ANA PONTÓN Candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galicia

"Somos alternativa para as persoas que queren un proxecto pensado desde o país"

Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta.
photo_camera Ana Pontón, candidata do BNG á Presidencia da Xunta.
 Ana Pontón chega a súa segunda campaña como candidata á presidencia da Xunta  convencida de que os galegos teñen ante si a posibilidade de dar un xiro aos derradeiros anos co voto ao BNG. Quere ser a a primeira presidenta de Galicia e aínda que ese horizonte parece lonxano, as enquisas ven o seu partido na disputa co PSdeG por ser a segunda forza.

¿Qué hai en xogo nestas eleccións en Galicia?
Os galegos e as galegas nos xogamos decidir entre dous modelos. Hai un modelo que é o do PP e a sumisión a Madrid e o modelo que representa o BNG. Ter un goberno ao servizo dos galegos e as galegas e que sexa capaz de poñer en pé o país despois desta crise. Entendemos que Galiza ten que cambiar cara un modelo basado nunha economía verde, que aposte pola ciencia e a innovación, en acabar co abandono do medio rural e blindar os servizos públicos: sanidade, educación, atención a dependentes. 

Vendo os datos sanitarios, seguen mantendo que a data elexida para votar non é a mellor?
O 12 de xullo hai unhas eleccións e nós estamos traballando para que haxa unha gran mobilización. Faremos historia se Galiza ten por primeira vez a unha muller na presidencia, e que ademais sexa do BNG, que nos garantiza ter as mans libres. Este ano vimos como un só deputado do BNG en Madrid conseguía poñer a Galiza no mapa. Conseguimos máis que Feijóo en 11 anos. Canto seriamos capaces de construir se tiveramos un goberno liderado polo BNG? 

Que diferencia ó BNG de Galicia en Común o da  Marea Galeguista?
Nós somos un proxecto nacionalista, temos a nosa causa de ser en Galiza, temos as mans libres para defender os nosos intereses. O BNG é a alternativa para todas as persoas que queren un proxecto pensado desde o país e que mire polos intereses das maiorías sociais.

Que outras forzas asocien ó BNG co independentismo, failles  dano? 
Teño a sensación de que como non teñen nada que criticarnos pois intentan coller ese tipo de argumentos. O BNG ten a súa razón de ser na defensa dos nosos sectores produtivos e na defensa dun futuro mellor. Sempre digo que o nacionalismo é o inconformismo de ver como unha terra rica como a que temos en Galiza está indo cara atrás. O balance destes 11 anos é demoledor. A crise demográfica cada vez vai a máis, a crise industrial agudízase, crise dos servizos públicos, que se segue desmantelando... Unha persoa que me encontrei pola rúa estaba escandalizada por ter que ir a unha cita cun problema de alerxias porque lle ofrecían unha cita telefónica. É o modelo que quere implantar o PP. 

E neses problemas que detecta, que solucións propón o BNG?
Nós temos, por exemplo no ámbito sanitario, o compromiso de recuperar a dignidade dos traballadores. Tivemos en Verín un exemplo de como se defende unha Sanidade pública e a dignidade da xente co movemento de “Verin non se pecha”. Se imos votar co espírito de Verín haberá un cambio liderado polo BNG. Propoñemos que nos 100 primeiros días de goberno poñamos en marcha un reforzo da Atención Primaria con medios e recursos. No Sergas hai 6.000 plazas vacantes e temos que traballar para eliminar as taxas de reposición. Hai que traballar para que a sanidade pública se libere de recortes. É incrible que nunha parte do país con este envellecemento non haxa tratamentos de xerontoloxía ou de ictus. Debemos devolverlle aos hospitais comarcais a súa autonomía.
 
Falaba antes dun dos problemas endémicos de Galicia, a despoboación. Que propón o BNG para o desenvolvemento do rural?
A crise demográfica é o mellor exemplo do fracaso das políticas e modelos do PP. En Ourense, por exemplo, a Deputación leva 40 anos con mando no PP, o goberno galego case sempre estivo gobernado pola dereita e o resultado é demoledor. O que falta é confianza no país, que se vexa que é necesario desenvolver unha estrutura industrial e potenciar a produción local de alimentos, poñer en valor o patrimonio e que se siga apostando por dimensionar toda esa capacidade de innovación de sectores como o vitivinícola.

A crise económica ainda non chegou con toda a súa forza a Galicia. Como pode o futuro goberno reactivar esa economía?
Eu creo é que os datos non son malos, pero temos unha situación preocupante porque Galiza aínda non saíra da anterior crise. É alarmante como despois de 11 anos do goberno do PP tiñamos menos emprego que no ano 2009, como se destruiu tecido industrial, ou como se detruiron elementos que son claves na reactivación. Unha das primeiras medidas sería convocar ao conxunto das forzas políticas, aos sectores sociais e económicos para traballar nun gran acordo.Temos que poñernos a producir e reorientar a economía cara unha verde e circular onde aproveitemos as enerxias renovables, onde apostemos por dimensionar o noso sector agrario e recuperar terras productivas, onde cambiemos o modelo forestal e poñer en marcha un país con maior capacidade de decisión.

Como está sendo a campaña do BNG? Que sensacións ten nestes días?
Está sendo moi emocionante porque eu ademais pensaba que esta ía ser unha campaña onde a participación nos actos sería moi dificil porque hai que ter moita precaución e manter as distancias físicas. Nós estamos facendo unha campaña con todas as medidas de precaución e, en realidade, síntome desbordada da ilusión que estamos xerando ao noso redor. Vexo moitísimas persoas que nos están dicindo que van  ir votar con ilusión polo BNG e iso ten un efecto multiplicador. Imos ter a ocasión, se seguimos alimentando a esperanza, se concentramos o voto do cambio no BNG, de amargar a noite ao PP e faremos historia. Temos que facernos valer.
 

É posible o entendemento entre as esquerdas para formar un goberno de coalición? 
Ningún galego dubida que si o próximo 12 de xullo o PP non ten maioría absoluta, sentarémonos o día 13 para traballar e conformar un goberno que poña fin a esta década de decadencia. Eu aspiro a liderar ese goberno porque creo que o cambio que necesita Galiza é un cambio que poña no centro os intereses do país. Se teño a posibilidade de liderar este goberno, o que farei será chamar ás outras forzas políticas para que, canto antes, nos poñamos mans á obra.

Que mensaxe trasladaría para pedirlles o voto aos galegos?
Este 12 de xullo temos a oportunidade de facer algo importante. Acabamos de vivir unha situación inédita que nos demostra que temos que escoitar mellor ao noso planeta, que temos que camiñar cara un cambio de modelo onde apostemos por unha economía verde, pola ciencia e a innovación, o sector agrario e o medio ambiente, ademais de traballar por uns servizos públicos de calidade. Galiza ten todo para ser a envexa de Europa pero necesitamos ter confianza en nós mesmos. Este 12 de xullo podemos confiar no país e abrir un tempo novo para xuntos facer historia. Entón recuperaremos a esperanza e gañaremos o futuro.

Te puede interesar