MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ Coordinador artístico do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF)

"non quero un Ouff Provinciano, este é o festival de cine de Galicia, e punto"

O Carballiño 30/7/19
Entrevista a Miguel Anxo Fernández ,OUFF

Fotos Martiño Pinal
photo_camera Miguel Anxo Fernández, nun momento da entrevista.
n n n A edición número 24 do OUFF chega do 27 de setembro ao 5 do outubro coa esperanza de que o bo tempo mellore a taquilla. Sesións ao aire libre, un ciclo adicado á auga, talento mexicano da escola de Carlos Velo, máis salas de proxección e a idea de medrar. Miguel Anxo Fernández (Carballiño, 1955), coordinador artístico do festival, adianta as novidades.

Estréase o Premio Calpurnia de Honra Internacional, intención de continuidade?
Si, e temos apostas.

Conectadas con Ourense?
Neste caso empezamos moi ben con José García, pero non son partidario da endogamia. Non quero que o festival de Ourense sexa un festival provinciano. O modelo que me interesa é para a sociedade ourensá, que enriqueza o audiovisual, buscar criterios de calidade, diversidade... Un dos ciclos que vai haber este ano é o cinema mexicano novo. Está a escolla feita. Hai "operas primas". Preocúpame unha cousa: marcar a diferencia en Galicia. O OUFF, non sei por que razón, produce resquemor. Que é Ourense para ter festival de cine? Pois moito. Tradición vinculada ao audiovisual galego e un modelo de festival estándar. O resto de manifestacións que hai en Galicia están moi ben pero non son festivais: Cans, Cineuropa, Curtocircuito, PlayDoc… O OUFF é o que se axusta ao estándar, ao español e ao internacional. Un festival que dura unha semana, oferta plural, homenaxes, ciclos, publicacións, enraizado en Galicia e pensa na sociedade ourensá. O que me preocupa e encontrar perchas. Propostas.

Destes coa fórmula?
A de José García é perfecta. Cine internacional, de Ourense e que traballou con directores de prestixio. Vaca Films, outra. Unha das catro produtoras punteiras de España. Hai unha deformación un tanto mediática e dirixida pola que aquí só se fala de novo cinema galego. Vaca Films fai ruso? É cine español e galego, coa metade da filmografía rodada aquí. Vainos permitir que seguramente poidamos visionar uns minutos de “La unidad”, que estrea Movistar en outono. Pode vir Dani de la Torrre ao OUFF. Significa reivindicar a industria galega. E temos apoio institucional. Unha aposta como a da Deputación é forte. Suficiente, non. Un festival de cine en España na órbita do que se quere situar Ourense estamos falando de millón de euros –de orzamento– para arriba. Eu faríao porque esos cartos van ter retorno. Se tes tódolos días unha nova que che abre os telediarios de España, esa pasta é incuantificable.

Canto necesitaría o OUFF para chegar a ese nivel?
Tres anos. Para chegar a un festival competitivo en España.

Mantéñense os espazos do ano pasado?
Incorpóranse salas de Ponte Vella.

E o de expandirse á provincia?
Si. Entregouse un premio in memoriam a José Sousa que levaba o nome das Xociviga e o OUFF. As pelis tamén van pegadas ao festival. Vaiselle levar algo á Semana do Cine do Barco. O OUFF quere ser un paraugas. E a Xunta ten que ser consciente de que o festival é distinto, é o festival de Galicia e punto. Por menos non imos pasar.

Está infravalorado o OUFF?
Non é iso, pero si que estamos en desvantaxe con Compostela. Teñen unha infraestrutura potente e é a capital de Galicia. Está moi ben comunicada. Ourense ten a reivindicación histórica do cine e será o aeroporto terrestre de Galicia. Poderase chamar a Amenábar para un obradoiro, por exemplo. Santiago estará a unha hora máis, si, pero Ourense está antes. Tamén ofrecemos o tema da auga. O OUFF vai ter unha sección específica de cine e auga, coa intención de potencialo. Hai pelis novidosas. Se queremos facer unha sección competitiva arredor da auga, o ano que vén petámolo. E temos un tecido de relacións boas. O único que pido á xente de Ourense é que apoien o festival.

Mantén o mesmo equipo?
Si, o cerne ten que ser o mesmo. Pero chegará o momento no que haberá que profesionalizar o festival. Ten un risco que Fran Gayo (anterior director do OUFF) non aceptou. Se superas unha cantidade mínima de adxudicación directa, ten que ir a concurso. 

Hai película de apertura?
Non. Pero temos confirmado a Oliver Laxe e a estrea en Galicia. Tiñamos previsto o día de apertura unha peli de José García, pero non pode vir ese día. A tradición é abrir e pechar cunha galega. A única galega que hai neste momento é a de Laxe pero unha estrea sen o director da mala imaxe. Estamos buscando e ao mellor renunciamos a que sexa galega. Tamén tiñamos falado para "Quien a hierro mata" pero Sony adiantou a estrea a agosto. Non se pode.

Vaca Films ten cine comercial. O OUFF vaise afastar do cine independente?
Eles teñen diferencia de criterios: cine rendible e cine de autor. Nos seus próximos proxectos vai haber de todo. Miran moito polos autores novos. A nós interésanos esa visión tamén. A política da Deputación de recibir rodaxes é moi boa, reforza o OUFF porque son estreas que se lles pode poñer a condición de estrealas aquí. O único que lamento é que non haxa iniciativa empresarial cunha proposta do tipo de Numax en Ourense, de cine máis independente. 

E o Cineclube?
Si, pero ten o condicionante do límite de contidos. É moi necesario. Pero ten que haber máis salas. 

O 15 de agosto remata o prazo de recepción de películas. Que hai?
O nivel é bo. Temos algunha peli premiada internacionalmente.

Imos ver cine feito en Ourense?
Si. E seguro xa tamén para o ano, porque se estreará algunha rodaxe das de este ano.

Canto presuposto teñen?
A Deputación anunciou 250.000 euros, a Consellería 100.000 e a partir de aí, os recursos propios que poida aportar o Concello. Tiña apalabrados 50.000 pero non sei se estarán. E os patrocinadores, que son importantes. Hai que conseguir taquilla importante e mirar pola ocupación hostaleira. Se non hai complicidade da sociedade ourensá, incluídos os políticos de todo signo, non hai nada que facer e volvemos á idade de pedra.

Previsión de público? O ano pasado houbo 8.300 persoas nas actividades e 6.249 nas proxeccións.
O dobre, esa é a nosa previsión. Setembro. Gozar de boa temperatura, moitas sesións a ceo aberto e moitas para nenos. 

Te puede interesar