ciclismo

Irei sen descanso ata o final

Delio Fernández regresou a competición en Aragón nunha tempada que leva dúas lesións.
photo_camera Delio Fernández regresou a competición en Aragón nunha tempada que leva dúas lesións.

Os días da Vuelta a Aragón foron ben. Dúas etapas fixéronse abanicos polo vento e na última etapa eu ía ben colocado, incluso tirando con pouca xente no grupo dianteiro. 

O que sucedeu foi que na primeira etapa estivemos co sprinter do equipo, quedou algo atrás, e cando comezamos a remontar cortouse xusto por uns cinco corredores diante miña. E, ademais, non era para quedarse, o que pasa é que había xente de pouco nivel e non seguiron o ritmo. Foi unha pena porque o segundo día chegamos varios xuntos e o terceiro tamén estiven no grupo dianteiro. Ó final, estaría entre os dez primeiros se non chegamos a fallar na primeira xornada. 
Si que é certo que na etapa de montaña, cando se acelerou moito, quedaron quince corredores na cabeza e eu non tiña gas para estar alí. Pararon e, desta forma, tiven a opción de poder entrar. Notei falta de ritmo porque estiven parado unhas semanas, soamente con rodillo, e nótase un baixón. Tamén é certo que o día final andaba mellor que o primeiro. 
Esta semana vou ó Tour de L'Ain e nesta proba será máis complicado estar diante. Agora aínda non creo que poida estar nas primeiras posicións porque ten etapas con final en alto moi duro, de ata quince quilómetros co Gran Colombier. Para estar aí nas primeiras posicións xa teño que estar no mellor momento. Hai dous anos fixen entre os quince primeiros, pero estaba moi ben de forma. Son ascensos xa para moi escaladores, non hai marxe á sorpresa.  
A idea é adquirir a forma nestes días de competición porque despois xa teño un calendario cargado, xa que regreso nove días a Moaña e, a continuación, enlazo o Tour de Luxemburgo coa clásica de Hamburgo e o Ventoux, que é unha proba dun día. A partir de aí, quedarame a La Route d'Occitanie –antiga Route du Sud– e a Volta a Austria, que aínda que trocamos a marca de bicicleta imos igual. Por último, tocaranme clásicas en España e a Volta a Burgos no verán. É o calendario previsto. Está bastante cargado.
Intentarei estar ben xa a partir de Luxemburgo, competitivo. A pesar do parada das últimas semanas non perdín a base de adestramento que tiña. A isto engado que en Aragón non tiven problemas coa man. O óso aínda non está consolidado e existía ese perigo dun golpe, pero non chegou e é algo positivo. A isto engádese que o primeiro día tiña certo medo porque despois dunha caída sempre existe este problema, necesitas quilómetros para mellorar. A isto engádese que foron etapas perigosas polo vento. 
Esta tempada non está saíndo ben, pero é preciso ser positivos. Chegaron as caídas e as lesións, pero a tempada é longa e seguro que chegan as oportunidades. Esta lesión na man fíxose dura no aspecto psicolóxico, pero non perdín moita forma. Ó rematar contrato este ano, sempre existe unha presión engadida, pero non é unha cuestión pola que teña obsesión. Ó final, eu tento ser o máis profesional posible, con bos adestramentos e boa preparación. Estou nun momento no que, sexa mellor ou peor, non creo que me falte un contrato para o ano que ven, xa sexa nun sitio ou outro. Evidentemente, de como vaia a tempada dependerá tamén o futuro. 
As caídas trocaron completamente a preparación. A idea era facer dous picos de forma e agora xa non. Teño que facer todo seguido ata que chega a fatiga. Ata onde aguante. En tempadas anteriores, había esa división, pero nesta, non. 
Estes días estou vendo pola televisión o Giro e, a verdade, é que das grandes, á que quero volver é a Volta a España. Igual por estar preto ou porque dá opcións ós equipos pequenos. Neste momento, é pola que teño ilusión. De feito, o outro día un compañeiro cumpriu 23 anos, e xusto, eu con esa idade estaba no Giro. Coas miserias e tamén os momentos de gloria, iso si, pequenos que tiven.
O que sucede é que o Giro é moi duro. Cando chega a última semana coa montaña, as diferenzas magnifícanse. No Tour as cousas marchan máis controladas, pero en Italia é distinto. Todos os anos pasa e chegan explosións. Eu este ano confío moito en Nibali porque, non sei como fai, pero sempre ten unha baza. É un corredor que gústame moito porque é capaz de gañar sen ser o máis forte e iso é moi complicado. Se es o mellor, co equipo máis forte, aí é doado gañar. De feito, creo que nesa situación o complicado case é non facelo. Agora, ter capacidade para gañar sen ser o mellor, iso é de moito mérito.n

Te puede interesar