Opinión

Minestra de verduras política

Ánimo que xa queda pouco! Unha semaniña máis e a votar, a ver que susto levamos desta volta porque, algún que outro, levarémolo. Deixou escrito Chateaubriand, que non creo que non sexa do gusto dos máis conservadores de entre todos nós, que hai dous xeitos de producir revolucións: a primeira, abundar moito, teimar ata a contumacia no sentido dunha nova institución e, a segunda, resistirse demasiado a ela. 
Establecidas estas bases, Chateaubriand sentenza: cedendo ó impulso popular chégase a anarquía, ós crimes que son consecuencia dela e ó despotismo que é o seu castigo xa que resistíndose demasiado contra o espírito dun século tamén se pode romper todo, avanzar por outra vía cara a confusión e logo cara a tiranía.Desculpen esta longa cita. Hei consultar de cómo abonarlle o quiñón ó defunto pola súa utilización, pero é que me pareceu de caixón traela a propósito destas nas que andamos.
Vivimos tempos nos que algúns venlle moito sentido a promulgar unha nova constitución, a instituír unha nova carta magna e porfían no empeño cada vez que poden. Pola outra banda hainos que se resisten demasiado a darlles a razón. Xa vemos o que Chateaubriand nos avisa a tal respecto. Ambos os dous procederes son motivo máis que abondo polos que convén estar moi atentos.
Quizá unha vez máis a virtude estea no punto medio e o que se deba reclamar sexan unhas poucas emendas á constitución do 78, algunhas reformiñas que outras, que mal non lle habían vir e deixaríanos contentos á maioría dos aborixes, dos cidadáns deste país atravesado por tanta cadea montañosa e tan mal disposta que sempre nos resultou difícil comunicarnos, é dicir, entendérmonos os uns cos outros. 
Por iso, unha vez chegados a este florilexio nada sacro por moi democrático que sexa, unha vez acadado o paroxismo desta oferta electoral tan prolixa en siglas e en verdades, quizá sexa indicado e facer caso de aquela recomendación que hai anos nos fixo Antón Reixa nunha das súas cancións: "Estamos en guerra convén reflexionar"... en guerra electoral, enténdase... e xa nos vai chegando sen necesidade de máis.
Hai trinta anos ocorréuseme escribir que o feito de ter que votar listas pechadas en vez de abertas implicaba a condución a un destino certo: o da partitocracia. Moito non me enganaba, a verdade. Pero, hai uns días, escoiteille a palabra, esta vez xa coma un cualificativo contundente, a un deses homes repeiteados, que prometen acabar coas autonomías e están convencidos de que recomezaron xa outra reconquista, e asusteime. Cando menos preocupeime. De resultas de tal susto prometo non volver utilizar o termino partitocracia se pra o que vai valer é pra deostar a nosa e vixente democracia. Pero prometo seguir reclamando a reforma da lei electoral, a da lei de financiación dos partidos políticos, tamén e inescusablemente a do Senado e, por conseguinte, que diría Felipe González, o resto das que estime necesarias.
Tales propósitos alumbróumos a relectura do texto de Chateaubriand que mal que ben lles reproducín hai xa non sei cantos parágrafos. Iso si. Pero fareino coa contención debida e atendendo ós segundos avisos que se derivan da súa lectura. Refírome ó que, primeiro, nos avisa de que cedendo ó impulso popular axiña se pode chegar a anarquía (máis agora cando hai tantos que se confesan anarco-capitalistas) e con ela a eses crimes que trae con el o despotismo por moi ilustrado que se pretenda. E ese camiño pode ser recorrido levados da man dunha extrema esquerda ávida de ministerios do interior, ou da gobernación como se lle chamou en tempos, de centros de intelixencia e de medios de comunicación. Isto no primeiro caso. No segundo refírome a aquel outro espectro político que se resiste con unllas e dentes, tamén a berros dialécticos, en caso de terzarse, contra o espírito do século correndo o risco de nos confundir a todos facéndonos avanzar por outra vía e camiño de dous lugares non gratos: primeiro o da confusión; logo o da tiranía. Ou chámenlle ditadura se o prefiren. Pregúntenllo a Chateaubriand; ou sexa, léano.
As eleccións do próximo domingo son unicamente municipais e europeas, no noso caso, pero tamén autonómicas en case tódalas demais e, en calquera deles, definitivas pra clarexar, cando menos en parte, a minestra de verduras que nos deixaron as pasadas eleccións con dous partidos de extrema contundencia ideolóxica, un a cada bando do espectro; outros dous que pretenden liderar o mesmo e non se poñen nin se van poñer de acordo e un quinto e desexablemente gobernante dado que optou pola serenidade e a contencións e case que tódolos los sentidos. 
Iso no que respecta ós chamados partidos nacionais, como se os outros foran estranxeiros e aínda que farrucos algúns si que saíron. E non me refiro só ós supremacistas cataláns, nin ós nacionalistas vascos, pois quedan por aí ciscadas outras realidades que mesmo poden ter máis competencias nos seus estatutos que as que desfrutan os cataláns. Así que ollo ó piollo, que rezaba aquel slogan xunteiro. Midamos ben os nosos votos, a ver se nos aclaramos. Pero pra iso primeiro terémolo que facer nós e votar a aqueles que nos defendan botando así ós que non o fagan, nin trazas teñan de facelo. Anque somente sexa por hixiene democrática.

Te puede interesar