vigo

Oliver Laxe: “Hai obras excesivas que superan aos seus autores”

Oliver Laxe, durante a súa intervención do curso de audiovisual organizado no Marco.
photo_camera Oliver Laxe, durante a súa intervención do curso de audiovisual organizado no Marco.
O premiado director de “O que arde” compartíu en Vigo a súa visión sobre o cinema e a sociedade en charlas na ESAD e no Marco
nnn “Crear é abandoarse á vida e deixar que ésta nos supere”. Esta foi a idea que Oliver Laxe quixo transmitir onte nos dous encontros que mantivo en Vigo na Escola Superior de Arte Dramático e no Museo de Arte Contemporánea. “Hai unha fráxil fronteira entre a idea do autor e o que a vida regala ou impón”, explica en declaracións a Atlántico o director do filme revelación de 2019, “O que arde”. 
“Hai procesos creativos excesivos que superan aos seus autores”, engade. Recoñece que leva “entre ben e mal” a popularidade acadada por “O que arde”. Afirma que o éxito “hai que saber manexalo, xa que pode ser unha bendición ou un perigo; tomeino con tranquilidade, non me vexo con máis avidez ou ambición que antes e penso que foi positivo porque logrou servir a miña xeración e a miña terra para coñecer a nosa esencia; se o consigue, o maior éxito será convertirse nun espello de Galicia”.
Para Laxe, o cine ten unha labor social que está por riba da súa función de lecer: “Non entendo unha película se non transmite unha emoción profunda, se o espectador conecta con esta esencia, xa se está entretendo; como dixo o dono de Ferreri, non facemos outra cousa que entreternos cando traballamos”.
Recoñece que a gran acollida que tivo “O que arde” recibíuna por sorpresa: “A intención da película era chegar a moitos públicos, que se proxectara nos colexios e institutos nos vindeiros dez ou vinte anos, que fora o espello que merece a nosa terra; pero tal e como está o mundo do cinema e o inexistente traballo pedagóxico co espectador, non me imaxinei que tivera tanto éxito en taquilla, nen nos Goya que son uns premios demasiados  industriais e populares para este tipo de película (das cinco nominacións, recibíu dous: á mellor actriz revelación e á mellor fotografía). A intención de servizo era forte e eu tiña máis oficio, pero non son unha persoa que adoite agardar demasiado, tento calmar a miña proxección e ter o mínimo apego posible, o que veña, bo será”. Declara que por agora está centrado noutros ámbitos: “Estou con proxectos de desenvolvemento local e de actividades didácticas máis alá do cinematográfico; penso que estou aquí para facer unha obra que se pode expresar a través do cine, pero tamén a través do traballo no campo”.
Así, Oliver Laxe desvelou onte en Vigo as ideas  e as experiencias vitais que acompañaron so seus procesos creativos, “todo isto fíxo que me coñecese mellor a min mesmo”, afirmou.n

Te puede interesar