vigo

Os videoxogos como medio cultural

Jacobo e Galo Martínez, posando con algunhas das máquinas que teñen en exposición no Museo do Videoxogo de Galicia
photo_camera Jacobo e Galo Martínez, posando con algunhas das máquinas que teñen en exposición no Museo do Videoxogo de Galicia
Dende o Museo do Videoxogo de Galicia, os irmáns Jacobo e Galo Martínez, tratan de divulgar o medio como unha forma de expresión cultural para loitar contra os históricos prexuízos que o acompañaron durante anos

Os cangueses Jacobo e Galo Martínez deron forma, hai pouco máis dun ano, a un dos seus grandes soños, a creación do Museo do Videoxogo de Galicia. Trátase dun espazo que conta con máis de 2.000 xogos catalogados e centos de consolas de todas as xeracións que abranguen máis de 40 anos de historia do medio. Agora, todo o seu traballo veuse recompensado co recoñecemento, por parte da Xunta, como interese cultural. Para eles é "parte dun proceso, que para nós supón a inscrición no rexistro de fundacións. Todavía queda moito dende o noso punto de vista para que as administracións recoñezan ao museo como nos gustaría, pero valorámolo moito". 

E é que dende a recén fundada Fundación do Museo do Videoxogo de Galicia, composta por ambos fundadores e seis patróns máis, Jacobo e Galo pretenden fomentar a divulgación deste medio como unha forma de expresión cultural. "Esta iniciativa naceu cunha visió que se contrapuxo moito a algúns siareiros do sector, pois nós pensamos que o mundo do videoxogo como algo social e transversal. Vémolo como algo que vai moito máis aló dos siareiros do videoxogo", explican.

Detrás de todo este proxecto está a ilusión dos irmáns Martínez, que, cando a idea do museo todavía non rondaba as súas cabezas, xa pensaban en facer que a xente coñecera un mundo que lles fascinaba, o dos videoxogos: "Estamos facendo real un soño pasiño a pasiño". E non se trata dunha revisión histórica, nin moito menos. "Dende a Fundación temos a obsesión de vivir o presente de todas as xeracións, que logo se constitúen como historia e pasado, pero disfrutando o momento e compartíndoo coa xente", afirman Jacobo e Galo. Deste xeito, cando as portas do museo se abren –polo momento as aperturas non son continuadas, senón concretas segundo as exposicións ou actividades programadas–, os visitantes poderán observar –e probar– todo tipo de sistemas, dende a primeira consola comercial da historia –a MagnaVox Odyssey de 1972– ata as máquinas de última xeración e os videoxogos máis rompedores. 
Ademais, as actividades da Fundación non se restrinxen ao espazo do mesmo, pois realizan todo tipo de colaboracións con entidades como o Marco, a Universidade da Coruña ou a fundación Carlos Casares. Alí montan exposicións, actividades de formación ou charlas, sempre co obxectivo da divulgación do medio en mente.

Máis dun ano despois da súa inauguración, Galo e Jacobo están moi satisfeitos. "Pasamos dunha preapertura na que estábamos só os dous traballando a conformar un grupo de traballo de oito persoas –o padroado da Fundación– e conseguimos darlle un encaixe xurídico ao proxecto. Ademais, temos unha serie de proxectos que nos están facendo viables económicamente sen depender de ningún xeito da administración pública. Funcionamos cun modelo empresarial discreto, pero somos viables economicamente", admiten os irmáns, orgullosos. E todo isto, sen ánimo de lucro.
A industria do videoxogo contou, especialmente durante os anos 90, cun grande estigma, chegando a relacionar actos criminais con algún destes títulos –a saga "Final Fantasy" chegou a estar sinalada polos actos do infame "asasino da katana" nunha das campañas mediáticas máis famosas contra a industria–, unha tendencia que, de acordo cos irmáns Martínez, "estase revertindo. Houbo moitos prexuízos que houbo que ir desbotando". Pero recoñecen que "na parte cultural todavía queda moitísimo por facer. Tamén o medio debe madurar moito para chegar a outro tipo de públicos que permitan derribar as barreiras". Comparan este proceso ao que sufriron o cine e a literatura para asentarse como medios culturais, e que é "moi lento".

A día de hoxe, a industria do videoxogo está "arrincando" en Galicia. Jacobo e Galo admiten que "ás veces somos optimistas e outras, pesimistas" sobre a saúde do medio na comunidade. "Aínda que hai moita ilusión, a nivel de estrutura económica está todo por facer. Hai empresas relevantes que están facendo cousas importantes –a desenvolvedora coruñesa Gato Salvaje acaba de lanzar o seu primeiro grande videoxogo, "The Waylanders"–, pero fano contra vento e marea", relatan os irmáns. Todo isto tradúcese nun testimonial apoio da administración pública, que, de acordo con eles, "vai por detrás do pulso social".

Te puede interesar