Opinión

Mareando a perdiz

No momento de redactar a Constitución, esta que temos, que Manuel Fraga presaxiou frustrada por idéntica razón a que frustradas foron todas as anteriores a ela, nese momento, pasou o que pasou, a saber: que agora falla, entre outras razóns, por non estruturar o Senado como unha cámara de representación territorial que compense os desequilibrios demográficos; tamén porque chegado o momento de redactar os artigos atinxentes ós novos partidos que habían construír a nova democracia española, se decidiu fortalecer estes o máis posible. Os máis de esquerda como os de dereita (non os de ultradereita, nin os de ultra esquerda, pois eses non valían ós fins propostos) nacían ou renacían coa democracia e había que prestarlles o apoio legal que necesitaban pra poder sosterse e ir adquirindo práctica e ritmo democráticos. E así sucedeu.
Tanto foi así e tanto se fortaleceron que esa fortaleza, proteccionismo tanto, os está minando. A decisión tomada por Abril Martorell, dende a UCD, e Alfonso Guerra, dende o PSOE, de converter ós políticos en profesionais e ilos preparando dende esas escolas de verao nas que aprenden todas cantas artimañas valen prá consecución e conservación do poder; esa decisión, acompañada de leis tales como a de D'Hont ou a de financiación dos partidos, completadas coa que fixa as listas pechadas que dotan ós presidentes ou ós secretarios xerais dos partidos do poder omnímodo de decidir quen si e quen non vai ser deputado en cada lexislatura; sumadas ó feito de que sexa o voto dos deputados e non os dos cidadáns os que decidan a presidencia do goberno conduce ós partidos á poñer por diante os intereses propios deles e non os do xeral da cidadanía. E así o estamos vendo. Velaí vai un exemplo.
A maiores, a penas coñecido o escrutinio resultante das pasadas eleccións e de maneira deica entón insólita decantouse o líder de Podemos esixindo ser vicepresidente do goberno, acompañado dunha serie de carteiras, que só un imbecil lle concedería. Acto seguido o candidato designado polo Xefe do Estado prá formación do goberno ponlle o poncho ó autopostulado vicepresidente e así levan dende entón, ambolosdous, mareando a perdiz democrática e mareándonos a todos. Mentres tanto, a dereita, a derereitiña covarde e maila dereitona (que cada quen adxudique cada denominación a quen lle pete) organizan un estraño ménage à trois bastante máis pecaminoso do que elas pensan e ningunha das tres está disposta a considerar o ben común por diante do seu ben particular e partidario. Toda a actividade partidaria esta encamiñada ó ben particular de cada un dos seus compoñentes e non ó ben xeral da cidadanía. E así non se vai a ningures.

Te puede interesar