Xabier Queipo, residente en Bélxica, pasa uns días en Galicia
Xavier Queipo, residente en Bélxica, pasa uns días de vacacións en Galicia, tempo no aproveita para promocionar a súa última novela “Os Kowa”, distinguida co premio Blanco Amor. Dende a distancia analiza, aínda impactado o recén atentado de Bruxelas: “Foi tremendo; teño dúas compañeiras de traballo en coidados intensivos, xa que a estación de metro onde estouparon as bombas, está a carón da nosa oficina”, afirmou. Como escritor, participará ao seu retorno nun acto de protesta e indignación que están a organizar o colectivo de poetas da cidade: “Moitos deles son de orixe musulmán, e algúns practicantes; todos están abraiados cos feitos, consecuencia directa das predicacións salafistas que inculcan a morte dos infieis e que son unha minoría”.
Asegura coñecer moi ben o barrio de Molenbeek, onde se agochou o terrorista, xa que vivíu alí moitos anos sen nengún problema. “Non entendo como as nais dos compañeiros de escola dun asasino puideron protexelo, sabendo a barbarie que cometera”. Cando se lle pregunta cal puido ser a causa da mudanza nos seus antigos veciños, é contundente ao declarar: “A exclusión social non causou a radicalización en Bruxelas, porque en malas condicións viven os africanos, os sudamericanos, e non se lles ocorre inmolarse”. Para o escritor, o motivo hai que buscalo no perfil dos terroristas: “A unha idade determinada se é máis permeable para as ideoloxías radicais, forma parte da rebeldía; a segunda guerra do golfo foi tremenda, destruíron o único estado laico da zona, Irak, e xerouse un odio entre occidente e oriente; os salafismo envíou millóns de euros para predicar o odio e reclutar a xente maleable; así o barrio foi progresivamente radicalizándose, ata o punto de obligar ás rapazas a andar con velo que o poñen por medo”.
Considera que o atentado foi contra Europa, “pero aconteceu en Bruxelas por unha serie de circunstancias que o facilitaron”.
‘Co Blanco Amor teño a colección enteira de premios’
Xavier Queipo presentou onte na librería Andel o seu último libro “Os Kowa”, premiado co Blanco Amor. “Tivo un comezo moi bo, porque é un dos tres premios máis importantes da narrativa galega co Xerais e co Ánxel Casal; agora xa teño a colección enteira”, apuntou orgulloso. Conta a historia dun investigador, acostumado ao laboratorio que ten que pasar unha tempada no Amazonas. “É unha novela de aventuras e psicolóxica”, asegura.n