Opinión

O galeguismo e os gobernantes galegos

Non deixo de me preguntar, de vez en cando, non moito a verdade, porque a pregunta é máis ben retórica e adoita darme pé pra me facer outras; non deixo de me preguntar, polo que faría hoxe Ramón Piñeiro na imposible ocasión de que resucitase e vise en e ónde ou en que quedaron aquelas iniciais medidas do terceiro presidente do Goberno de Galicia.
Foron medidas que Piñeiro coñeceu de antemán logo de tres entrevistas que mantivo co recén nomeado presidente e que o levaron a solicitarnos, a algúns dos que formabamos parte do seu entorno, que o apoiásemos pois eran medidas de autogoberno polas que sempre suspiraramos os galeguistas. Xa teño escrito arredor desto noutras ocasións e nunca fun desmentido; por iso, hoxe, cando xa están mortos os máis dos que Piñeiro reclamou ese apoio voume permitir recordar que Carlos Casares, Benxamín Casal, Paco del Riego e Agustín Sixto foron convocados. Sobrevivimos González Tosar, que me asegurou que el tamén fora chamado a elo por Piñeiro, e máis eu. Os outros citados foron nomes que souben polo propio Don Ramón. Algúns confirmáronmo eles, con outros tiven noticia polo propio Fraga. Non recordo agora que García-Sabell andara no miolo do asunto.
Nesas medidas que Fraga trouxo a Galicia na carpeta das boas intencións unhas chegaron a porto e outras quedaron no camiño de modo que, as preguntas que me fago, o ver a paisaxe política actual, resúmense en ben poucas liñas: apoiaría alguén do PP galego actual a reclamación dunha administración única? E a ampliación a catorce millas náuticas, fóra de puntas, as augas xurisdicionais galegas? E que me din da que Fraga cualificaba de imprescindible reconversión do Senado pra facer del unha cámara de representación territorial? é dicir, unha cámara na que se compensasen os desaxustes ningunha das constitucións precedentes e significara o fracaso de todas elas.
Recorda un estas medidas, revive as viaxes presidenciais grazas ás que Galicia ocupou un lugar no mundo do que antes non dispuxera nunca, recorda as actitudes iniciais do actual presidente, desculpa a súa inercia primeira, imputándolla ás reducións orzamentarias, e ten que acabar concluíndo que o compromiso galeguista de Fraga e máis Cuiña, de Victoriño Núñez, Franqueira, no seu momento, ou de Baltar pai no seu, non teñen nin pouco nin moito que ver coa "habilidade" coa que Feijoo veu caneando o compromiso co galeguismo e coa cultura que lle debera ser máis propia dende o comezo da súa xestión.
Tal actitude veu sendo correspondida pola errática política de Beiras que, por fin, parece ser posta en evidencia: impediu coa súa actitude non poucas das cousas que se intentaron botar andar, deixou atrás ós seus segundos que máis sombras podían facerlle, foi saltando de sigla en sigla... e acabou facendo o mesmo que tanto lle reprochara a Piñeiro ó pactar con Podemos ese desnortado invento das Mareas. Mentres tanto deixou a un BNG en estado crítico do que parece rexurdir agora.
Ás veces é como pra pensar en que a política do exilio e a daqueles que dende eiquí a apoiaron, dispuñeu das mesmas prerrogativas coas que contou a literatura dos exiliados que, ó parecer, era grandiosa e logo resultou que non o era tanto, agás cando se afianzou en nomes concretos coma os de Max Aub, Barea e algún outro máis, pero non noutros moitos máis. Pois ben, mesmo a Galicia exterior recibiu máis apoio nos tempos de Fraga, tamén de Albor, conste, que no deste seu sucesor actual. Non podo afirmar nada do tempo de Emilio Pérez Touriño, mantívenme/mantivéronme moi á marxe de todo. Sei moi ben, en cambio, da dedicación de Fernando Gonzalez Laxe no breve período de dous anos nos que exerceu as súas responsabilidades: ningún outro goberno fixo, en tan pouco tempo e con tan escasos orzamentos, tanto coma o seu, mesmo no eido que estamos comentando.
Todas estas preocupacións xorden en vésperas da constitución dos concellos e das deputacións provinciais. O pasado martes, cando estas liñas estaban a ser redactadas, todo eran preguntas e dúbidas a cerca de cales serían os partidos que haberían responsabilizarse daqueles e destas que nomes serían os que os guiasen porque, eses nomes, poderían facilitar unha idea de por ónde poderían ir non vindeiros cinco anos as políticas atinxentes á cultura máis vella deste país, por non dicir á globalidade dela, se é que o PP ha seguir no machiño ó longo deles. Non parece probable que sexa o BNG o que se teña que facer cargo dela e, se o final resultase ser así, millor que non se ocupe en argallar partidos da selección galega, nin envíos de libros e poetas a feiras nas que non se venden libros, non se fala en galego e se editan os que se editan sen previo ou posterior paso por taquilla.
Por outro lado, oxalá que a presenza de Gonzalo Caballero no Parlamento nos permita axexar o líder pra Galicia que este aínda non é. Oxalá porque senón vainos quedar ese Partido Popular, que Cuiña deixara convertido en PPdeG, sen o poder que exerce o único político real e eficazmente comprometido coa cultura que lle é propia. Ignoro o que diría Castelao e non sei que opinaría Piñeiro. Sospeito que a resposta debería vir de todos, pero é de temer que non xurda de aí senón das mil e unha componendas que argallen en Madrid ese centro dereita ocasional, pero disposto a se sumar, as extremosidades propias da dereita máis extrema coa que, no fondo das súas conciencias, semellan estar máis identificados sen que desde eiquí ninguén lles tosa coma todos esperabamos e mesmo fora anunciada.

Te puede interesar