Opinión

Amenazante remuiño

Ándavos todo moi revolto. Tanto e todo tan revolto que a xente hai tempo que comezou a botar en falla a Rajoy (Don Mariano) na mesma proporción e medida na que, os socialistas máis novos rexeitan a Felipe González ou a Alfonso Guerra, mentres que os máis vellos de idéntica militancia rezan, non pra que volvan, pero si pra que teimen nas súas consellas e recordacións. Un lío.

Non sei se andaremos todos tan confusos e confundidos coma andei eu unha vez que cheguei á fermosa Aix en Provence que tanto amei e amo e vin unha pintada que dicía Chirac reviens e o primeiro que se me viu á cabeza foi pensar que a cousa non sería pra tanto como pra desexarlle que rebentara antes de caer na conta de que o que se pedía era que volvese. Pois así andamos nestes días, uns pedindo que regresen uns tempos e outros rezando pra que rebenten, millor canto máis de contado, aqueles que os protagonizaron deixándolles paso dunha bendita vez ós que encabezan a interpretación destes nosos de hoxe, tan confusos. 

Os malos da película actual son os cataláns a todas luces e mesmo a todas penumbras coa recorrente pretensión, historicamente alongada no tempo, de quereren ser independentes. O caso é que están enfrontados ós que alegan que tal pretensión é consecuencia dun real ou suposto supremacismo (que pode selo) esquecendo que tal pretensión é un dereito que cada pobo leva exercido, con distintos e reveladores e alternantes resultados, todo ó longo da Historia. Neste sentido confeso que nunca entendín por que se lle aplaudiu a Torrente Ballester cando aconsellou ós salmantinos que, ante a reivindicación catalana dos arquivos relativos a Cataluña que eles atesouraban, se negasen á devolverllos alegando que eran seus por dereito de conquista en troques de devolvelos ó seu debido. 

Hoxe existe unha corrente (lóxica) en contra da actitude dos cataláns que pretenden a independencia e a constitución da súa república, baseándose no desexo de acadala, sen máis trámites que os propios dos alborotos que están montando día tras día, e outra corrente, cada vez máis numerosa, que contempla arroubada as destemperadas expresións do grupo político, recentemente convertido na terceira forza parlamentaria, empeñado en borrar do mapa as autonomías. Esas dúas correntes, encontradas unhas veces, confluentes noutras, ameazan con formar un remuíño que nos engule a todos millor canto máis antes.

O curioso é que mentres que aqueles son alcumados de anticonstitucionalistas, que o son, estes en cambio, pretendendo como pretenden eliminar da Constitución os dereitos que nelas se lles recoñecen ás distintas nacionalidades españolas, ou sexa, mandar a pique a propia esencia da Constitución, non sexan tachados de inconstitucionais e tratados con idéntica consideración porque uns e outros o que pretenden é a alteración do estado de cousas que nos pasados corenta anos converteu a España -Cataluña, Euzkadi e Galicia incluídas- na novena potencia industrial do mundo, nunha democracia significada, dona dunha sanidade pública exemplar, etc., etc., etc.

O caso é que non debemos esquecer dúas cousas, a saber: primeira, que os cataláns teñen todo o dereito a querer a súa independencia pero que non o teñen en absoluto a acadala fóra das leis do xogo establecidas unha vez aceptadas por todos. Tamén por eles a quen con tanto mimo e consideración levan tratado os gobernos centrais dende os comezos da democracia. Segundo, que a terceira forza política no Congreso dos Deputados ten tamén todo o dereito a pretender unha España constituída, estruturada a súa unidade doutro xeito do establecido pola Constitución do 78, pero que xa todos, ou case que todos, estamos avisados do que adoitan facer e fixeron os seus correlixionarios noutras circunstancias históricas precedentes coas liberdades democráticas grazas ás que acadaron o poder.

Dito o precedente tampouco non convén esquecer que as Constitucións non son inamovibles, nin deben selo. O xeito de que perduren no tempo e xeren liberdades e progreso nos países nos que conten con vixencia consiste en emendalas introducindo nelas as correccións e reformas que o transcurso do tempo e as evolucións de toda sociedade vaian reclamando dela acomodándoas ás novas e cambiantes realidades. 

A unidade de España, o que se entende por ela, non ten porque ser unicamente a imposta coa chegada da dinastía borbónica e pode ser, en cambio, a vixente dende os Reis Católicos e logo coa dinastía dos Hasburgos nos tempos que mediaron dende os de Carlos I ata os de Felipe V de Borbón. Quere isto dicir que si a España consecuencia da Constitución do 78 non é intocable, nin debe selo, a de Franco tampouco non o é e que, xa que logo, deberemos permanecer atentos ós cambios do tempos e ás demandas que estes nos formulan sen esquecer, nunca, que estas deben ser atendidas e satisfeitas sempre dentro das leis e hábitos democráticos que aseguren non só a vixencia da legalidade senón tamén a continuidade dos hábitos e comportamentos democráticos. Por iso non se lle pode reprochar a uns a conivencia cos anticonstitucionalistas cataláns mentres se potencia e non se oculta a vixente cos inconstitucionalistas que pretenden arrombar coa actual estrutura constitucional tan axiña como acaden o poder. Que por aí se pode chegar ó gran pacto constitucional e ó goberno da gran e desexable gran coalición? Que queren que lles diga! Quizais que tendo xa gañas de arar con outros bois quizais non saiba se a xogada previsible en tal caso sería a máis capacitada e desexable pra levala a cabo.

Te puede interesar