos presocráticos. Empezou este vrao sen que ninguén lle dixera nada e espero que lle saque máis rendemento ca min. O caso é que ando a reler a Pascal e voume permitir traer a colación dúas longas citas del a ver que lles parecen.
A primeira valeulle, espero que onde estea lle siga valendo, pra considerar que as diversas axitacións dos homes e mailos perigos todos e tódalas decepcións coas que se atopan na Corte -póñoo en letra capital pois non me estou referindo á dos porcos- tamén na guerra ou en calquera outra aventura semellante, esas variadas axitacións do ánimo, servíronlle pra comprender que toda a desdita humana débese a unha súa razón: ó feito de que non sabe permanecer en repouso nunha habitación.
Non digo que non poida ser así. Pero sospeito que puidera non selo dependendo do home, da guerra, da corte e mesmo do propio ánimo de cadaquén. O caso é que máis adiante volve Pascal teimar no mesmo e asegura que nada lle resulta tan insoportable ó ser humano como permanecer en absoluto repouso, sen paixóns, sen nada que facer, sen diversións, en resume, sen nada no que se entreter. Como se na guerra ou na Corte non existiran as paixóns, as diversións e mil cousas nas que motivar a axilización do noso ánimo.
Teima Pascal, respecto desta súa contraditoria afirmación, en que a causa dese repouso na súa habitación, que era o que sinalaba antes positivamente, xorden o tedio, a maldade, a tristeza, o pesadume, a rabia e mesmo a desesperación. No que quedamos? Se permaneces en repouso na túa habitación evítaste calquera complicación ou en que se o fas acabarás como se indica? O pensador teno claro: "Cando un soldado ou un labrego quéixanse das súas vidas , que se lles deixe sen facer nada". Ó soldado e ó labrego? E ós demais?
É indubidable que non se pode xulgar a ninguén, nin a Sócrates nin a Pascal, descontextualizando as súas afirmacións, dándolles a volta, que é o que estou facendo eu, con tal de dar non sei se de que falar ou en que pensar. Pero algo de razón o mesmo a teño. O caso é que os homes,e ás homas, se me deixan que o diga así porque por eiquí cerquiña de onde eu vivo aínda hai vellos que cando se refiren ás súas mulleres din, sen ningunha segunda intención que se lles poida adiviñar, din "a miña homa", así que xa o saben; o caso é que homes e mulleres reaccionamos de moi distintos xeitos ante os mesmos estímulos.
En troques de dicir homes e mulleres, imos dicir persoas e así evitámonos lios, polo menos ata que a cousa dea a volta xa de todo e teñamos que dicir persoas e persoos ...polo aquel do politicamente correcto; por certo, ó día de hoxe, tanto no que se refire Séneca como con respecto a Pascal, se poderá dicir de ambolosdous que falar deles estea ben e sexa precisa e politicamente correcto. De Séneca diríase que aínda ten un pase, diríase, non o digo eu. De Pascal o mesmo hai quen opina que non. O mundo e as opinións sonlles case que sempre flores de moi poucos días. Ou asi parécemo a mín. Parécemo porque cando traio a colación a Charteaubriand ou a Montaigne sempre hai alguén que mo reproche xa que se me esquecen pensadores máis actuais. Teñen razón. Pero é que tanto un coma ouro falan da condición humana e isa, meus amiguiños, élles inmutable. Como imos pretender que, se todos os animais da creación se comportan de acordo coa súa condición e do mesmo xeito dende hai centos de miles de anos, e sexa precisamente o animal humano o que deixara de facelo?
E xa que andamos pedantes e un pouquichiño frivolóns que lles parece se apomos a Lord Chesterfield e a colección de cartas que lle escribiu ó seu fillo, dándolle consellos e pautas de comportamente, co bo salvaxe de Rousseau e as pautas e os consellos que se derivan da súa lectura?
Ouh, a condición humana! Cando me poño a cismar nela sempre me veñen á cabeza aqueles versos finais cos que a nosa Rosalía remata o seu soneto que empeza dicindo "unha vez tiven un cravo cravado no corazón..." pra rematar clamándolle a Deus "este barro mortal que envolve a alma, quen o entenderá, Señor!" Non sei se exactamente así, pero así é como o recordo. E váleme. Eiquí os deixo, Que teñan bo día.

Te puede interesar