VIGO

Nova xeración na banda deseñada

Pablo Prado deixa que a historia guíe o estilo gráfico da súa obra na adaptación “O derradeiro libro de Emma Olsen”.
photo_camera Pablo Prado deixa que a historia guíe o estilo gráfico da súa obra na adaptación “O derradeiro libro de Emma Olsen”.
Edicións Xerais e Galaxia veñen de publicar dous títulos de cómic con estilos diferentes, con xéneses diferentes, pero cunha escola común, O Garaxe Hermético , dirixido por Kiko da Silva 

Nomes novos están detrás das últimas publicacións en banda deseñada que chegaron estas semanas ás librarías. Anémona do Río asina “A proba de auga”, baixo o selo de Edicións Xerais e Pablo Prado fai o propio con “O derradeiro libro de Emma Olsen”, de Galaxia, unha adaptación á novela gráfica da obra de Berta Dávila.
Son dúas propostas diferentes, tanto estética como tematicamente, pero que teñen en común un mesmo punto de formación: O Garaxe Hermético, de Kiko da Silva. A escola profesional de banda deseñada, sita en Pontevedra, foi fundada por Da Silva en 2012 e reúne no seu claustro nomes tan coñecidos como Fernando Iglesias, Miguel Porto, Fran Bueno, Miguelanxo Prado ou Fernando Llor. 
Aínda así non se pode falar dunha corrente galega na banda deseñada con características propias. Desta opinión é Pablo Prado, que mesmo sinala que “en Galicia hai moitos autores de referencia, incluso con proxección internacional, hai moita creatividade e moito potencial”.
Con estilos moi persoais, a nova xeración de autores bebe de fontes divrsas. Así, Pablo Prado  síntese máis preto do cómic europeo: “Eu leo banda deseñada francesa e belga, atópome nesa corrente creativa, pero tamén rescato elementos doutras disciplinas como a ruptura de páxina que é máis propia do cómic americano ou xaponés”.
No caso de Anémona del Río, o xeito de facer nipón guía a súa creación, aínda que con matices: “A influencia manga está presente no meu estilo, pero a disposición do deseño é diferente, a ruptura das páxinas fágoa cunha estructura máis occidental”.
Dirixidos a públicos tamén variados, dende o xuvenil ao adulto, ninguna das dúas propostas está encaixada nun tramo de idade concreto. “Un cómic hai que o coller con gana, ten que se estar predisposto a ler”, puntualiza a autora de “A proba de auga”.

Anémona do Río: ‘O debuxo é máis importante para min’

Äldara Álvarez, coa súa obra “A proba de auga”.

Aldara Álvarez García está detrás do pseudónimo Anémona del Río. A viguesa, nacida en 1995, é unha autora emerxente que ven de publicar o seu segundo cómic, “A proba de auga” (Edicións Xerais): “En realidade non sei se había un obxectivo nesta narración, esta é unha historia que fixera a lápiz en 2010 (con 15 anos), é un dos poucos cómics que rematei, amplieino un pouco, xa que pasou de ter 38 páxinas ás 100”.
Con pais enfermeiros, inspirouse nas historias que lle contaban para converter en protagonista nunha pinga de auga que remata dentro dun organismo humano.
A trama e a realización valeulle o premio da súa escola, O Garaxe Hermético en 2019 “pola orixinalidade do tema”. Foi o segundo traballo galardonado na súa traxectoria. O primeiro foi “Tam”, co que se impuxo no Premio Fin de Curso e que foi publicado por Retranca Editora.
Autora do texto e das ilustracións, afirma que para ela “o debuxo sempre é máis importante”.
Reconoce a influencia de revistas da súa nenez como “Golfiño”: “Aí publicaban autores que máis tarde foron os meus mestres na escola”.
Pero é a influxo manga o que se recoñece na súa obra, matizado coa tradición europea. “A min gústame esaxerar máis as expresións dos personaxes, é un xeito de comunicar mellor”.
Anémona del Río atopou o seu nome artístico nas sinaturas dos lectores de novas de Yahoo. “Gustoume especialmente Ninfa do Mar, eu quixen algo así e escollín o meu un pouco de broma e ao final quedei con el”.
Agora está enfrascada nun novo proxecto: “Estou a debuxar ‘Tam II’, unha continuación da miña primeira obra publicada”. A súa obra pode verse en Instagram: @anemonaderio.n

Te puede interesar