vigo

“Gañar o premio adicado a Vidal Bolaño é o que máis ilusión fai”

O xurado reuníuse en Vigo para decidir o fallo do certame de textos teatrais propiciado por Galaxia.
photo_camera O xurado reuníuse en Vigo para decidir o fallo do certame de textos teatrais propiciado por Galaxia.

Fernando Castro Paredes fíxose coa primeira edición do Certame para textos teatrais convocado por Galaxia

nnn Sther F. Carrodeguas, Roi Vidal, Paula Carballeira, Manuel Núñez Singala, Delio García Represas, e a dramaturga Raquel Castro como secretaria con voz, pero sen voto, decidiron en Vigo outorgar o premio Roberto Vidal Bolaño a Fernando Castro Paredes, polo seu texto teatral “A derradeira bala”. O xurado destacou da obra gañadora a habilidade coa que o autor trata temas como o amor e a guerra dunha maneira lúdica e sinxela. Ao tempo que leva a cabo un tratamento do absurdo dos conflitos bélicos dende o propio absurdo. 
Castro Paredes, profesor do IES de Cee, recoñece que “gañar un premio adicado a Roberto Vidal Bolaño é o máis ilusión me fai de todo, foi un personaxe importantísimo, un píar da literatura contemporánea galega”. Para Castro Paredes, un certame destas características é vital para dinamizar o xénero, xa que “a literatura teatral é a grande esquecida polas editoriais e no ámbito lector, pero como espectáculo ten unha grande vitalidade, e máis en Galicia, que é unha terra de teatro, as representacións gozan de moi boa saúde”. Como docente de instituto, tamén dirixe o grupo de teatro do centro polo se sinte moi implicado con este xénero literario.
Este non é o primeiro galardón que recibe unha obra súa. O ano pasado con “Pallaso” obtivo o premio Varela Buxán promovido por la Escola Municipal de Artes Escénicas (EMAE) de A Estrada: “Tento escribir sobre o que me gusta ver en escea, pero son consciente que conectar co espectador non depende só de min”. 
A entrega do galardón do Roberto Vidal Bolaño terá lugar o vindeiro 30 de xuño no bar Liceum de O Porriño. Este certame está convocado pola editorial Galaxia, en colaboración co Equipo de Dinamización Lingüística do IES Ribeira do Louro coa finalidade de fomentar a escrita de textos teatrais dirixidos a un público mozo.n

Te puede interesar