Opinión

Períodos de luz e de sombra

En toda a recente exaltación feita coa figura literaria e humana de Carlos Casares –da que non serei eu quen diga que foi inmerecida- houbo cantidade de traballos escritos sobre o escritor e tamén sobre a súa obra dos que sí me atrevería a dicir que son absolutamente prescindibles e que non han prevalecer moito máis alá do que duren os fastos celebrados ó par deste mes de maio recén finalizado onte. Hai algunhas biografías que causan rubor, pero tampouco non serei eu quen as sinale co dedo delegando, como delego, no lector atento a responsabilidade da lectura e obtención dunha opinión propia que tampouco no serei eu quen lla desminta.
Casares ben merece unha biografía seria, completa e cabal, agora que o xénero haxiográfico, no seu caso, acaba de ser tan cabalmente cumprido nesas biografías escritas prós devotos da causa. Merécea el, é dicir, merécea a súa vida, que foi intensa en tódolos sentidos sen dar pe ó aburrimento en ningún instante dela, e merécea a súa obra. Son dos que millor o sabe. Compartín moitas, pero moitas das súa chamémoslle aventuras político-culturais, e aínda outras; lin polo miúdo toda a súa obra e, pese a tódolos pesares, fun dos que levaba anos reclamando a celebración recén concluída afirmando da súa obra que era abonda pra afirmar del que foi o gran polígrafo galego do derradeiro terzo do século XX.
Dito o que antecede –e pódenme crer que eu a Casares non lle debo nada que non sexan moitos anos de amizade fraternal concluídos de forma abrupta- déixenme que recorde os tres traballos que, ó meu entender, poden axudar á compresión da súa personalidade humana e literaria dun xeito aportante e benéfico.
Toda persoa ofrece, todo ó longo da súa vida, períodos que as veces son luminosos e noutras ocasións non diría que cheos de escuridade, pero si cando menos velados por algunhas sombras. A abundancia de luz pode acabar por ser obscena e, no meu xeito de entender as cousas, son eses tres traballos ós que me referirei de contado os que en maior medida eludiron esa luminosidade que a min se me antolla tan maligna. Casares foi un señor normal, pero non foi Francisco de Asis; por lles dar a vostedes un nome que a todos nos recorde a aura de santidade propia dos que gozan a gloria celestial.
O primeiro traballo que me recordou a min ó Casares real foi o escrito polo seu fillo Christian. Da conta nel das preocupacións que máis inundaron o espírito do escritor a partires dos seus anos transcorridos no seminario conciliar de Ourense. Foron uns anos ós que el non gustaba moito de se referir, pero que se adiviñaban claramente nas súas consecuencias, entre elas as depresións as que Carlos se veu sometido durante unha parte significativa da mocidade e nos primeiros anos da idade adulta. Por outra parte é un fermoso artigo, máis ben un pequeno e fermoso ensaio o escrito por Christian Casares Berg.
O segundo traballo é da autoría de Arturo Lezcano que foi quen o introduciu no ámbito de Vicente Risco, cuxa relación e trato tanto habían de marcalo pró resto dos seus días; mesmo me teño preguntado a veces se a influencia de Piñeiro foi abonda pra liberalo desa marca inicial no pensamento casariano posterior ó “troquelado” que todo paso por un seminario dos daquela implicaba. Entenderán o que estou suxerindo se deciden ler estes dous traballos.
O terceiro e pra min definitivo é o que escribiu Federico Cocho. Resume nel, faino nun gráfico impagable, as preocupacións cotiás que camparon polos artigos de Casares ó longo de tantos anos; algo digno de ter en conta se non nos esquecemos dun dato absolutamente incuestionable: o de que Carlos Casares foi un excepcional articulista, un maxistral escritor de periódicos, periodista literario, en medida moi superior a calquera outra das súas moi salientables facetas de novelista, contista, biógrafo, dramaturgo e, por suposto, poeta que o foi, si, pero máis ben pouquiño.
Escribo isto porque son un home de impulsos, moito máis que de arroutadas, malia que tamé o sexa, e porque o Facebook acaba de me poñer diante dos ollos algunhas desas reaccións que non se produciron antes do día 17 de maio e que agora parece que si, que empezan a aboiar e os axustes de contas comezan a ter carta de natureza. Entre elas a unha saldada do artigo aquel titulado “Colonia ou champú”. Se o artigo foi censurable, as reaccións que suscitou o foron en moita maior medida e non teño problema ningún en falar delo se acabara por ser preciso. Creo que llo debo ó Casares, non polo que sucedeu logo do ano 91, senón polos anos anteriores transcorridos en fraternal camaradería. Carlos foi un home sabio e aprendín moito del. Ofreceu sombras, como todos nós as ofrecemos, pero xa está ben desta nosa teima de vestir e de espir santos, de espilos e vestilos, unha e outra vez, dependendo de ónde veña o vento ou de cómo sospeitemos que este acabará por se encarreirar.
En calquera caso un artigo non pode facer desmerecer o conxunto dunha obra nin a totalidade dunha vida. Tampouco a iluminación debe ser demasiado intensa, pois tanta luz pode cegar e conducir a un tropezón máis que contraproducente. Así que deixémonos de lerias e limitémonos a celebrar pra sempre que Casares vivira e escribise.
 

Te puede interesar