Opinión

Entre Deus e a rede

Os meus compañeiros do Instituto do Posío sen dúbida que han recordar ó Padre Legísima. Deunos relixión en cuarto de Bacharelato. A min suspendeume. Antes do exame libraramos unha pelexa de tizas e a mín déranme cunha nun ollo de xeito que, este, non parou de chorar durante todo o exame, impedíndome copiar a xeito, como faciamos todos, conste, co que le me colleu in fraganti e non tivo máis remedio que, por unha vez suspender a alguén. A el sumóuselle Don Augusto, que me pillara unha caricatura que lle fixera e me prometera que había ser el quen se rise o último e así foi; dixo, "pra que repase no verao" e alá foron as matemáticas tras da relixión; logo viu o latín da señorita Ferro e así ata cinco. Aquel verao leín "O conde de Montecristo" enteiriño. Sempre fun millor lector que estudante.
Pero eu do que quería falar era de que en cuarto de bacharelato estudamos Dogmática, o mesmo que noutros anos o que tivemos que estudar fora Teoloxía e Teodicea. Aínda recordo perfectamente os máis dos dogmas católicos. Aínda me entusiasma o chamado da Comuñón dos Santos e aínda me segue a sorprender o feito de que, os máis dos católicos de hoxe, ignoren o da transubstanciación e tantos outros nos que afirman crer cada vez que recitan o credo que Trento nos legou.
Dende aquela inquiétanme moito os teólogos; é dicir, os que estudan a Deus e logo nos explican como é. Non me gusta moito a Teoloxía, prefiro a Teodicea; aquela faime crer e esta faime pensar pois busca a xustificación da existencia de Deus. Pero máis aínda que a teoloxía irrítame a súa oposición; unha oposición que non sei como se deberá chamar e que parte do coñecemento dun feito: Na Rusia soviética, na cidade entón coñecida coma Leningrado, hoxe e de novo San Pertersburgo, na catedral coñecida como a de San Salvador sobre la Sangre, unha catedral de fermosas e coloreadas torres de bulbo, erixida sobre o lugar no que foi verquido o sangue dun zar, estivo instalada unha das maiores mostras da estupidez humana que coñezo. Unha facultade universitaria, considerada científica, dedicada a encontrar a demostración da non existencia de Deus. Maior perda de tempo non a coñezo. Nin maior estupidez tampouco. Prefiro a Teodicea. mesmo tamén a Teoloxía.
Acordeime destes extremos hoxe pola noite, non sei por que. Espeteime logo do primeiro sono e púxenme a cismar nestes extremos. Agora, chegado o tempo da escrita, rememoro todo o pensado e non sei se seguir falándolles delo ou se deixalo eiquí. Aquilo de que Deus era omnipotente, de que tamén era omnisciente e omnipresente roldoume pola cabeza recordando as vellas lecturas da mocidade e aínda me rolda. O que non sei é se será de interés prós máis dos lectores, nin pra os dunha fe sinxela, nin tampouco prós dunha fe tan pouco de fiar como pode ser a miña. A maiores teño a convicción de que, ós máis mozos da tribo, isto da teodicea e da teoloxía, ós máis deles, halles traer ó pairo.
Agora a omnisciencia é palpable, non como antes. O ente máis omnisciente que eu coñezo é ese espírito cibernético, coñecido coma Google, ó cal encomendan todas as súas crenzas os máis dos crédulos cidadáns deste país. Entre antenas repetidoras das chamadas dos teléfonos móbiles, os drones que nos sobrevoan, o control dos correos electrónicos, o maior ente omnipresente, outra das características propias de Deus, que nos mantén en vilo é a chamada A Rede. Aquilo de que Deus estaba en todas partes e vía todo canto faciamos por moito que nos escondésemos, non é nada comparado co feito de que a través de calquera navegador saiba a que velocidade imos, en que lugar nos encontramos, por onde debemos ir en función do tráfico rodado existente e da condición das estradas e se nos demostre facéndonos fotos mentres lle damos unha dentada a un bocadillo de xamón ou non avise de que estamos pisando de máis o acelerador. Iso entre millons e millóns de coches e ó mesmo tempo.
Quédanos por valorar a omnipotencia, pero logo do dito case vai ser millor que nos calemos e non nos metamos cos bancos que se valen da Rede pra facer de nós un pandeiriño. Cando deixei de navegar pra me casar e traballar nun banco leveime prá casa unha ficha de información na que constaban todos os datos que se posuían sobre un cliente. Dubido moito que a policía, aquela policía, soubera tanto dalgúns pontevedreses como sabían os bancos dos que eran clientes. Esa ficha quedou na primeira biblioteca sen a que eu quedei. Moito me gustaría recuperala. Pero seguro que se trataba dun xogo de nenos, falando de omnipotencia, referenciándoa coas que deben existir hoxe cando os bancos cobran por nos "gardar" os nosos cartos e ter diñeiro na casa convérteche nun sospeitoso de sabe deus que escuras fazañas.
O becerro de ouro, cuxa adoración tanto medo nos metía, está hoxe comodamente instalado entre nós. A máxima que rexe o mundo pasou de ser aquela de "Sagrado Corazón de Xesús en Vós confío" a ser a de "Non é nada persoal, son negocios" que vale tanto pra un roto como pra un descosido e con ela se xustifica todo, absolutamente todo. Mesmo a intromisión dos algoritmos nas nosas intimidades Por iso os vellos estamos millor calados. O problema meu e que eu non son capaz e moito desfruto dándolle fío e máis fío ó papaventos.

Te puede interesar