Opinión

De arroaces a orcas

Asemana pasada unha orca levoulle a un veleiro, non recordo se francés ou se da Armada Española, un anaco de temón. Os dous andaban a navegar polo mar de Corrubedo. Levoullo dunha dentada e, non sei se antes ou despois, trucou contra el; coido que cando menos coa forza dunha xovenca, senón con máis. Se fora unha xovenca os cornos poderían terlle furado o casco pero, se a orca quixese, o mesmo lle tería aberto unha vía de auga. Que eu saiba tal cousa nunca pasara por eiquí, tan preto das nosas costas. Nas últimas semanas lévanse feito avistamentos de baleas e de mandas de arroaces como nunca se viran por eiquí. Ou si. Estas cousas suceden de vez en cando, vai ti saber por que. 

En Pontevedra, na primeira metade do século pasado, entraban tantos arroaces, viñan na busca de sardiñas, que lle estragaban as redes ós mariñeiros. Estes tomaban cumprida vinganza organizando corridas con eles na proximidade da Moureira, por onde estivo asteleiro no que se construíu a nao Santa María na que Colón foi a América. Ata alí entraban ou ata alí os ían empuxando. Logo os mataban a arponazos. Facíano nunha especie de rexoneo que non era a cabalo, coma nos touros, senón dende as gamelas e contando coa xente que acudía a presenciar aquilo como se fose unha festa. Seguro que de tanto arroaz como se avistou este ano algún tiña que ser neto ou bisneto dalgún outro que conseguiu salvar o cerco e fuxir de novo cara o mar. Ó millor, ese seu avó, transmitiulle a memoria do sucedido porque este ano vir viuse algún mesmo na ponte d'O Burgo. Debeu ir fisgar. Os arroaces sonlles moi intelixentes. Se van por Pontevedra déanse unha volta por alí e fáganse unha idea.

O das orcas é xa menos explicable. A cincuenta ou sesenta millas da costa xa as teño eu visto, pero non sei que nunca se achegaran tanto e non acerto a imaxinar a razón que as trouxo ata onde atacaron eses dous veleiros por moi disparatada que sexa a razón que acabo de contarlles hai nada no parágrafo anterior. O mar é sorprendente. Cerca das illas Azores teño visto cachalotes, saíndo fora da auga dando saltos de dez ou quince metros. Facíano logo de baixar ata o fondo do mar, ata onde viven as luras xigantes, pra se deixar abrazar por unha delas e logo subir rapidamente pra que a descompresión a matase sen lles ter afectado a eles por algunha razón que descoñezo. A vida élles un misterio. O dos leviatáns o mesmo tiña que ver con eles, cos cachalotes. Eu que sei!

O que si sei é que se unha mole daquelas se despistase e aboiase na tona do mar xusto por embaixo do casco dun buque de de certo porte o naufraxio sería posible. O ataque das orcas pode ser equivalente tratándose dun veleiro. Menos mal, neste sentido, que polo Miño arriba xa non soben nin as lampreas. Torrente dicía que os romanos mantíñanas con escravos. Disque comen de todo.

Te puede interesar