Opinión

Atado e ben atado

Hai que lle recoñecer ó finado que o deixou todo atado e ben atado. Non as institucións, que algo tamén, senón as conciencias. As institucións poden ser cambiadas dun plumazo. Abonda cunha inscrición no BOE, no Boletín Oficial do Estado, pra que xurda unha ou desapareza outra. 

Sen ter que ir tan lonxe do noso acado, eiquí, no DOG, no Diario Oficial de Galicia, chega con que uns cantos se reúnan arredor dunha mesa de goberno e por arte de birlibirloque convertan un Instituto, desto ou doutro, nunha simple Axencia que faga o que diga un conselleiro, en troques do que indique o sentidiño. As institucións aparecen e desaparecen, van e veñen, según necesidades e conveniencias. Abonda con crear un certo número de comisións de expertos pra que o baile continúe. Mesmo existen escolas de fontanería nas que se lles aprende tales trécolas ós futuros líderes pra que sexan quen de facer, ou de dicir, hoxe unha cousa, mañá xustamente a contraria, pasado mañá xa nin se sabe.

O finado non se debeu referir ás institucións cando, xa case que in articulo mortis, testou dicíndonos que non nos preocupásemos que o deixaba todo atado e ben atado. Debeuse referir ás conciencias, ás nosas conciencias, con elas a conciencia colectiva, porque foron esas e non outras as que si quedaron trincadas e ben trincadas. 

Foron moitos anos, moitos, de adoutrinamento, moitas afirmacións de bondade españolista a favor duns e de maldade conxénita en contra doutros. Nós, os bos españoles; vós, os malos e traidores. Nós os da bandeira roxigualda, que é a boa, a auténtica e nosa; vós os da tricolor, a dos traidores. Que dicir das outras bandeiras españolas? 

Hai expresións de supremacismo que, non só avergoñan a pertenza á especie humana, senón que mesmo xeneran a contrarresposta: se matar a un semellante por ser agnóstico non é matar,  matar ou por profesar unha relixión tampouco non o é. E ata se lle pode chamar facer limpeza étnica. 

Stephan Zweigh recórdanos, en "Castellio contra Calvino", que "matar un home é matar un home". Tempos houbo neste país nos que matar un home foi un "homicidio por exceso de patriotismo". Tempos nos que se aconsellou "matar con xustiza" e se considerou que "matar roxos non é matar". Hai moitos anos, n'O Grove, a apareceu unha pintada que advertía que "roubar á Igrexa non é roubar" pois "quen rouba a un ladrón ten cen anos de perdón". Roubar á Igrexa sí é roubar. Matar un home é matar un home. Ás conciencias así determinadas todo lles está permitido pois todas elas, as dun lado e doutro, están efectivamente atadas e ben atadas.

Agora Europa enteira volve estar equivocada e a piques estamos de retornar á ser os únicos defensores da civilización occidental e cristiá. Cántas semanas nos faltan pra chegar a selo?  Todo leva todas as trazas de repetir feitos pasados. Cada xeneración ten que descubrir o seu Mediterráneo, ten que descubrir a pólvora e ten que escarmentar sempre en cabeza propia, nunca en cabeza allea, malia que as evidencias que lles legou o pasado non sexan nada ante as conviccións que lles transmitiron os seus devanceiros. Abonda con escarvar un pouco na conciencia colectiva pra descubrir a evidencia do que se sinala. 

Hoxe, no Facebook, apareceume unha loubanza do dito por ese "cabeza al viento" que asina Arcadi Espada. Ó parecer o tal e esgrevio intelectual afirma que o millor que pode suceder é que o galego, o catalán e mailo vasco desaparezan, que sexan eliminados por inútiles e inservibles. Se matar un home é matar un home, matar unha lingua é matar unha lingua. O problema é que nesta España eterna (que non ten máis alá de douscentos e pico de anos) sempre pode haber outro túzaro que non sexa nacionalista español senón catalán, vasco ou galego que afirme, porque as conciencias efectivamente poden quedar non só atadas e ben atadas, senón mesmo tolleitas, que o castelán é molesto e opresivo, depredador e enemigo e por elo convén proceder de contado á súa eliminación.

As linguas nunca son enemigas doutras linguas, conviven próximas ou xuntas ó longo dos séculos fecundándose mutuamente, enriquecéndose, nutríndose unhas doutras, ata que a alguén se lle retorce non sei se a alma, pero si o pensamento, si a conciencia, si o respecto ás ideas e ós sentires que non sexan os propios e ben atados polo fanatismo e a intolerancia.

De ser certa a afirmación intolerante e dogmática de Arcadi Espada a que parte da miña familia lle deberei negar a fala, á que utiliza o galego óu a que o fai en castelán? Cal deberei eliminar? Cal deberei matar e en virtude de que sacrosanto principio, case que relixioso, deberei enmudecer?

Somos moitos os que nos sabemos galegos por nación, españoles por Historia e europeos por decidida vocación de selo. O noso xeito de ser españoles comeza polo noso dereito a ser galegos. somos españoles porque somos galegos e porque somos españoles somos europeos con independencia de que Europa ser vertebrara arredor co Camiño de Santiago ou mesmo de que o primeiro reino, o primeiro estado europeo, fose o reino suevo da Galaecia.

Arcadi Espada e mailo señor que ponderou as súas palabras no Facebok teñen todo o dereito a pensar como pensan e a expresalo do xeito que estimen oportuno e a lei lle consinta. Lástima que carezan da vergonza e do pudor intelectuais necesarios pra non poñer en evidencia as carencias que padecen, exhibindo as conciencias que non senten atadas, nin sospeitan probablemente enfermas.

Te puede interesar