Opinión

Non fallou Piñeiro

Existen dúas palabras que, quizais saiba por que razón, teño atravesadas. Unha delas é implementar; implementarei isto, implementarei aquilo, e por aí seguido. Sigo estando afeito a dicir aplicarei isto ou aplicarei aquilo; qué lle imos facer. Son quen de me aplicar nalgunha tarefa, pero pouco ou nada amigo de me implementar nela. E amén. A outra é a palabra transversal; con ela tamén, claro está, transversalidade. O mesmo ven sendo cousa debida a que vivín nos tempos dos sindicatos verticais, que non me gustaban nada, e optei polos horizontais de xeito que quedei tocado de ala por moito que comprenda que haxa xente empeñada en que os verticais son moito millores.
O outro día lin que "o galeguismo transversal resultou ser un fracaso". Confeso que, nun principio, quedei algo trasposto. Coido que acaso fora pola dificultade que pra min encerra a palabra transversal, non por outra razón. Pero quizais por iso tardei en me decatar ó que se refería tan ilustre definidor. Así que seguín lendo. Resultou que o esgrevio cualificador se refería a que "o galeguismo transversal de Ramón Piñeiro e o sectarismo pexaron as nosas lexítimas aspiracións identitarias"
Confeso que eu sigo botando en falla a presenza de Ramón Piñeiro e aquel seu afán de que se galeguizaran tódolos partidos en razón de entender que só esa galeguización podería darnos a voz da que, como comunidade diferenciada, aínda non disfrutamos. Se eu o recordo ben, foi o manifesto de "Realidade Galega" (que eu non asinei pois non fun convocado a elo) o que sírveo de punto de partida, con gran efectividade por certo, prá reclamación do Estatuto de Autonomía que se nos negaba. 
Sucedeu e seguiu sucedendo así cando outras forzas políticas, de dentro e de fóra, alentaban consignas como "Autonomía non, autodeterminación" ou alcumaban ó Parlamento de Galicia como "O Parlamentiño" cando non como "Parlamento de cartón". 
Dese Parlamento no que hoxe conviven forzas políticas que o eludiron no seu momento, levan emanado leis e leis que, unhas millores, non tan boas outras tantas, xuntas coas institucións cuxa existencia algunhas delas determinaron e con outras realidades máis, derivadas estas da propia acción do Goberno de Galicia, serviron e aínda poderían ter servido máis pra que caseque corenta anos despois este país disfrute dun autogoberno, manifestamente millorable, pero como non o disfrutara ó longo de séculos de malfadada historia.
Gran parte de todo iso débeselle, sen dúbida, a Ramón Piñeiro, ó seu espírito conciliador, á súa intelixencia construtiva, á súa capacidade dialogar e de se entender con todas as forzas políticas que, unhas con máis determinación e outras con menos, nos levan traído á situación na que estamos por moi insuficiente que se lle antolle a algúns ou por moi excesiva que pensen outros que é.
Mentres iso sucedía quen continuou mantendo as relacións necesarias coa Galicia exterior foi maiormente a xente que rodeaba a Piñeiro, dende os da Xeneración Nós que as continuaran ata Sixto Seco e outros coma el, e, noutro orden de cousas, dende Fernández Albor ata o propio Manuel Fraga. Certo é que, mentres tanto, houbo outras forzas en concurso; creo que a min tamén me houbera gustado máis chamarlle Consello que Xunta de Galicia e que acaso Fernández-Osorio e Tafall ou calquera outro puideran telo presidido. Pero que non sucedese así non foi por culpa de Piñeiro.
Claro que houbo outros líderes políticos mentres este incompleto proceso tiña lugar. As súas políticas consistiron, cando non en apoiar a loita armada, en ir saltando de siglas en siglas, facéndoo según necesidades e conveniencias. Siglas que foron fundadas exprofeso nas ocasións propicias con tal de manter os seus liderados e a costa de ir deixando tras deles os cadáveres políticos da xente máis entregada ós seus discursos e en risco de lles facer sombra. 
Que deixan tras súa? Empezaron, algúns deles, a deixar algunha pegada do seu paso no momento no que fixeron o mesmo que antes tanto lle reprocharan a Piñeiro ó seguir o camiño que Piñeiro abrira na Primeira Lexislatura do noso Parlamento. Ou é que non é o mesmo iso que fixo Piñeiro gobernar co PSdeG-PSOE? Ou que acordar con Podemos? Iso é transversalidade ou que centellas é?
Non fallou Piñeiro, nin fallou o seu afán de galeguizar ós partidos e, a través deles, galeguizar ó país; segue sendo necesario facer país neste país no que nestes días inda hai xente que non vai a misa porque "a din en galego e Xesucristo non o falaba" ou seica o castelán está en retroceso. Con estes bois se ara, non con outros. Fallamos todos. En corenta anos non fomos quen de consolidar unha sociedade civil forte e enraizada, consciente e consecuente coa necesidade de pertencer a unha sociedade e sabedora de que é a nosa Historia a que nos trouxo ata eiquí de maneira que ser galego é o noso xeito de seren españois e que esta segunda condición é da que se deriva a de ser europeos. Somos un pais de tres millóns de habitantes cunha maioría de vellos, sen a penas industria, coa agricultura practicamente desaparecida e histórica e continuadamente espoliado da maioría dos seus recursos e resignado a elo. Non foi Piñeiro e a súa transversalidade galeguista o que fracasou, somos todos nós. Nós, estoutros os inadaptados.

Te puede interesar