PATRICIA GONZÁLEZ Costureira de Saiáns, deseñadora de máscaras galegas

“Estas máscaras tapan as nosas bocas pero non nos calan”

Patricia González coas súas máscaras bordadas que vende a 10 e 12 euros.
photo_camera Patricia González coas súas máscaras bordadas que vende a 10 e 12 euros.
Patricia González, responsable do Obradoiro de Costura de Saiáns, converteuse sen pretendelo nun referente das máscaras de deseño galego. Especializada no traxe tradicional, en modelos de inspiración popular galega e na realización de fundas para instrumentos, hai unhas semanas entrou nunha nova sección.
Como pasa a facer máscaras?
Aínda que xa mo dixeran, eu non quería porque non tiña claro o tema dos filtros, pero cando comezaron a aparecer no fondo da Ría máscaras dun só uso, animeime. Foi algo que saíu do corazón, quixen por o meu gran de area, evitando que a xente na miña contorna as desbotase. Pero desmadrouse.
Cantas máscaras leva feito?
En tres semanas, as tres persoas do obradoiro xa fixemos 400 máscaras. Acabamos de enviar unha a Alemaña e outra a Sevilla. Fixen catro para a familia, gustáronme e compartinas nas redes sociais. Comezaron a chegar tal cantidade de pedidos por tódalas canles que agora só collemos a través de mensaxes polo facebook do obradoiro.
Cal foi a inspiración?
Sempre tirei polo país, polos nosos poetas. Fixen catro modelos con Rosalía e Castelao, que como reacción as declaracións feitas por Vox aumentou a demanda.
Que patróns seguíu?
Probamos primeiro o que resulta máis cómodo. Ten que ser en pico, non cos priegues para poder ser bordadas e agora só as facemos coa goma pola cabeza porque se manteñen máis tempo postas que se enganchan nas orellas. Quero que a xente non pareza enferma. Estas máscaras tapan as bocas, pero non nos calan.
Son máscaras permanentes?
Teñen doble capa de algodón e un filtro da mercería Crespo de Vigo, que está avalada polos sanitarios. É lavable e permanente.n

Te puede interesar