UNIVERSIDAD

Tania Álvarez, investigadora do Deporte e tamén piragüista de élite

Tania Álvarez, coa medalla.
photo_camera Tania Álvarez, coa medalla.

Alumna de doutoramento da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, Tania Álvarez Yates compaxina o seu labor como investigadora, centrado en analizar o perfil neuromuscular dos piragüístas de elite, coa súa propia traxectoria deportiva nesta disciplina.

O pasado mes de setembro, Álvarez lograba na localidade portuguesa de Vila Verde o seu maior logro deportivo ata a data, a medalla de bronce que, xunto a Tania Fernández, acadaba na modalidade de K2 do Campionato do Mundo de Maratón, modalidade na que as e os deportistas compiten nun percorrido de 26,2 quilómetros. Un éxito que esta fin de semana levouna a recibir a medalla do Comité Olímpico Español (COE), no marco da 71 edición da gala da Real Federación Española de Piragüismo, celebrada nas instalacións do COE en Madrid. “Á verdade é que é toda unha honra que che dean este recoñecemento, á fin e ao cabo, o COE é a máxima institución deportiva”, salienta esta alumna e deportista tras recibir un galardón, lembra, “que só cho outorgan se obtés unha medala nun campionato do mundo en categoría absoluta”. Este foi un mérito que Álvarez Yates alcanzaba o pasado mes de setembro, despois de rematar, xunto a Fernández, en cuarto lugar no Campionato de Europa de Maratón, celebrado en Croacia. Pese a todo, a deportista do CMCD Breogán do Grove recoñeceu a sorpresa que lle produciu a comunicación de que lle concederan unha medalla que “non agardaba para nada”, e que serve como colofón a un ano, o 2018, “que foi sen dúbida o mellor, tanto deportiva como academicamente”. 

Despois de obter un bo número de medallas en Campionatos de España en diferentes categorías, Álvarez Yates decidiu en 2013 aparcar temporalmente os seus adestramentos como piragüista e centrarse nos seus estudos na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, onde, tras cursar o grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e o máster en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde, atópase actualmente traballando na súa tese de doutoramento, baixo a dirección do profesor Óscar García. “É cuestión de organizarse, de aproveitar ben as horas. O deporte é unha montaña rusa, este ano igual estás arriba, pero non sabes o que vai pasar o ano que vén e o piragüismo é un deporte no que as axudas están moi limitadas”. recoñece Álvarez, xa afeita a compaxinar estudos e adestramentos desde a súa entrada no Centro Galego de Tecnificación Deportiva con 13 anos.
Despois do parón, decidiu subir de novo ao kaiak en 2016 e aos poucos meses xa se viu terceira no Campionato de España de Maratón, modalidade na que centra a súa preparación, aínda que a combina coas competicións de pista co seu club. “Ese foi un punto de inflexión”, recoñece a deportista e investigadora, que 2016 lograba xa clasificarse para o campionato de mundo disputado en Alemaña, para, un ano despois verse preto da loita polas medallas no mundial de Sudáfrica. 

Te puede interesar