vigo

'Longa Noite' logra o premio da crítica en Locarno

Aínda que non o puido gañar, o filme de Enciso optou ao Leopardo de Ouro.
photo_camera Aínda que non o puido gañar, o filme de Enciso optou ao Leopardo de Ouro.
O filme, producido pola guardesa Isabel 'Beli' Martínez, gañou o 'Boccalino D'Oro' no prestixioso e lonxevo festival suízo

nnn A Asociación da Crítica de Cine Independente otorgou o pasado domingo a 'Longa Noite', película do lucense Eloy Enciso –director dun dos filmes definitorios do Novo Cinema Galego, 'Arraianos'– o 'Boccalino D'Oro' á mellor película na 72ª edición do Festival de Locarno de Suiza. Esta largometraxe conta coa guardesa Isabel 'Beli' Martínez, que da clase no IES Audiovisual de Vigo, como produtora executiva. 
'Longa Noite' –título cunha clara homenaxe ao poemario de Celso Emilio Ferreiro– é unha viaxe a través de tres décadas da dictadura de Franco. Trata de Anxo (interpretado polo actor Misha Bies Golas), un mozo que volve á súa vila natal na Galicia rural. Alí, asiste con preocupación ao panorama da posguerra, onde vencedores e vencidos temen remover os recordos que crían ter esquecido.
Ao igual que moitas obras do Novo Cinema Galego como 'Trinta lumes' de Diana Toucedo, 'Todos vós sodes capitáns' de Óliver Laxe ou 'Costa da Morte' de Lois Patiño, o filme de Enciso conta cun reparto case exclusivamente repleto de actores amateurs, isto é, as personaxes que aparecen en pantalla son as propias persoas contando a súa historia real. A ficción é soamente un mecanismo para encadrar os seus relatos.
Despois da cita suíza, 'Longa Noite' presentarase noutros festivais internacionais de grande prestixio, como o de Toronto e o de Nova York. Poderase ver nos cines galegos a partir do vindeiro 5 de decembro, data na que se estreará na sala santiaguesa Numax, cooperativa cinematográfica que tamén se ocupa da súa distribución.
Pero o filme de Enciso non é a única alegría para Beli Martínez, porque no mesmo festival de Locarno outra das películas que produce –neste caso en conxunción cunha produtora británica–, ' Those That, at a Distance, Resemble Another', conseguiu unha mención especial no premio 'Moving Ahead', que recompensa formas de narrativa experimentais e vangardistas.

Beli Martínez 

Produtora de cine

Beli Martínez, á dereita, xunto a Eloy Enciso.

Beli Martínez, á dereita, xunto a Eloy Enciso.

"Se queremos que o cine galego siga existindo, hai que alimentalo"

 Beli Martínez, guardesa de nacemento, dá clase no IES Audiovisual de Vigo. Doutora en Comunicación Audiovisual, escribiu unha tese sobre a corrente do Novo Cinema Galego e dedícase a producir filmes deste estilo, como 'Arraianos'.

- Que lle chamou a atención sobre 'Longa Noite' para producila?
Eu con Eloy xa levo traballando dende 'Arraianos', e a maior parte da xente que traballou nela xa traballara en Arraianos, hai sete anos. É máis unha continuidade do equipo, que xa nos coñeciamos e eramos case familia.

-É moi difícil producir un filme deste calibre?
Si. Ademais o proceso é moi lento. Temos uns tempos extremadamente lentos e cando falamos de tempo, falamos de cartos. Nós somos un equipo pequeño de traballo, como moito había dez persoas e ao final de todo o proceso eramos seis. En canto a financiación si que é complicado.  Neste caso axudou que Eloy obtivera unha beca de Harvard, entón estivemos un ano facendo estrutura de guión, traballo técnico coas luces e demais. Ao final esa axuda foi vital e potenciou que o proxecto seguise adiante.

-Coa actualidade política vistes unha necesidade de facer un filme con esta temática.
Non é de hoxe, porque ao final a política sempre está aí e parece que todo é bastante cíclico. Eloy sempre comenta que a súa situación económica é precaria cando remata 'Arraianos' e comezou a analizar as causas da crise que tíñamos e levouno a analizar a transición e isto remitiuno á Guerra Civil. Se fas agora unha lectura desas obras que forman parte do texto da película ves que son dunha vixencia apabullante. Como produtora eu síntome moi orgullosa de 'Longa Noite', é un filme moi necesario nesta época. Ata fai ben pouco, a vertente política do cine galego estaba desaparecida.

-Escribiu unha tese sobre o Novo Cinema Galego, poderiamos dicir que este filme se encadra nos seus aspectos máis básicos.
Si, totalmente. Pero non é que o novo cinema galego teña unha taxonomía como tal. Este cinema axuda a crear unha comunidade de cineastas que máis ou menos están vivindo a mesma situación, pero con miradas moi distintas. Non podemos perder o xenuíno de cada un dos cineastas galegos.

-Que importancia ten este novo cinema?
Ata fai ben pouco estabamos a seguir unhas correntes que imitaban un modelo industrial, máis propio de industrias que teñen moitos cartos, un tipo de cine ao que nós non podemos aspirar a copiar. Eu creo que o máis interesante é que vivimos no século XXI onde as culturas visuais son as que prevalecen e o cinema é un perfecto embaixador da nosa identidade e da nosa cultura, e polo tanto estas películas están axudando a amosalas ao longo do mundo dunha forma moi rica. É un cine que fala do noso, que ten unha mirada moi propia. Sempre falamos do multicultural e neste caso é transcultural. Unha mirada local que se convirte en global.

-Cal é a importancia da influencia dos textos escritos en 'Longa Noite'? O título é unha clara homenaxe a Celso Emilio.
Celso Emilio, que só aparece no título, definiu moi en catro palabras -longa noite de pedra- o que supuxo toda a ditadura e toda a Guerra Civil. No caso de Eloy, a palabra é a materia prima da película. Sobre ella constrúese o resto. Hai un proceso de búsqueda importante deses textos. El buscaba un só texto que resumise todo ese periodo, pero non existe. Así que buscamos uns autores que se exiliaron, algúns máis coñecidos e outros menos, pero que deberían estudarse máis como Ramón de Valenzuela.

Como ve a saúde deste Novo Cinema Galego?
Realmente hai unha dependencia moi grande das axudas públicas e da financiación. Dubido moito que catro películas de produción galega volvan a coincidir en festivais de categoría A. Probablemente non volva a acontecer, pero para que aconteza debe haber un apoio institucional importante. Hai que aumentar os orzamentos, que levan conxelados uns dez anos. Cada vez hai máis creadores e o filtro é maior. O apoio da Televisión de Galicia cada vez é máis irrelevante en escaso. No País Vasco, o orzamento da ETB para mercar cine vasco é de 1.500.000. Aquí estamos en 400.000.Se queremos que siga existindo isto, temos que alimentalo.

Te puede interesar