morrazo

Lembranzas de Moaña, cando era unha pequena vila

A Agrupación Cultural Nós edita 1.500 exemplares con 240 páxinas e 370 fotos de "Moaña, historia fotográfica", IV tomo.

nnn Moaña é hoxe unha vila media en Galicia, con más de 20.000 habitantes, pero apenas uns anos atrás non pasaba de ser pouco máis que unha aldea. O cambio pódese ver na obra de Xesús Cancelas, Manuel Anxo Mández e Xosé Carlos Villaverde, que onte presentaron a súa obra, a base de fotos de Pacheco, Ksado, Llanos e outros. A presentación formal será hoxe ás 20 horas no Concello de Moaña. 
Segundo dixeron Méndez e Cancelas, o libro destaca "pola calidade da impresión, o tratamento das fotografías realizado polo deseñador nun tono sepia para igualar as enormes diferencias que existían nos orixinais fotográficos cedidos por moitísimas familias moañesas e persoas que se citan nos agradecementos".
Introdúcense moitas fotos tamén a cor debido a que esta historia fotográfica abrangue moitos anos desde os setenta ata hoxe. No tema das xentes aparecen actores e actrices profesionais e afeccionados retratados por Diego Seixo, pintores, artistas, músicos e grupos folclóricos.
O más curioso son as fotos dedicadas as manifestacións e a historia do entroido en Moaña. Manifestacións que se celebraron en Moaña entre as que destacan as reclamacións de máis centros escolares (1977), as promovidas pola supresión da peaxe na Ponte de Rande ou outras de máis actualidade, como os estafados polas preferentes e subordinadas. 
O entroido en Moaña comeza cunha foto histórica da comparsa Los Duendes de 1913 na que se acompaña tamén unha reproducción do seu cancioneiro. Aparece tamén a presidenta de honor da comparsa, Mª Máxima Pujol de la Torriente e logo diferentes grupos e persoas vestidos de curruvellos ou para os bailes que se celebraban durante o Franquismo. Volven as comparsas despois de 1981 coas liberdades democráticas e tamén é cando se recupera o enterro da sardiña. Moitos disfraces individuais e colectivos desfilan polas páxinas do libro que conta como era Moaña e coma é hoxe. n

Te puede interesar