traiñeiras a guarda

Os tempos de "Mau Mau"

Un dos históricos barcos que competiron nas regatas no porto da Guarda.
photo_camera Un dos históricos barcos que competiron nas regatas no porto da Guarda.

A Guarda rinde homenaxe os pioneiros do remo cun acto oficial e unha regata de traiñeiras

Contan as crónicas, as fotografías e os vellos do lugar que entre os anos corenta e setenta a localidade da Guarda vivía duras competicións de remo entre embarcacións patrocinadas polas cantinas e tendas da vila. Eran os tempos de nomes como o "Mau Mau", a "Jaula", o "Morales" ou o "Barquiño". Pasaban os mozos polas bancadas ano a ano e, de cando en vez, trocaba o nome da embarcación. Competiu a "Chupa Ovos", "A Revoltosa" ou o "Alpiste". 
Nomes pegados á realidade da vila. Cada embarcación xuntaba a mellor tripulación posible e competía pola vitoria na regata organizada con motivo das Festas do Carme, como manda a tradición nunha vila mariñeira. Por aqueles anos, as embarcacións eran de seis remeiros e un patrón. Estaban a medio camiño entre as traiñeiras e as traiñeiriñas actuais. Iso si, a madeira mollada pesaban uns cantos quilogramos máis que os actuais botes de fibra. 
Tempo de remo pretérito que a asociación Piueiro e o club Robaleiro queren recordar este sábado e tamén rendir unha homenaxe os veciños que introduciron este deporte na localidade. Para facelo contarán coa axuda de traiñeiras da Ría de Vigo e de toda Galicia. O club local, Chapela, Samertolameu de Meira, Tirán Pereira, Bueu, Ares e Rianxo acudirán á regata de homenaxe que se disputará no porto da Guarda na modalidade contrarreloxo.
Ademais do evento puramente competitivo, Piueiro organiza un acto no que reúne ós remeiros vivos e tamén ós familiares dos xa falecidos e que competiron nas regatas organizadas entre os anos 40 e 70. A localización dos deportistas realizouse a través do estudo das fotografías tomadas na época e grazas a colaboración veciñal. Os presentes recibirán unha peza de cerámica deseñada polos membros da asociación Avelaiña e un libro fotográfico coas imaxes das regatas do pasado, que serviron de base para atopar ós propios deportistas. 
Na metade do século XX o peirao da Guarda estaba totalmente cheo para seguir as regatas. Os membros da tripulación gañadora recibían un merecido recoñecemento por parte dos espectadores e tamén veciños. Conta a lenda que as celebracións prolongábanse durante horas e horas. Incluso poderían darse caso de días de festexos. Os remeiros perdedores, habitualmente, non tiñan tantos ánimos, pero moitos remataban por unirse porque, ó final, estaban en plenas Festas do Carme.
O vindeiro sábado as celebracións seguramente non se estendan na noite, pero todo os actos terán unha importante carga emotiva polo recordo dos tempos pasados e tamén dos remeiros que quedaron polo camiño. Parte da historia dun pobo entre o "Mau Mau" e "A Revoltosa".n

Te puede interesar