CARMEN PRELCHI. Xogadora viguesa do Granollers

"No Granollers madurei moito como xogadora e como persoa"

Carmen Prelchi cumprirá a súa cuarta tempada consecutiva no Granollers, equipo de División de Honra.
photo_camera Carmen Prelchi cumprirá a súa cuarta tempada consecutiva no Granollers, equipo de División de Honra.
Carmen Prelchi (Vigo, 1999) ven de renovar o seu contrato co Granollers, equipo co que afrontará a súa cuarta tempada consecutiva na División de Honra feminina. A pivote viguesa afirma que tiña ganas de seguir despois de non poder pechar a última campaña pola pandemia de coronavirus e salienta que no clube catalán madurou como xogadora e como persona.

Que a levou a renovar co Granollers?
Esta tempada rematou dunha forma precipitada e quedamos coas ganas de disputar as semifinais e unha posible final da Challenge Cup. Entón tiña ganas de seguir porque a tempada non rematou como tal. Ademais, na Universidade farei o cuarto curso dos meus estudos e estou contenta na cidade, no clube, e quería seguir.

Pechar a tempada sen poder xogar esas semifinais europeas debeu suponer unha frustración.
Ao principio querían facer unha 'final four' en xuño, pero era un pouco loucura se vemos a situación agora mesmo, que tampouco é clara. Entón ao final si que é frustrante, pero a prioridade é a saúde.

Vai ser a súa cuarta campaña no clube catalán, que obxectivos se marca?
Con toda a confianza que collín nestes anos, xa coñezo a categoría e o que quero é seguir crecendo como xogadora, aportar o máximo posible e disfrutar de cada partido.

E cales son obxectivos do clube para o vindeiro curso, despois de chegar tanto lonxe en Europa?
Seguir crecendo. Mais ou menos mantívose o bloque destes últimos anos, as novas incorporacións son xogadoras con moita ilusión e que eu creo que van aportar moito, e a ver o novo formato da liga ata onde nos permite chegar.

Que lle parece ese novo formato de liga, con dous grupos de oito equipos cada un?
A decisión que se tomou de que ascenderan equipos pero non houbera descensos fixo que souberan catro equipos e eu penso que eran bastantes para facer un único grupo. Facer dous permitirá que se siga traballando no Proxecto 2021 de cara ao Mundial, que haxa semanas dispoñibles para elo, e será diferente, pero tamén ilusionante, porque as xogadoras estamos acostumadas a xogar sempre cos mesmos equipos e que haxa cambios de cando en vez tamén é motivamente de cara a probar un novo formato de competición.

Como pasou o recente confinamento e o estado de alarma que se declarou para frear a pandemia de coronavirus?
Eu quedei en Granollers porque, cando se decretou o estado de alarma, en Galicia prácticamente non había casos e en Cataluña si que había bastantes. Pensei que ían ser quince días e non veía correcto percorrer toda a península para voltar a casa. Entón decidín quedar alá. Despois suspendéronse os voos e voltar en coche non era o máis recomendable, así que ata que non se levantou o estado de alarma non volvín. 

E como foi a experiencia?
Foi duro estar lonxe da túa familia, pero eu tamén decidín tomalo como unha oportunidade de facerme mellor a min mesma e de aprender cousas novas. Ao final si que era un fastidio non poder saír da casa pero iso xa o sabías e se só o ves como un fastidio e non o aproveitas para aprender cousas novas, si que perdes o tempo. E tamén, como estaba coa Universidade, tiña moito traballo e tampouco me aburría moito.

Como está agora a situación en Cataluña?
Segue habendo casos, pero cada vez menos. Chegou a nova normalidade e a xente está tranquila, pero como aquí: as máscaras son obrigatorias e a xente maior segue con bastante medo.

Volvendo ao deporte, que balance fai destes tres anos no Granollers?
Fago un balance positivo. Creo que en Granollers descubrín a xogadora que son, como quero xogar. Dexei de ser unha nena e tiven que madurar moito porque ao estar lonxe da familia sempre oucurren situacións que non podes controlar e tiven que facerlles frente por min mesma. Polo tanto, madurei moito como persoa e como xogadora, e estou contenta de tódalas experiencias que vivín. Nestes tres anos pasei de xogar en Prata no meu equipo de toda a vida, a disputar unha competición europea e estou contenta. Espero seguir aprendendo e disfrutando. n

Te puede interesar