rugby

O pequeno é un xigante

Nacho Villegas parte dunha melé para cargar contra a defensa do Gaztedi ante a mirada do árbitro Fernando Raposo no partido de onte.
photo_camera Nacho Villegas parte dunha melé para cargar contra a defensa do Gaztedi ante a mirada do árbitro Fernando Raposo no partido de onte.
Gabardos asinou todos os puntos do Kaleido Vigo na vitoria ante o Gaztedi nas Lagoas 

Ezequiel Gabardos é baixiño. Case un anano comparado coas alturas dos xogadores de rugby do Kaleido Vigo e os seu rivais. O seu físico podería situarse como de xogador de fútbol. Non obstante, as costas anchas, máis do normal para a súa altura, e as pernas musculadas delatan que o seu deporte está no rugbi. Debido a este tamaño ocupa a posición reservada ó pequeno no mundo do balón oval. É medio de melé. O xogador que recolle os balóns dos agrupamentos e as melés e lanza ó ataque. Tamén o que envía patadas defensivas ó campo contrario e, no caso de Gabardos, tamén é o que golpea o balón nos lanzamentos a paus.
Chegou ó Kaleido Vigo da man do novo adestrador Pablo Cabrera e a súa incorporación xa é chave. Ante o Gaztedi, e nun partido con notables baixas locais, dirixiu onte ó equipo de maneira intelixente, converteuse nun tormento para a defensa visitante e anotou os oito puntos da vitoria da formación viguesa ante o equipo vasco. Anotou un ensaio tras percorrer todo o campo e pasou o golpe de castigo da vitoria a tres minutos para chegar ó final do encontro. Polo camiño estivo preto de facer outro pousado tras amagar un pase e burlar a toda a defensa do equipo vasco. Soamente que o árbitro considerou que cando tocou o oval no chan xa estaba fóra do campo. 
Máis aló das accións puntuais, Gabardos dirixe con claridade, velocidade e intelixencia o ataque do seu equipo e, igual que o resto dos seus compañeiros, axudou na defensa extrema, solidaria e con poucos erros na que o Kaleido Vigo cimentou a súa vitoria ante un equipo que xa pecha a táboa. 
A formación viguesa ascende á sétima posición con dúas vitorias en catro partidos e gaña en tranquilidade na nova etapa con Pablo Cabrera no banco e Gabardos de director de xogo, que onte tamén foi o solista principal da orquestra. O pequeno é un xigante co oval nas mans.

Kaleido Universidade de Vigo: 
Agustín Francisco, Tito Prieto, Antonio Alonso (Andoni Reyes, min. 5), Lemos, Paradela, Franco, Lordani, Nacho Villegas (Casales, min. 69); Gabardos, Valentín Gutiérrez; Santi Gutiérrez, Mauro González, Sergio Calvo, Xián Pazos (Lanero, min. 69), Carlos Davila.
Gaztedi: 
Dago Pais, Bengoa (Epaltza, min. 65), Zarrabeitia, Romero, Díez, Montalbán, Potgieter, Campo; Vinuesa, Airaitz Garmendia; Golpe, Levrand, Aritz Galarza, Ander Fernández, Unai Beristain. 
Anotaciones: 
0-3, min. 14: Levrand; 5-3, min. 43: Gabardos; 5-6, min. 48: Levrand; 8-6, min. 77: Gabardos. 
Árbitro: 
Fernando Raposo. Non amosou cartóns. 
Incidencias:
Partido corresponde á segunda xornada que foi adiado en setembro polos coidados do céspede das Lagoas. 

Te puede interesar