Opinión

Galicia somos todos

Pois claro que si. Sentirse galego é un sentimento e ser galego un orgullo e equivócanse, unha vez máis, os que queren facer ver a festividade do 25 de xullo como un evento nacionalista-separatista, alá eles e ou seu rancio sectarismo. Pero tamén digo que Galicia somos todos, porque existe unha provincia, (deixada das mans das variadas administracións públicas) chamada Ourense, que tamén forma parte da Comunidade autónoma histórica de Galicia. E que a data do 25-X, á parte da festividade que representa, tamén nos debería servir para reflexionar e ver sen na nosa Galicia imos todos ao mesmo ritmo. Polo que facendo un simple exercicio comparativo entre a media galega e o noso Ourense nuns poucos indicadores como, ingresos medios mensuais por fogar, taxa de risco de pobreza ou exclusión social, grao de dificultade para chegar a fin de mes, creación de novas actividades económicas, produción industrial, renda percapita, taxa de actividade, dinamismo agropecuario, infraestruturas e comunicacións, por exemplo,pois comprobamos como que existe un abismo entre nós e a media do conxunto da Comunidade, e basta o contrastalo nas cifras oficiais ofrecidas polas mesmas administracións que nos obvian en todo, menos en regarnos con estatísticas que reflicten nitidamente a situación de debilidade e precariedade da nosa provincia. Pero hai máis, claro que hai máis. Así ,Ourense ,xa é a única cidade sen plan xeral de ordenación urbana das sete grandes cidades de Galicia. A aprobación parcial inicial a semana anterior, do instrumento de Ordenación Provisional da área de Vigo, permitirálle desenvolver urbanísticamente un 24% do seu termo municipal. Recuperando así 23 millóns de metros cadrados, o que ascenderá a un 38% unido aos plans especiais aprobados anteriormente no Casco Vello e Bouzas. E que significa isto? Pois que Vigo e a súa área están chamados a ser o motor económico e industrial de Galicia, sen ningún xénero de dúbidas, o cal me congratula, como contrapeso á puxante Oporto. E que máis significa? Pois que moitos investidores e investimentos van aterrar en Vigo nos próximos meses dinamizando aínda máis a súa economía e creando novos empregos. E que significa para a nosa cidade, Ourense? Pois que serán numerosas as empresas ,que viran ao redor do sector residencial e comercial, (arquitectos, arquitectos técnicos, topógrafos, promotores, inmobiliarios, encofradores, electricistas, escaiolistas, fontaneiros, calefactores, serradoiros de pedra, carpinterías metálicas e de madeira, materiais de construción e así outro longo etc.), que se deslocalicen ao área metropolitana de Vigo buscando a carga de traballo que a inseguridade xurídica urbanística non permite no noso Ourense, así de cristalino. A miña conclusión? Que gran cidade a nosa e que enorme capacidade de tolerancia e aguante temos os ourensáns e ourensás. Aínda que a miña hai tempo que finou ante tanta incompetencia manifesta. Feliz día de Galicia a todos e todas e en especial aos que están fóra da nosa terra. 

Te puede interesar