Cartas al director

Marisquiño, punto e a parte

 Hai dez días varias centenas de persoas vían como o chan se viña abaixo mentres asistían a un concerto. O derrubamento de boa parte do paseo marítimo das Avenidas provocou 467 persoas feridas. Varias delas de gravidade. Felizmente non houbo perda de vidas nun suceso que podía ter acabado en traxedia. Emporiso, o grave accidente producido na derradeira xornada do Marisquiño debe marcar un punto de inflexión.
Despois dunha madrugada contendo a respiración, o shock deu paso a unha pregunta, tan obvia como imprescindíbel: como puido pasar? Vigo é unha cidade con dilatada experiencia na organización de eventos de grande magnitude. Feiras, congresos, festivais, ciclos de concertos. O Marisquiño leva celebrándose desde o 2001 e consolidouse como unha referencia mundial na cultura e deporte urbanos. Un evento do que podemos e debemos sentirnos orgullosos e orgullosas. Precisamente por iso coñecer que foi o que fallou é imperativo. Non só para depurar responsabilidades, que tamén, senón sobre todo para evitar que nunca máis poida pasar algo parecido.
Cooperación: A investigación xudicial en curso debe, pois, poñer luz sobre o accidente. Mais para alén de que se determinen as responsabilidades legais, cómpre unha resposta por parte de todas as administracións implicadas e da propia empresa promotora do evento. Autoridade Portuaria, Concello e Xunta, deben poñer en marcha os mecanismos técnicos que permitan determinar que medidas se deben tomar para asegurar a máxima seguridade no uso de instalacións de acceso público como o paseo das Avenidas.
É pois a hora da cooperación institucional. De sumar esforzos, capacidades e recursos ao servizo das solucións. Todo o contrario do intolerábel e bochornoso espectáculo que desde o primeiro momento están a ofrecer PSOE e PP, utilizando algo tan grave como este accidente para seguir a mazarse na súa permanente lea partidista. Reproches, acusacións cruzadas e moita verborrea, pero ningún compromiso en buscar solucións. É moi preocupante a falla de transparencia por parte do Concello e mais da Autoridade Portuaria a respeito da autorización do evento e das súas condicións de seguridade. Pero faise especialmente insoportábel ver como o Partido Popular tenciona aproveitar, sen disimulo nin reparos, o sinistro para facer campaña. Un festival da irresponsabilidade e do oportunismo.
Até o momento os únicos que estiveron á altura foron os servizos de emerxencia e o persoal sanitario. Debemos agradecerlle o seu esforzo profesional, actuando con eficacia e rapidez para atender o prioritario: as vítimas. Son elas, as 467 persoas feridas e as súas familias as que reclaman facer do Marisquiño un punto e a parte que poña fin a este espectáculo indecente. Son elas as que merecen que ningunha administración se poña de costas e que todas, en conxunto, poñan todos os medios necesarios para atender as súas necesidades. Sanitarias, psicolóxicas e legais.
Vítimas: Dez días despois deste grave accidente, sen precedentes na historia da cidade, causa rubor e ofende que non se teña posto en marcha unha oficina integral de atención das vítimas, e que teña que ser a Federación Veciñal quen ofreza os seus escasos medios para atendelas. As declaracións de Abel Caballero xustificando a demora nos "prazos administrativos" é dun burocratismo insensíbel que non podemos aturar. Non existe ningún mecanismo previsto nos plans e dispositivos de emerxencia da cidade que posibilite a posta en marcha desa oficina? A serio? Resulta difícil de crer mesmo coñecendo o nivel de incompetencia do actual Goberno municipal.
Abonda xa de tirapuxas partidistas. Abonda de deserción nas responsabilidades. Cómpre investigar a fondo, como vén de propor o BNG reclamando unha Comisión de Investigación no Parlamento de Galiza. Investigar para ter respostas á pregunta chave: como puido pasar? E, por acima de todo, para tomar as medidas para que nunca máis o chan se derrube baixo os nosos pés. Para que o desleixo, duns e doutros, no mantemento de instalacións públicas non volva poñer en risco a vida de ninguén. As vítimas, as súas familias e o conxunto da veciñanza desta cidade non merecen menos.