baixo miño

Oia fai historia co primeiro crowdfunding arqueolóxico

Xosé Gago, de Costa dos Castros, con Lisa Westcott, de  DigVentures, no castro de Chavella.
photo_camera Xosé Gago, de Costa dos Castros, con Lisa Westcott, de DigVentures, no castro de Chavella.

A campaña recibe un apoio masivo de doantes galegos e de países como Estados Unidos e Reino Unido

As catro comunidades de montes do concello de Oia querían facer dos seus espazos, coñecidos pola súa riqueza natural e arqueolóxica, un novo atractivo turístico que permitise a conservación deste patrimonio, e para iso lanzaron en xuño unha campaña para recadar fondos para financiar o seu proxecto Costa dos Castros. Fíxose a través do sistema de crowdfunding: un xeito de micromecenado realizado a través de internet (páxina web e redes sociais) que permitiu recibir aportacións de particulares. Agora, acaban de facer historia con esta primeira campaña de crowdfunding arqueolóxico, á que se sumaron finalmente 90 colaboradores de distintos países, até reunir un total de 10.523 euros.
“Lanzámonos á aventura. Nunca se fixera nada así en Galicia e non sabiamos como resultaría. Tiñamos a seguridade de que por pouco que lográsemos recadar, axudaría ao proxecto, pero acadar o cen por cento é un auténtico fito” apuntou o coordinador de Costa dos Castros, Xosé Gago, a través dun comunicado.
As últimas horas do sábado 30 de outubro, o día de peche da campaña de crowdfunding, foron moi activas nos dispositivos dos membros da Costa dos Castros. “Estabamos a un 98 por cento e queriamos chegar ao cen por cento. Comezamos a chamar, mandar mensaxes e a movelo nas redes sociais. Ao final conseguímolo”, engade Gago.

castros e petróglifos
O obxectivo era acadar 10.000 euros para levar a cabo proxectos arqueolóxicos en Oia, concretamente no castro de Chavella e no petróglifo de Auga dos Cebros, así como a creación dun arboredo en Mougás.
Amais do financiamento, a campaña de micromecenado tiña tamén unha intención de marketing. Realizouse coa axuda da empresa británica DigVentures que xa levara a cabo con éxito campañas semellantes no Reino Unido. A través dela o proxecto galego chegou a fogares de todo o mundo. Na campaña de Chavella participou in situ xente de Estados Unidos, Escocia e Inglaterra, pero a comunidade virtual creada ao redor de Costa dos Castros chega xa a moitos máis países. n

Te puede interesar