Opinión

Paremias de Dahomey

Escribo ó día seguinte ó da investidura fracasada. Non sei se poñerme a facer disquisicións a cerca dos resultados de tanta exposición ás alturas estratosféricas, onde as jet stream poden facerte chegar de Nova York a Londres en catro horas e media, case que un pouco antes de despegar e onde, tanto trato cos que mandan no mundo por delegación bancaria, poden facerche perder a cabeza ou botar man do refraneiro; algo que na miña mocidade estaba moi mal visto: home refraneiro, home piloneiro, dicíase: Xa ven, dende entón, non avanzamos moito.
Onde os españois din "ladran, logo cabalgamos" os franceses, que son moito máis prácticos, sinalan que "ladran os cans, pasa a caravana". Onde nos dicimos "a nena dos meus ollos", os ingleses din "a mazá dos meus ollos"... e así. Sómoslles ben distintos os uns dos outros.
Agora e a propósito de refráns caeu nas miñas mans un libro subtitulado "Palabras de vida y palabras de muerte en el antiguo Dahomey". No seu comezo, recorda Manuel Serrar, tradutor e recompilador de todas esas cantas palabras recórdanos a anécdota dunha muller que deixando ó lume unha salsa de mollar e ó seu xenro vixiando esta, regresou axiña e preguntoulle ó home da súa filla que tal estaba o prebe. Como este lle respondese que non tivera a ben probala, a sogra respondeulle: "Esqueces que levas barba". A isto nós dicímoslle que se colle antes a un mentirán que a un coxo.
Será que as súas señorías non adoitan levar moitas barbas (a de Pablo Iglesias pode ser unha aproximación, pero dende logo non é unha "barba belida") o caso é que entre o voos de alturas internacionais e os voos rasantes e nalgúns casos incluso arrastrados, estamos a piques de que a cidadanía teña que poñer as propias a remollo... pois tal camiño levamos.
Fisgando eiquí e alá por libro tan interesante atopo paremias que non sei que lectura, que interpretacións terán alá en Dahomey, pero que a min suxírenme unhas cantas a propósito dos frustrantes días que andamos a vivir. Transcríbolles algunhas pra que teñan algo en que perder o seu valioso tempo; aí lles van: "Se o rinoceronte fai zozobrar a barca, os peixes pequenos aproveitan pra enchela de auga". Outro: "A ponla seca da palmeira, dille á súa irma, unha ponla recente: tamén eu estaba no centro antes de me ver na periferia" E aí lles vai o último: "A mona quixera embelecerse, adornarse o van con fileiras de doas, pero carece do principal: das nádegas". A saber as diversas interpretacións e adxudicacións que cada lector obtivese e fixese logo dunha breve meditación. O can sempre queda onde atopa un oso. 

Te puede interesar