Opinión

Iznogud no patio de Monipodio

Hai semana e pico, noutras páxinas que non son estas, propúñalles eu ós lectores que, considerando moi doada a atribución da imaxe do visir Iznogud a un político emerxente, se entretivesen un pouco na busca de quen podería ser o sultán Haarum el Pussah, gordinflonciño e inxenuo, e mesmo na do esbirro daquel o case que tan perverso Dilá Lará.
Ós lectores novos, que algúns haberá que lean máis que nas pantallas dos seus móbiles, cumpre informarlles que comezando polo visir emperrechado en "ser califa en lugar do califa", a costa do que sexa, de mentir, de volver mentir e de volver a volver mentir xogando coas palabras, as verdades e os conceptos con absoluta desvergonza e total indiferenza e frialdade; comezando por ese e pasando polo malvado Dilá Lará, son todos eles creación literaria do gran Renné Goscinny, como guionista e autor dos textos (Goscinny ven sendo o mesmo autor dos textos de Asterix e Obelix) e do non menos grande Jean Tabari que o é dos debuxos. Busquen nas hemerotecas ou mesmo nas librerías de vello, cando non as redicións á venda nas librerías de sempre...que aínda quedan.
O visir Iznogud, cuxo nome pode vir sendo algo así coma un xogo verbal do inglés (he is not good, el non é bo) ten perilla e mirada maléfica -contraposta coa vera efixie de Harum el Pussah que eu non dou a atribuído a ninguén cando menos de momento- pero como iso ha pasarlle a máis dun, nesas páxinas que non son estas, propúñalles tamén eu ós lectores que, a vista de que o patio político se nos converteu, case que dun xeito tan inopinado coma imprevisto, nun cervantino patio de Monipodio, cheo de maleantes intelectuais e ladróns orzamentarios en medida e proporción moito máis grandes das aconsellables, se é que algún consello cabe a este respecto que non sexa o da contención debida, buscasen na placidez de mediados de semana, quén poderían ser o Rinconete e mailo Cortadillo políticos destes nosos e tan atravesados días.
A vida indúcenos a estes debuxos mentais. Os nenos ourensáns da miña quinta íamos onde á Viúva de Lisardo, ó pé dos xardíns do Padre Feixoo por onde esta a Quimera que modelou o querido e recordado Xaime Quessada, a cambiar os cromos de futbolistas e os tebeos da época. Non os nenos de hoxe senón aqueles de onte, ou sexa, estes vellos que somos agora poderíamos andar por onde en tempos andamos pra intercambiar ideas sobre a quen dos nosos políticos lle atribuímos parecidos cos heroes da nosa infancia, xa saben: Roberto Alcazar e Pedrín ou mesmo se o prefiren Sigrid de Thule, a moza do Capitán Trueno, ou a Pantera Negra que acompañaba xa non recordo se a Tarzán ou a quen; digoo porque haber tamén hai hoxe algún que outro saltimbanqui. En resume, señoros e soñoras, que non se divirte o que non quere e non perde o tempo quen non o teña abondo como o temos ós, os xubilados.

Te puede interesar