CARMEN PRELCHI. Xogadora viguesa do Granollers de División de Honra

"Feminismo é gañar o mesmo por facer o mesmo"

Carmen posou na Praza da Estrela aproveitando que está a pasar as súas vacacións en Vigo.
photo_camera Carmen posou na Praza da Estrela aproveitando que está a pasar as súas vacacións en Vigo.

Carmen Prelchi so ten 20 anos. Nembargantes, cando rompe o xeo da timidez e comeza a moldear as súas reflexións con verbas, está lonxe de semellar unha rapaza. Xa sexa por botar dous anos lonxe da casa, en Granollers, pola educación recibida ou pola aprendizaxe das experiencias. Seguramente pola mistura de todas elas. O caso é que  a viguesa sabe que ten moito que medrar no balonmán, do mesmo xeito que a muller ten moito por percorrer na busca dunha paridade da que se fala moito e pola que se fai pouco. Dende a súa posición, Prelchi loita por ser un referente para que as cativas que agora nacen poidan vivir un deporte máis xusto. Nin un paso atrás.

Terceiro ano en Granollers.
A primeira tempada foi de aclimatación; a segunda, de descubrirme a min mesma; e agora que xa coñezo ben o estilo de xogo e estou cómoda, o obxectivo é o crecemento. Ser unha xogadora máis madura.

Foi un ano moi bo no colectivo.
Estou moi contenta. Os éxitos débense a que fixemos un gran grupo e así acadamos ese cuarto posto e a clasificación para Europa.

Continuades moitas, pero tedes a baixa de Vizuete.
Vizu foi a máxima goleadora da Liga e substituila vai ser difícil. Pero confiamos que o clube faga boas incorporacións e se manteña o nivel.

Tres anos fóra da casa dan para medrar moito. Canto no teu caso?
¡Uf! Coido que son totalmente diferente. Se cadra non tanto no primeiro ano, pero neste segundo foi exponencial. A Carmen que estaba en Vigo non ten nada que ver coa dagora. E penso que é positivo.

Tras pasar polas inferiores da selección, queda o último chanzo.
Sería un soño. Agora mesmo non creo que sexa posible, pero de cara o futuro pensas: "ogallá". Eu traballo pouco a pouco e se nalgún momento chega, benvido sexa.

A esixencia na Liga está a medrar. Vai da man coa súa retribución?
Pídennos coma se fose un traballo e é imposible. Eu compaxino coa Universidade e ás veces acabo tola. Paso as tardes no pavillón e para estudar teño moi pouquiño tempo.
Sarai Espiñeira priorizou os estudios sobre a División de Honra.
Se xogas na máxima categoría, perdes case toda a vida universitaria. Non a disfrutas. E con certas condicións económicas, moitas veces non compensa. É unha pena. Queremos que o nivel da Liga suba, pero para iso precisamos mellores condicións.

Máis profesionalización?
Debería ser obrigatorio que todas as xogadoras teñan un contrato. A media xornada ou como sexa. Non pode ser que gran parte das xogadoras de División de Honra perdan diñeiro por xogar ó balonmán. E xa non so iso. O tempo libre tamén é importante e non se lle da valor.

O novo almanaque non axuda.
O obxectivo do calendario é aportar máis tempo ó proxecto do Mundial 2021. Pode ter sentido, pero a min gustaríame pasar o Nadal na casa e non creo que poida. 

Pensa en saltar a unha liga máis profesional ou prioriza os estudos. 
É un soño. Gustaríame moitísimo ser profesional porque agora non o son. Non sei sequera se podería calificarme coma semiprofesional. Este ano tiven que escoller e decidín tirar un ano máis polos estudos 

Houbo ofertas entón?
Si, pero quixen seguir motivada polo soño de Europa e pola Universidade. Se houbera máis facilidades para estudar, faríao. Pero agora mesmo é imposible, así que decidín seguir un ano máis. O programa 'Handball for dual careers' axúdame a compaxinar todo. Rematei tola pero fiquei contenta. Conseguín tres matrículas de honra e non sei nin como.

