Galicia

Miles de persoas saen ás rúas por toda a Comunidade reclamando máis galego

Praterías acolleu a concentración posterior á manifestación que percorreu Compostela co gallo do Día das Letras.
photo_camera Praterías acolleu a concentración posterior á manifestación que percorreu Compostela co gallo do Día das Letras.

Compostela acolleu a marcha máis numerosa co gallo do Día das Letras, na que se deron cita os partidos da oposición

Miles de persoas percorreron as rúas de toda Galicia con motivo deste 17 de maio para defender a lingua propia e advertir ás administracións públicas que "¡Máis que nunca, Queremos galego!". A pesar do mal tempo, a plataforma en defensa do idioma conseguiu congregar a centenares de persoas nas 14 marchas convocadas para a xornada deste venres, Día das Letras Galegas, co obxectivo de estender aos diferentes municipios a tradicional manifestación que cada ano acolle a cidade de Compostela.
Precisamente, Santiago acolleu unha das mobilizacións principais do día, que estivo apoiada por numerosos representantes do panorama social e político, como a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, Lidia Senra de En Marea ou Antón Sánchez de Anova, entre outros. A comitiva saíu da Alameda pasadas as 12.00 horas ao berro de "Na Galiza, en galego", tras unha pancarta na que se lía "¡Máis que nunca, Queremos galego!`. Sobre a mesma hora, a imaxe repetíase na Coruña, Ferrol, Carballo, Lugo, Burela, Monforte, Ourense, Pontevedra, Vigo, A Estrada, Cangas e Lalín.
A convocatoria da plataforma Queremos Galego, buscando estender a forza da mobilización a nivel comarcal e achegar os seus consignas aos municipios con motivo das próximas eleccións municipais, chega mesmo máis aló das fronteiras da comunidade, ao celebrarse unha protesta de apoio no Ateneu Roig de Barcelona.
Na capital galega, centos de persoas percorreron as rúas nun ambiente lúdico e festivo e acompañadas dunha breve tregua das condicións climáticas, coreando consignas e portando pancartas de todo tipo para reivindicar o seu dereito a usar a lingua con normalidade no seu día a día.
A marcha percorreu a rúa Senra e bordeou a Praza de Galicia antes de introducirse no Casco Antigo compostelán. A pesar de que estaba prevista a súa finalización no Toural, a organización decidiu trasladar o acto final á Praza de Praterías, ante a sede do Museo das Peregrinacións, debido á gran afluencia de simpatizantes que acudiron a apoiar a convocatoria e que superaron as expectativas da plataforma.
Alí, representantes de diversas entidades, como "Defende a Galega", a CIG ou a asociación cultural "O Galo", entre outras, deron lectura ao manifesto da protesta, que concluíu coa intervención do portavoz da plataforma, Marcos Maceira, e co canto do himno galego por parte de todos os manifestantes. Ao comezo da marcha, o portavoz da Mesa e de Queremos Galego, Marcos Maceira, lembrou que se cumpren 10 anos de acción desta entidade na que a cidadanía demostrou coa súa "vontade" que se pode "manter un galego vivo" e "rehabilitar a lingua", en contraposición a unha administración "que está a ser absolutamente contraria" a estes intereses. "Vímolo na campaña electoral", denunciou, na que "regresou a agresividade manifesta" cara á lingua coa esixencia da súa "prohibición para o acceso á función pública", o que iría en contra do Estatuto de Autonomía ao representar "o mesmo" que a "eliminación do dereito a ser atendidos en galego".

principais atrancos
Nun contexto de eleccións municipais, Maceira lembrou as dificultades para levar unha vida con normalidade usando a lingua galega, en casos como o pago de taxas "porque os bancos non o permiten nas súas xestións", cun 1 por cento de seguros que se poden tramitar neste idioma, ou no ámbito da infancia, estando presente nun 0,6 por cento de xogos e xoguetes, ademais de na xustiza, na sanidade ou a educación.
"O problema é que temos que estar permanentemente mobilizándonos para que os éxitos conseguidos se manteñan", lamentou Maceira, quen advertiu ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que ten "dúas opcións: ou é leal a Galicia e por tanto ao galego, como factor de desenvolvemento económico e de cohesión social, ou é leal a Casado e a súa campaña de odio", sinalou. n

Te puede interesar