Opinión

Esforzo, ilusión, tempo

Hai ben anos que non vou de pesca. A última vez que fun pesquei tanto que, de contado, pensei que toda canta vez volvera ó mar nunca volvería pescar en cantidade semellante e sería unha frustración que nunca substituiría, millor dito que apagaría esta emoción coa que agora podo recordar aquel día. Antollóuseme, este meu, un pensamento tan ruín que o desbotei de seguido. Hai un par de anos ou así, chegado setembro, fun pescar chipiróns cun meu cuñado no mar de Sada. Vin tan contento que o contei nun artigo e deixei constancia de que pescara catro máis ca el. Na ocasión que cito, gardeime moito de dicir cantos pescara eu e cantos el. O certo, confésoo sen rubor, é que eu pescara tan só catro; calquera ten un mal día.
É curioso constatar canto e como nos afanamos en ocupacións como esta da pesca e como, en tantas ocasións, regresamos á casa con catro xureliños tan ridículos de tamaño que se alguén no los regalara non llos desprezariamos porque somos xente ben educada, pero o máis que probable é que tiraramos con eles non primeiro contedor de lixo que se nos puxese a tiro. Os humanos sómoslle así.
De rapaz cando, nas tardes de agosto, nos entretiñamos en apañar amoras nas silveiras non nos molestaba que, ó noso carón, estivesen outros rapaces, amigos ou non, parentes ou non, facendo mesmo; pero ai daquel que se permitira o luxo de collelas da nosa bolsa. Que cabreo monumental colliamos! Nas silvas quedaban amoras e amoras, así que non debería de molestarnos; entón, porque nos colliamos os cabreos que nos colliamos? Pois polo mesmo que desprezaríamos os xureliños cos que alguén pretendese agasallarnos; é dicir, pola mesma razón que eu cheguei a casa con catro chipiróns, máis contento que unhas pascuas, fíxenlles o acreditativo documento gráfico e colguei a foto no meu valo de Facebook, nese mesmo valo que acabo de abandonar farto de que me chegasen anuncios de zapatillas de deportes, a min, que xa non estou pra moitos trotes.
Cal razón? Pois que no feito de apañar amoras ou pescar chipiróns empeñamos o nos esforzo, pomos a nosa ilusión e dispomos do noso tempo e do noso traballo. E todas esas cousas son sagradas, ou deberan selo. Ouh!, se os partidos puxeran o mesmo esforzo e idéntica ilusión en arranxar os asuntos colectivos que aqueles que lles son propios e tanto se afanan neles; daquela, a Constitución xa estaría emendada, o goberno constituído e o país en marcha; pero resulta que non ven moito máis alá das súas narices. O que pasa é que se fallan esnafrámonos todos. E así non se xoga.

Te puede interesar