IRIS MALVIDO Cabeza da lista provincial de En Marea para o Congreso.

“A nosa prioridade está na saída sur e o corredor porque son necesarios para Vigo”

Iris Malvido, candidata provincial de En Marea ao Congreso.
photo_camera Iris Malvido, candidata provincial de En Marea ao Congreso.

 Con tradición familiar no mundo da política, a viguesa Iris Malvido encabeza a lista provincial de En Marea para o Congreso, conllendo o testemuño a Alexandra Fernández, diposta a pór os intereses dos pontevedreses "en coñecemento" dos deputados da Cámara Baixa. 

Como está levando o tramo final da campaña?
Moi ben, moi arroupada e con moitísima enerxía. Estame sorprendendo que a xente está a respostar moi ben, sobre todo nunha situación de apatía política. 

Un dos seus principais plans é acabar coa precariedade laboral.
É un dos temas que mái preocupan aos pontevedreses e propoñemos, por un lado, a creación de maiorías sociais alternativas a nivel estatal que permitan a derrogación das reformas laborais e ademais sabemos que é necesario o investimento. Ter uns orzamentos que sexan dignos e que permitan o desenvolvemento económico da provincia a través da potenciación do Corredor Atlántico, rematar a saída sur de Vigo e a conexión de todos os portos, incluíndo os portos secos como a Plisan, que permitan o intercambio de mercadorías e potencien a industria. É fundamental acabar coas causas da precariedade e potenciar o tecido industrial para xerar postos de traballo de calidade.

Falan do Corredor Atlántico e a saída sur, desbotan a idea de loitar polo AVE por Cerdedo?
Temos unha aposta clara pola mellora das infraestruturas e pola vertebración do territorio pero a nosa prioridade é o Corredor Atlántico e a saída sur de Vigo. A conexión por Cerdedo non o é. Quen está apostando por ela, debería explicar por ese AVE e non se fai o mesmo polo Eixo Atlántico e a saída sur que son moito máis rendibles económicamente e máis necesarios hoxe en día e que por tanto entendemos que deben ser unha prioridade real na que os partidos temos que estar dacordo.

Amosan tamén a súa preocupación polo sector do mar.
É un dos piares da nosa economía. Un sector prioritario na provincia e sobre todo na comarca de Vigo. É básico e necesitamos potencialo. Agora mesmo somos conscientes da situación de malestar que se está a xerar no sector pola subida da cuota de autónomos que se deu a comezos de ano e entendemos que foi un erro. Había que escoitar aos diferentes traballadores. A través da escoita activa e a creación de mesas de negociación se tiña que buscar unha solución. Por outro lado, tamén está sobre a mesa a modificación da lei de costas. É necesario que a nivel estatal se teña coñecemento sobre cales son os nosos sectores productivos. É importante explicalo en Madrid para poder defender os nosos sectores e sacar adiante esas regulacións que sexan máis beneficiosas.

Vostede pódese convertir en diputada segundo as últimas enquisas.
Dende que comezou a campaña sempre dixen que de dous escanos ninguén me baixaba e vai ser así ata o domingo. As enquisas sinalan que ese último escano da provincia está entre En Marea e Ciudadanos e estou convencida de que En Marea vai ser o dique de contención de Ciudadanos.

Cre que pode prexudicalos a separación con Unidas Podemos na provincia?
O que prexudica é non ser coherente co que defendes. Nós cremos que a coherencia e ética son fundamentais. Teño a percepeción, ao falar coa xente afastada das organizacións políticas, de que En Marea se ve como o que é realmente: a segunda forza política de Galicia.

Que lle diría aos indecisos para que se confíen na súa formación?
É necesario que entre En Marea para parar a Ciudadanos. Tamén porque non renunciamos a conseguir melloras sociais para os pontevedreses. Quen considere que todo eso é imprescindible e quere ter unha voz forte en Madrid, debe apostar por En Marea. Non hai ningunha outra forza que aposte tan claramente, que vaia favorecer a gobernabilidade e garantindo uns orzamentos dignos para Galicia e para Pontevedra. Penso que  provincia está a ser moi esquecida nas decisións estratéxicas e nos orzamentos xerais do Estado. Temos que ser esa voz que poña as necesidades da xente enriba da mesa no Congreso dos Diputados. Ao final o desenvolvemento económico permitirá o desenvolvemento social. Sen o desenvolvemento da provincia, é moi difícil que lle poida ir ben ao resto de Galicia a nivel industrial. n

Te puede interesar