Opinión

Optimismo da vontade, pesimismo da razón

Moito me levo acordado, nestes días post electorais, do terceiro presidente de Galicia e máis do terceiro presidente do goberno de España; a este, trateino pouco: algún encontro illado, algunha conversa hoxe descontextualizada e, por parte del, de difícil recordación; a aquel, trateino moito: uníanme a el a xeografía, a común territorialidade e, déixenme dicilo, o amor a Galicia malia que me distanciase del un sistema de ideas que era o que me unía ó presidente do goberno central que tanto se queixaba de carecer de tribo e, sen embargo, tratou a Andalucía como se fose a súa, que o era. 
As figuras dun e doutro levan facéndose presentes dende entón, dende as pasadas eleccións de hai doce días, con moita frecuencia; máis a de Fraga que, non nunha senón moitas veces, repetiume que a actual Constitución, a chamada do 78, estaba abocada ó fracaso pola mesma razón que conduciu a el tódalas constitucións españolas dende a do 12, a chamada “La Pepa”, a das Cortes de Cadiz, ata que precedeu á ditadura franquista. Cal razón era esta? Según Fraga a razón estribaba en que ningunha delas afrontara nunca o reto de converter ó Senado nunha cámara de representación territorial que compensase o desequilibrio na capacidade de resposta política que a demografía, a realidade económica e mesmo a xeográfica ou a demográfica impuñan ó total das desfavorecidas neses e aínda noutros aspectos. Imos, máis ca nunca camiño delo. A realidade cambiou, cambiou a sociedade, outro é o país tan distinto do que hai corenta anos sen que a clase política se decidise aínda a afrontar o reto pendente dende fixéronse xa dous centos de anos.
Felipe Gonzalez e Manuel Fraga, Manuel Fraga e Felipe Gonzalez, as súas cabezas, eran as de dous homes de Estado, sen dúbida. E había algunha máis e outra era a realidade. Hai alguén que se imaxine hoxe que algún membro significado da dereita militante, xa non digo da máis militante, da extrema, se poña a argumentar que mentres que os Estados Unidos de América do Norte son unha Nación de Estados, España é un Estado de Nacións; hai alguén por aí que se imaxine tal cousa? Pois tal consideración fíxoa no seu momento un historiador e ex ministro de cultura no 1980, con UCD e tan de dereitas-dereitas como foi Ricardo De La Cierva sen que ninguén se mesase as barbas ou se rasgase as vestiduras. Recórdese o de Nación de Nacións que foi leitmotiv da dereita ultimamente e verán como virou a realidade dende que Fraga uniu á dereita ata que se foi Rajoy e como dixo Iglesias Corral no seu momento, pasou o que pasou.
Eiquí de momento ímonos librando da realidade común á maior parte de España. Feijoo mantén á dereita no eido ideolóxico que lle corresponde sen que poida afirmar nela a presenza da dereita extrema como non se puido dicir mentres durou o fraguismo e, ó igual que sucedeu con Fraga, o actual gobernante de Galicia tivo unha primeira lexislatura digna de toda loa da que logo se foi arredando diría eu que insensiblemente. Si Fraga colocou a Galicia non só no mapa da política española, senón tamén no da internacional -nunca ningún presidente autonómico español foi recibindo nun país estranxeiro cun tratamento propio dun xefe de estado como vin eu que foi recibido Fraga- se Fraga fixo iso e logo da primeira lexislatura e o seu galeguismo inicial foi devecendo en virtude da presenza de Aznar no palacio da Moncloa, se Fraga fixo iso, Feijoo gobernou sen a penas orzamentos na súa primeira lexislatura cunha prudencia encomiable pra acto seguido dispor dun encomiable servizo de comunicación e prensa quen de ocultar unha realidade que a non todos se lle fixo evidente pero que estaba e está aínda aí.
Quizais a presenza na Moncloa dun presidente socialista (qué é o que cabe esperar cando estas liñas están sendo escritas) leve a Feijoo a manter (no que resta desta lexislatura e mesmo na seguinte pois tamén o que é de supoñer que continúe no goberno dada a pouca forza do PSdeG/PSOE) o pulso político que tantas rendas lles leva proporcionado ás outras dúas nacionalidades históricas planeándolle á Moncloa as exixencias, conflitos e reclamacións políticas, por suposto que dentro das normas democráticas, que nos leven á compensar eses desleigamentos que a demografía, a xeografía e a excentricidade que dende sempre padecemos nos leva proporcionándonos o lugar de segundos que, honradamente, penso que non nos corresponde dada a colaboración de toda índole que Galicia ven prestando dende sempre ó conxunto de España, do Reino de España, deste País, da Patria Común, do Estado español ou de como cada quen acorde chamarlle á realidade cidadá da que somos parte, unha realidade que como non a deamos superado dunha vez na condición que actualmente seguimos padecendo vai acabar con nós e coa esoutra realidade que anelamos e que xa vai sendo moito hora de que a disfrutemos.
O que acaba de ler o lector atento é unha expresión máis dese optimismo da vontade co que servidor intenta compensar, pola súa e persoal parte, o pesimismo da razón que últimamante o invade. Nada permite adivinar que a paisaxe política española vaia cambiar moito no futuro, nin tampouco que Feijoo deixe de se comportar como o ven facendo dende hai anos cun éxito a todas luces evidente; pero onde irá o boi que non are?
Exprésoo así porque, tal e como vai a cousa, o máis probable é que (Teodoro dixit) se o PP é o centro dereita e así se lle reserva a Vox a condición de dereita, a deriva do conxunto de España non faga presaxiar nada que mereza moito ser vivido. Pero o mundo parece que vai ir por aí e que tal é o vento que nos leva.

Te puede interesar