Falando do económico, que lle parece que un campión de liga coma o Guardés perciba tres veces menos cartos de subvención que clubs de fútbol de Segunda B?
Aquí hai dous problemas: un é o fútbol. Non pode ser que a un so deporte lle saia todo prácticamente gratis cando, ademais, ten detrás industrias coma as das apostas, que por certo fomentan cousas moi negativas. O outro é o machismo da sociedade. É unha pena que o Guardés non leve maiores subvencións, pero hai moi poucos equipos na Liga cunhas condicións tan boas, o que quere dicir que con moi pouco está a facer moito.

Tamén está aí o Porriño, besta negra do Granollers.
Ten a baixa de Cecilia (Cacheda), que tanto deportiva como anímicamente é grande. Penso que con Anthía (Espiñeira) e coas fichaxes poden suplir esta perda. Agardamos poder gañarlles por fin na Liga.

E como ve ó seu Seis do Nadal?
Sempre lle vou ter un cariño especial. É o equipo que me deu todo. Ademais é moi importante que haxa clubs de barrio coma o Seis, que naceu para solucionar a problemática dos rapaces na rúa e darlles algo para facer nas tardes. 

Vostede móllase en política. Que opina do tópico de que non se debe de misturar co deporte?
O problema é que non se pode separar. Todo é política. Eu loito polas cousas que me preocupan. Tamén polo deporte e por visibilizar que as mulleres tamén somos deportistas.

Inda hai moito que facer nese eido.
Non pode ser que o balonmán a secas sexa masculino e o noso feminino. É o mesmo. Só queremos un fiestra para que a xente nos descubra e vexa o que facemos, como no Mundial de fútbol. O problema non é que o feminino non interese, é que non ten ventás para expandirse. É moi importante que as cativas teñan referentes onde mirarse.

Referentes en feminismo?
É básico que a xente diga abertamente que é feminista e que loita por esta causa. So dicir que as cousas non poden seguir así xa é un gran paso. Despois hai que buscar e atopar solucións. Non creo que os xogadores de Asobal poidan conformarse co discurso de "eu gaño máis porque xenero máis". O que hai que dicir é que "non é xusto que ti gañes menos ca min por facer o mesmo". Non é máis que iso: o mesmo por facer o mesmo. 
Non se repara en cousas tan básicas coma  a regla e como afecta. Vostede fixo un estudio non si?
Eu fago un dobre grao de fisioterapia e ciencias da actividade física e do deporte. Todos os traballos trato de enfocalos cara o deporte feminino e o feminismo porque falta moita investigación. Os resultados deste indican que gran parte das mulleres teñen dores, incomodidades, síndrome premenstrual e problemas derivados. Custa. Non é algo do que se fale, pero condiciona o rendemento, as lesións e o estado de ánimo. Son cousas normais para nós ás que non se lles presta a debida importancia.

Visibilizar a normalidade.
Iso é. Son problemas que non existen no deporte masculino. Pero o deporte non pode estar adaptado ó home; o deporte ten que estar adaptado ás persoas. E se hai ciclo menstrual, hai que valoralo coma se merece e xa está.

Que pode facer cada un dende o seu eido por ter máis xustiza social?
O primeiro, visibilizar os problemas. Unha vez sabes o que pasa, podes atopar unha solución. Se non se detecta é imposible. Nós non temos moita visibilidade, pero algunha temos. É necesario que expoñamos unha forma de vida saudable e reivindicativa. Eu estou comprometida co feminismo, co veganismo... hai que ser visibles, saír á rúa cada vez que hai manifestacións. Facer o que podamos.

Se cadra un vestiario é o exemplo de como persoas de distintas procedencias, razas ou ideoloxía poden entenderse e remar xuntas.
A empatía é moi necesaria na nosa sociedade. Ser conscientes do que lle pasa ó outro e por que é así. E logo falar. No equipo temos conversas de política interesantes. Non se dan máis na sociedade por medo ou porque non se saben levar de forma respetuosa. Eu convivo con compañeiras de todo o mundo e maiores ca min. Aprendes de todas e apórtanche moito para a vida. n

Te puede interesar