Opinión

O tsunami puritano

Pensaba Erich Fromm que quizáis non exista fenómeno con maior carga destrutiva que a indignación moral, en tanto que permite que o odio e maila envexa aparezan disfrazados de virtude. Pra min que algo de razón non lla podemos negar. Unha das cousas máis perigosas que coñezo, a maiores da indignación moral, ven sendo a convicción moral. En nome dela, en nome da convicción moral dun xurado unha das persoas que eu máis admiro intelectualmente foi condenada por un que a tiña, que tiña a convicción moral de que o meu amigo delinquira.

Condenar sen probas por ter á convicción moral ó acado das necesidades do momento, sexan estas as que sexan, políticas, persoais, profesionalmente convenientes ou de calquera outra índole, é práctica que se non todos padecemos algunha vez si cando menos contemplamos nalgunha ocasión.

Río que sona auga leva é paremia recorrente, en tales oportunidades, que xustifica cantidade inxente de crenzas e opinións, esquecéndose, quen bota man delas, de que os que contan son nos feitos. Mágoa que o volteriano "calumnia que algo queda", sexa tan certo como que mentres isto escribo, vai unha calor que non sei se cualificar de miserable; tan inhóspita resulta.

O outrora venerado e hoxe grandemente deostado Filipe González solicitou esoutro día da audiencia que o principio da presunción de inocencia lle fose aplicado ó noso anterior Xefe de Estado. Millor non recordar os comentarios escoitados a este respecto; uns, referidos ó ex presidente do goberno central e referidos, outros, ó propio ex monarca. Ningún deles cualificaba de bonitos a ningunha destas dúas egrexias personalidades. Pero est6aban cheos de indignación moral. Sen embargo o principio de presunción de inocencia debe ser tido sempre en conta antes de botar a boca a pastar, se me deixan utilizar unha expresión que agora xa non se escoita moito malia a cantidade de animaliños que pacen no vizoso eido da maledicencia.

Dito o anterior e sen que elo supoña constancia algunha de que eu considerei puros e fieis ós seus principios e valores a tan significados persoeiros pois, pra fieis, os defuntos e, pra puros, os d'A Habana, consíntame a bondade dos meus lectores que me entreteña nalgunhas circunstancias das moitas que rodean o caso.

Pero antes, a verdade por diante, permítanme dicir que a señora, ou así, da que de contado imos falar, está realmente suculenta, a medias entre a tenrura dun solombo de tenreira galega e a frescura dunha leituga rizada e sazonada con aceite de oliva virxe, da variedade arbequina, xenerosamente regada xunto con vinagre balsámico de Módena. Mesmo se diría dela que ten un beizo inferior superior polo que o efecto balsámico do vinagre ha ser realmente inapreciable, amén de indesexable e ocioso.

Tan valioso exemplar humano afirmou, segundo se comenta, que o agasallo de sesenta e cinco millóns de euros co que ó parecer a obsequiaron, foi debido ó amor. É posible considerar logo que ese amor habería que telo feito con anterioridade e cunha frecuencia e intensidade tales que, aínda así, permita deducir, ós ociosos coma min, que dada a cantidade e a posibilidade de que cunha frecuencia semanal (pois unha vez á semana é cousa sana e unha vez ó día unha porquería) considerando que o ano dispón de cincuenta e dúas, reservando catro de descanso e poñendo as cousas fáciles, pensando que a relación puido ter durado dez anos, obtemos un numero total de feitos amorosos de cinco centos deles.

Se isto fose así -que non está escrito que o fose pero por seguir a enredar un chisco- dividindo sesenta e cinco millóns entre cinco centos amorosos actos danos un montante (nunca millor dito) de cento trinta mil euros por cada un deles. A verdade é que, de ser así, a suculenta e moi nutritiva actividade amatoria da señora dona dunha frescura de leituga rizada estivo xa que non ben retribuída si polo menos recompensada.

Por outro lado de ser certos os comentarios atribuídos ó meu admirado, querido e respectado Fernando Ónega, xustificativos da real prodigalidade real (escúsenme a reiteración, pero é que viña de marabilla) atribuíndoa ás estreiteces padecidas polo ex monarca na súa nenez de exiliado, sitúanos ós lectores no extremo diametralmente oposto á cualificación de Erich Fromm respecto da indignación moral.
Da indignación moral pasamos a estar nos arredores do espazo dunha compracencia moral na que non creo que se lle aplique en ningún caso á xente que se arruinou, nin ós rapaces que viven no soarego da pobreza e rouban un par de galiñas... por poñerlles un vello exemplo de todos coñecido e tan gastado que case me avergonzo de ter quen recorrer a el; pero xa lles dixen que vai moita calor.

Aboiaran tamén sentimentos de odio e máis envexa neste caso? Seguro que non, ou tal eu creo e ademais espero. O prudente, coido, é suspender os sentimentos que a todos nos poden aflorar e demorar a súa aparición ata que unha sentenza en firme, baseada non en convicións morais, senón en feitos constatables e probados, sexa emitida por un xurado imparcial e xusto... se non é moito pedir.

A onda puritana e hipócrita que avanza entre nós coa forza dun tsunami debe ser freada, a envexa e mailo odio veñen asociados a ela cando o desexable é que o que predomine sexa a reflexión serena e o xuízo prudente e cauto. É certo que o monarca abateu un paquidermo: fíxose unha foto diante del apoiada que tiña a súa trompa contra o toro dun árbore pertencente a non sei que especie. Agora unha señora di que o agasallo foi en pago dun amor compartido, si, pero sería bo facer ben dunha vez as contas antes de botar a pastar as nosas bocas.

Te puede interesar