Opinión

Senadores, senatrices e senatroces

Cada día que pasa é máis sorprendente o nivel dialéctico que acadan os nosos representantes. E que dicir do retórico! Non hai máis que recordar, a propósito deste último, a repetitiva elocuencia coa que un nervioso e xesticulante líder político alcumaba como "la banda" ó seus opoñentes millor cualificados. Hoxe, é dicir, o pasado día 30 de xullo, outro líder político, o mesmo ó que o anterior lle cuestiona e disputa o seu liderado, asegurou mentres amosaba unha branca dentadura máis propia dun anuncio de pasta dentífrica que dunha intervención política -por aquilo de que o sorriso inmotivado é a elocuencia dun imbécil, non por outra cousa ningunha- que o seu partido conta con non sei cantos millóns de españois a través dos concellos, con outros non sei cántos millóns máis a conta das autonomías e aínda con moitos millóns máis que os votaron nas últimas eleccións habidas.
Según esas contas e tal como foron expresadas, ou cando menos tal e como foron entendidas, implica que non sei cántos concellos non están en España, que non sei cántas autonomías tampouco non permanecen no solo patrio e menos mal que, polo menos os electores habidos nas últimas xerais si pisan terra española...o que non se sabe e se ós seus detractores lles parecerá que teñen os pes na terra e saben realmente o que fixeron ó votar como votaron e trasladalos á oposición.
É coñecida a anécdota da réplica que, durante a Segunda República Española, lle deu Gil Robles a un deputado que lle dixera textualmente: "A súa señoría é dos que aínda levan calzoncillos de seda"; respondeulle: "Non sabía que a esposa da súa señoría fose tan indiscreta". Sen embargo, iso non foi nada comparado co desparpaxo co que, nun debate habido na televisión entre candidatas a ocupar escano, non sei se só no Congreso ou se tamén no Senado, unha delas se dirixiu ás súas contrincantes preguntándolles, algo abraiada e referíndose non ós salvaxes da manada actuante en Pamplona, se non á vítima, se elas "dicían, si, si, si, si, sempre" e ata o final, dando a entender que ela debe engadir algún "non, non, non" entremedias de tanta e positiva afirmación o que, en ausencia dun Gil Robles, podeu dar pistas relacionables con aquel seu compatriota que, finalizando a cópula, como ela non dixese nin si, nin non, senón tan só "Dios mio! Dios mio, Dios mio" concedéulle todo altruista e xeneroso "¡Podés llamarme Ernesto!"
No noso Parlamento galego, tamén houbo algún que outro caso que poder aportar hoxe; por exemplo, o dun deputado ourensán que falaba moito e moi ampulosamente, pero sen alá moita substancia, ó que Antonio Rosón, lle rogou dende a presidencia que fixera o favor de abreviar ó que o orador lle respondeu con voz que denotaba certa condescedencia "xa abrevo, señor presidente, xa abrevo" ó que, rápido coma un foguete, Rosón lle respondeu: "Ah, se é así abreve canto queira señor deputado!"
Foi Ramón Franco, sendo, se ben recordo, deputado comunista, quen durante a Segunda República, propuxo no Congreso que as sesións fosen transmitidas a través das emisoras de radio, costume que hoxe sucede con total normalidade e, a maiores, se estende á propia e moito máis evidenciadora da realidade política e parlamentaria tal como é a televisión. Escusado está sinalar que non se lle atendeu á súa petición, negándolla, o que fixo que el interpelando ós deputados do seguinte xeito: "Pero que medo teñen as súas señorías a que o país saiba o que vostedes din".
Hoxe non hai aquela rapidez de reflexos dos que tantas anécdotas se conservan. De aquel Estanislao Figueras que, ós tres meses de ser Presidente da Primeira República desapareceu de repente e que ó ser localizado en París e interrogado pola súa ausencia respondeu: "Es que estoy hasta los cojones de todos nosotros", pasamos directamente ó "manda huevos" que fixo famoso a Federico Trillo. Nada que ver con Ossorio y Gallardo cando, logo de se preguntar durante a Segunda República sobre "¿qué será de nuestros hijos" recibiu unha pronta resposta dende un escano: "¡Al de su señoría lo hemos hecho subsecretario!"
Hai moitos máis exemplos, algúns aínda recentes. Camilo José Cela dirixiuse unha vez ós "senadores e senatrices" apoiándose no feito de que se diciamos actores e actrices non vía razón coa que se puidesen opoñer as súas señorías a tal proposta. Federico de Carvajal, á sazón presidente da cámara alta, non se opuxo á proposta do escritor e académico sempre e cando en vez de dicir senadores se dixeses senatroces.
De onte a hoxe vainos chegando cos membros e as membras, tamén cos jóvenos e as jóvenas, que propuxera Carmen Romero e con toda esa restra de términos que complican e degradan a linguaxe. No fondo estes excesos verbais non deberan sorprendernos demasiado. Cando as Cortes de Cádiz houbo un deputado católico que solicitou que un crucifixo presidira o salón de plenos e só se opuxo outro deputado que dixo que si, que se puxera, sen maior problema, sempre e cando ó seu pe figurase unha lenda na que estivese escrito: "Perdónalos, Señor, porque non saben lo que hacen". Pois iso.

Te puede interesar