Opinión

Infidelidades e política

Ooutro día, un grupo de xente amiga, confrontamos opinións a cerca de dúas cidades certamente fermosas. Uns votaban por Viena mentres, outros, optabamos por Praga que ademais ten un castelo coma o de Allariz. Un castelo que só se pode ver se miras pra el cos ollos do corazón.
Unha vez que o rei actual foi a Allariz, sendo aínda príncipe, indicáronme que non estaría mal que acudise a recibilo. O príncipe visitara un concello do PP, outro do PSOE e, por lóxica ben doada de entender, debería visitar un do BNG, pero tal decisión alborotaralle ás hostes a Fraga: non estaban moi a gusto con ela e recibín dúas suxestións, unha tras doutra, e vinme no brete de ter que chamar  a un meu parente (fillo dunha curmá do meu pai e daquela alcalde da Ziralla) explicándolle o que pasaba. Pillouna ó voo e xenerosamente: "vente pra eiquí e recíbelo con nós" foi o que me dixo. Cheguei, púxenme no final da fila dos ediles e esperei a que me chegara a quenda de saudar ó visitante.
Había uns días que un grupo de escritores almorzaramos co príncipe de modo que este, o verme, preguntoume que facía eu alí. Díxenlle que estaba no meu pobo e que era unha satisfacción poder recibilo nel. Sorriu e preguntoume, entón, que había que ver alí. Estabamos na ponte que hai baixando de Gundiás, na xusta entrada de Allariz, e tiven a maldita ocorrencia de mirar pró castelo nese momento. Así que respondinlle de contado que había que ver o castelo, acenando cara tras del. Nese momento o príncipe virouse e mirou pra onde houbo un castelo, ata que  foi derrubado no século XIX, contemplou o toco do outeiro no que se asentará e, claro, non viu nada. Entón, interrogoume de novo: "Que castelo?" e eu, parvo de min, teimei: "Ese, señor", acenando de novo cara el. Nese momento decateime do que estaba a facer e dixen o que xa adiantei hai un pouco: "É que é coma o de Praga, só se pode ver cos ollos do corazón". O príncipe foi xeneroso, sorriu, e afastouse cara outro sitio. Ai, a mítica memoria dos Borbóns!
A pesares de tan singular metedura de zoco sigo optando por Praga. Viena é unha cidade fermosa, certo, pero hai ocasións tan recargada de barroco, dese barroco manierista e retorcido, tanto, que mesmo se diría azucrado e que a min me supera.  A maiores, saíndo do Belvedere, un daqueles corvos que alí chaman, ou chamaban, comunistas porque viñan invernar procedentes da URSS cagou enriba miña e recibín un gran aplauso dos concorrentes que me felicitaron efusivamente pola boa sorte que tal cagada prognosticaba. Ó chegar de regreso a Pontevedra, a miña familia estaba arruinada. Non me gusta moito Viena. Sen embargo, que era ó que ía, amo a Viena. Nela viviu Mozart e dela saíu un dos escritores cuxa obra máis admiro, Stefan Zweigh e con el coincidiron nela Freud e Schnitzler, por exemplo, entre outros; a maiores está cerca do Budapest de Sandor Marai, outro que tal. Amo a Viena, pero gústame menos que Praga malia que de Kafka que queren que lles diga.
Todo isto era pra contarlles algunhas das opinións que lle merecía a Schnitzler a fidelidade, tan deteriorada hoxe nos mentideiros políticos, tan estragada, que está facendo boa unha das advertencias do médico neurólogo, escritor e dramaturgo, novelista e amigo que foi de Freud; por exemplo aquela que di que enganar por unha razón determinada significa case ser fiel. Velaí como os continuos enganos, as continuadas fintas do líder de Ciudadanos, os seus chumbaragatos ideolóxicos e mesmo diría que vitais de home tan preocupado polo botón de en medio da súa chaqueta e a caida da súa perrera, poden acabar sendo unha mostra de fidelidade. O problema é que esa fidelidade é pra consigo mesmo e iso non se sabe onde poderá levalo a el, pero é sospeitable a onde nos está a levar ó resto de cidadáns que non coincidimos coa súa traxectoria vital. A intelectual non se lle coñece e non se pode, nin se debe, opinar dela. Tornando ó rego, teima Schnitzler  en que, chegada a hora de traizoar, a máis da xente é moito máis puntual que chegada a hora de demostrar fidelidade, acaso porque traizoar demasiado tarde pode custarlle a un moito máis caro que ignorar as exixencias da fidelidade. Se isto é certo, non se sabe a que esperan algún dos seus acólitos que aínda non desertaron. En fin, que por ese camiño de recuperación de opinións aplicables ó caso que nos ocupa, poderían ser escritas dúas ou tres páxinas máis. pero de novo imos cambiar de terzo recuperando un diálogo, tamén de Schnitzler, que poida provocar un sorriso pois por algo estamos no verán e hai que se refrescar de vez en cando. Se eu, di Schnitzler, cometo unha infidelidade discúlpoma axiña, pero si quen a comete é a miña muller, non lla perdoarei nunca, o cal xustifica metafisicamente que a infidelidade é máis grave na muller ca no home. Ai, Arrimadas!
Aquí chegados teríamos que dirimir se a infidelidade dos políticos ás súas propias formacións políticas, ós seus propios electorados, mesmo ós seus militantes máis entregados e leais, por non dicir ó conxunto dos cidadáns que esperan deles a ostentación dun mínimo sentido que permita cualificalos como homes de estado, teriamos que dirimir se é castigable nunhas eleccións vindeiras. E de sospeitar que si.

Te puede interesar