Vigo

Pontón pide en Vigo votar “con afouteza” da man do BNG

Xavier Pérez Igrexas, Ana Pontón, Carme da Silva, Cecilia Pérez Orge e Xesús López Carreira onte no Auditorio Afundación de Vigo. Detrás Olaia Fernández.
photo_camera Xavier Pérez Igrexas, Ana Pontón, Carme da Silva, Cecilia Pérez Orge e Xesús López Carreira onte no Auditorio Afundación de Vigo. Detrás Olaia Fernández.

O Bloque abarrotou o Auditorio de Afundación para recuperar o escano de Olaia Fernández

Nun mitin abarrotado que deixou pequeno o auditorio de Afundación, a portavoz nacional, Ana Pontón, apelou á enerxía e a forza da primeira cidade do país, para conseguir que a partir do 28-A Galiza deixe atrás catro anos de discriminación e recupere unha voz propia no Estado.
“Pídovos afouteza, porque estou convencida que o 28 de abril imos conseguir que Galiza sexa decisiva no Estado e imos conseguir frear a esa dereita carca e antigalega quitándolle a Vox e a Cs os escanos que lles disputamos. Hai partido e imos saír a gañalo, con coraxe, con ilusión, con esperanza e con confianza en Galiza, con afouteza!”, proclamou.
Pontón instou a non deixarse levar polo discurso do medo, “que só busca que nos conformemos co mal menor”, nin pola cantinela do voto “útil”. E fixo balance da xestión do candidato do PSOE, Pedro Sánchez, “da que presumiu cando veu a Vigo”.
“Tivo o detalle de subirnos as peaxes da AP9 dúas veces en oito meses, mentres rebaixaba un 30% nas radiais madrileñas despois de gastarse 2.000 millóns de euros en rescatalas. Non moveu un dedo para a transferencia da AP9, pero en 24 horas negociou a transferencia a  Euskadi da AP68 e para rematar un recortazo de 750 millóns”, ironizou.
Aínda que o recortazo nos orzamentos do Estado, “non é só mérito de Sánchez, contou cos votos de En Marea-Podemos e estaría ben que o seu candidato, Pablo Iglesias, que mañá vai vir a Vigo nos explicase como pasou de asaltar os ceos a ser o apóstolo da constitución do Réxime do 78”, dixo.
“Menuda utilidade para Vigo e para Galiza o voto PSOE e Podemos que nin sequera derrogaron as contrarreformas laborais, a Lei mordaza ou a LOMCE nun escenario sen maioría da dereita”, indicou.
“Para cando a transferencia da AP9, para cando un marco enerxético estable que salve 5.000 empregos nas empresas electrointensivas, para cando un financiamento xusto,  a modernización do tren Vigo-Porto, a rexeneración da ría de Vigo ou os 188 millóns que o Estado nos debe en dependencia?”, interpelou.
A candidata ao Congreso por Pontevedra, Carme da Silva, fixo un chamamento a  todos os vigueses e viguesas, “que queren que Galiza conte en Madrid e queren frear á dereita máis rancia”, a sumar todo o voto de país no BNG. Todas as enquisas sinalan que “somos a forza mellor situada para quitarlle o escano nesta provincia a esa dereita antigalega”, alegou.
Da Silva comprometeuse “a facer a revolución galega en Madrid” logrando que os temas de Vigo volvan á axenda política estatal.
Pontón animou a encher as urnas de votos ao BNG para que Carme da Silva colla o relevo de Olaia Davila. 

Te puede interesar