Opinión

Dramático, ridículo, patético

Ás veces teño a sensación de me repetir nos meus comentarios case que tanto como adoito se repiten os máis dos portavoces políticos e non poucos dos tertulianos das televisións. En todo caso, non me estraña. A realidade é teimuda e, o que é ben peor, a maiores de teimuda digamos, benevolamente, que é cortiña de miras; cando menos se a xulgamos pola altura dos políticos e máis por aqueloutra á que se sitúan os xornalistas que lles son afíns.

Non se trata de facer eiquí a nómina de duns e doutros. Caeriamos no mesmo e grave erro que se pretende sinalar. E non serviría pra nada. A realidade volvería a seguir ó seu aire e nós, tamén nós, polo outro.

Diríase que a realidade de non poucos políticos do país, e con eles deses seus seareiros mediáticos, consista en defender os intereses dos seus partidos e non os dos que expresan os cidadáns cada vez que concorren ás urnas manifestándoos a través dos seus votos.

Diríase, en non poucas oportunidades, que os votos que corren en sentido contrario ó marcado polas direccións dalgúns partidos non son votos "españoles" e si o son, en cambio, tendentes á disgregación dunha unidade entendida dun xeito, único e monolítico, que a Constitución do 78 parecía ter deixado enterrado e ben enterrado. Pero non. Quén lle ía dicir ó electorado que habería botar en falla a Manuel Fraga falando da Administración Única e pedindo a reforma do Senado pra que a devandita Constitución non seguise o camiño de todas aquelas que a precederon, o do fracaso. Un fracaso debido á falla de decisión chegada a hora de converter ó Senado nunha cámara de representación territorial.

É dramático o que, contemplado dende outras latitudes, pode resultar ridículo cando non patético. Calquera que non siga a liña política marcada polas direccións deses partidos está chamado a ser tildado como anticonstitucionalista cando non directamente coma un antiespañol; como se a concepción de España só puidese ser entendida dun xeito e non de ningún outro distinto. Este pasado fin de ano, xunto co o contemplado a penas comezado ano novo, daba certo arrepío ler as proclamas e as reflexións que chegaban a través da telefonía móbil. Os parangóns co ano 36, a linguaxe recorrente a adxectivación exhaustiva, o léxico utilizado precisamente nesa adxectivación, eran de certo coincidentes en exceso cos que un breve repaso á prensa e ós textos daquel ou daqueles anos amosan a quen quixera comprobalo. O anticonstitucionalismo consiste na non aceptación das regras de xogo que a Constitución sinala, entre elas o respecto á opinión allea, á pluralidade de pensamento e acción e o recoñecemento da validez da opinión democráticamente expresada a través das urnas electorais. E quen diría que, xustamente ata eiquí, isto foi escrito antes da sesión de investidura. E sen saber aínda o que pasaría onte.

Te puede interesar