Opinión

Isabel I e a unidade de España

Isabel de Castilla, considerada a Católica, malia se casar contravindo unha bula papal que llo prohibía, fíxonos máis dun favor ós galegos. Librou unha guerra civil coa raíña Xoana, mal chamada a Beltraneja, a quen nós defendemos por ser a raíña lexítima e a Casa de Trastámara unha dinastía tamén lexitima e, a maiores, galega. Derrotouna. Unha vez gañadora, Isabel mandou arrasar os nosos castelos, por iso temos tan poucos. Nalgúns casos, é certo, contentouse con tan só aldraxalos abaténdolles as torres da homenaxe, ou sexa, desmochándollas, coma quen capa unha boina, esa humillación. Logo arramplou coa nosa nobreza, levándoa á corte tras dela, substituíndoa cunha administración castelá que deu lugar ó que o historiador Zurita denominou "a castración e doma do reino de Galicia". Esa administración prohibiu o uso do galego nos documentos notariais e na liturxia e fixo incertas as palabras do Marqués de Santillana (o de "moza tan fermosa non vin na fronteira...") que afirmaba que a literatura española fora de expresión galega ata practicamente ese momento; en resumen, que a nós ós galegos, fíxonos a santísima puñeta. 
Con todo e recoñecendo a dose de vinganza que a moveu a tales accións e a outras como a expulsión da clase empresarial nacente nos tempos de iniciación do capitalismo (a dos xudeos) ou a dos agricultores con capacidades diríase que capitalizadoras (a dos mouriscos) someteu á nobreza, (non só á galega, a esta destrozóuna) non obstante temos que recoñecer que fixo que os tempos reclamaban; é dicir, Isabel foi a que botou andar o chamado Estado Moderno. Considerada historicamente foi coherente co seu tempo. Pasouse con nós, marcóunos pra séculos, e non lle gardamos simpatía, pero a cada santo o seu peso. Esta raíña, no 1492, promulgou unha Pragmática que regulaba as comidas dos galegos do seu tempo. As vodas, por citar unha das reguladas, non podían durar máis de tres días, nelas non se podían comer máis de non recordo xa cántos pratos e, destes, tantos habían ser de peixe, tantos de carne, tantos de caza e por aí seguido. Menos mal que. visto o visto, non se lle fixo moito caso.
Todo isto ven a conto de que a nova presidenta dunha comunidade autónoma declarouna algo así como un exemplo a seguir. Por unha banda iso tranquiliza moito, xa se dirá por que; pero non sei se tranquilizará tanto ós que consideran como a dereitiña covarde á que ela representa. A unidade de España, entendida como eles a entenden, é a de Felipe V, pero non é a de Isabel. Ela respectou foros e leis dos máis dos seus distintos reinos (non as do noso). A señora nova presidente, de seguir considerándoa o seu modelo, respectará a España das Autonomías, aínda contrariando ós seus socios de goberno pois ignoro si era sabedora do que dicía ó proclamala coma tal. Por outra banda, desacóugame moito; peor aínda, desacóugame moitísimo. Non porque se conte que Isabel de Castilla, según fontes, non se cambiara a camisa mentres durou o sitio de Granada, alá elas dúas coas súas propias, senón porque lle dea por emulala no referente a inxesta e ás doses admisibles e permisibles nos restaurantes galegos de Madrid. Poderán seguir servindo as racións que sirven? Que pasará comigo se no restaurante do Café Varela cesa a prodigalidade de Melquiades Alvarez? 
A cousa puidera semellar frívola cando non baladí, e realmente o é, porque ninguén lle ía facer maldito o caso, ou si, porque sempre hai algún atravesado, pero espero que malia o que de esperpéntico e de caricaturesco poida haber neste comentario o simple feito de que unha presidente autonómica se declare seguidora dunha raíña por unhas razóns inexistentes si que se me antolla unha frivolidade atribuíble ou ben á ignorancia, ou ben ós poucos anos, e ambos casos non serían, nin son, de recibo nun alto cargo político do Estado español como é a presidente dunha comunidade autónoma. E sendo como é importante o servizo de cociña do Café Varela tan serio é non andar confundindo as churras coas merinas ou as catro témporas do ano con salva sexa a parte.
Desde logo os galegos temos ben pouca sorte co resto do conxunto español. Cando non é Carlos III quen dita unhas ordenanzas nas que nos cita como xentes de mal vivir, son Góngora ou Quevedo, mesmo Lope de Vega, quen nos dedican versos que a verdade non son moi de agradecer. Por se non fose abondo, con estes e con moitos máis exemplos, somos nós mesmos os que, levados desa inercia mental, esquecémonos dende o cura de Fruime ó Padre Sarmiento, ou ó mesmo Padre Feixoo, tamén a dous dos seus irmans, médicos os dous e poetas en galego os dous, como tamén o fora o seu pai, esquecémonos dende eles a outros moitos que si dignificaron e seguen a dignificar a nosa conciencia colectiva. Esquecémonos de ser quen somos.
Con todo hai feitos que inducen esperanza. O que tiveran que pasar tantos anos ata que unha institución rexida pola dereita galega se sumase ós actos do pasado 17 de agosto celebrándoos, máis que no lugar no que foi asasinado, na casa onde viu á vida Alexandre Bóveda, é un deses feitos. E moi significativo. No fondo celebrouse que Bóveda viñese ó mundo, e se conmemorou o seu legado sen esquecer o seu asasinato. Con nós non poden ni regulándonos a inxesta, nin de ningún outro xeito. Así que tranquilos. Imos a modo, pero imos.

Te puede interesar