Opinión

Eiquí algo está a fallar

Non sei se o mundo estará mal, pero moi ben non está. O que sí está claro é que, como eu non vexo moito máis alá das miñas narices, me refiro a este noso mundo de eiquí, ó noso pequeno mundo, nada máis; pero o mesmo mundo que, como Risco deixou dito, e ben dito, é todo un mundo. Galicia é todo un mundo. Ou seica non?
Hai uns días, en portada e a catro columnas, un xornal que non é este, anunciaba que hai "preocupación en Galicia pola falta de médicos" e resultou curioso constatar que pode que sexa certo, que certamente o sexa. A facultade compostelá, a Fonte Limpa, proveunos deles en cantidade e calidade abondas. Fíxoo durante anos e diríase que aínda ande a facelos a plena satisfacción de todos. Daquela, u-los médicos que saíron dela?
Pregunto e dinme que case todos eles fóronse afectados pola mobilidade exterior; ou sexa e pra mellor nos entender: un a modo de andazo laboral, complicado cunha morbilidade alimentaria, causada polos baixos salarios e maila cortedade de miras político administrativas, que se lles complicou coa existencia digna que o seu estatus reclamáballes, expulsándoos cara Portugal a non poucos casos, pero tamén a outras áreas máis distantes nas que ó parecer son moi apreciados grazas ós coñecementos adquiridos, precisamente, nesa Fonte Limpa que os envía ós mercados laborais ben lavadiños e desparasitados de todo tipo de adherencias impropias da súa condición.
En días sucesivos ó desta mala nova que lles cito, a prensa continuou advertíndonos de que o corenta por cento dos médicos galegos xa son maiores dos cincuenta e cinco anos e daquela da que nos pode esperar de eiquí á volta duns aniños. O que se ignora é si a política gobernamental, diríxaa quen a dirixa, está pensada e decidida pra que esteamos ben de todo ou que, polo contrario, o estea pra que rematemos rematadamente mal; dito doutro xeito, se faltan médicos e se aínda han faltar máis, como é posible que haxa casos coma o do doutor Batallán, don Luis Emilio, que efectivamente é un cantante, pero dos bos, non confundamos, que deveñan en folgas de fame como a que mantivo este galeno quen, vendo a necesidade de asistencia sanitaria existente, decidiu seguir traballando e non llo consentiron ou aínda non llo consisten, quede claro, que non se sabe como vai rematar o que comezou hai xa uns cantos días.
Eiquí algo está a fallar. A última hora, o Isolino, esa criatura que nace tódolos días da man de Xaquín Marín, vai ter máis razón ca un santo. Dicíanos, díxonolo uns días aí atrás, que "somos un país que non quere ser país e que é o único que pide desculpas por ser un país". Máis claro, auga.
 Este comentario, inserto na gurgulla na que o Isolino expresa o seu pensar e mailo seu sentimento, tamén a súa dor, mesmo a súa perenne frustración diante do mundo, do pequeno mundo, deste noso pequeno mundo que contempla, adoita condensar realidades que me recordan moito a aquel axudante de dirección que, mentres estaba sendo sodomizado polo seu inmediato superior, virou a súa face cara este (fíxoo na medida do posible, pouco e forzado) e díxolle: "Desculpe, señor director, que estando en situación tan íntima teña que permanecer dándolle as costas"... Pouco despois, outro titular veu sorprenderme. Falaba do gasto en pensións habido en Galicia. Seguro que non debeu ser a intención do xornalista suxerir un despilfarro, pero o titular fíxome sentir culpable de pertencer a un país de vellos que so saben zugar do teto orzamentario como se non houbera outra cousa máis que facer na vida. O caso é que ese gasto en pensións non constitúe un maná enviado dende o ceo gobernamental senón que é consecuencia de que, durante moitos anos, cada un deses vellos que poden ter sido presentados como samesugas, estiveron entregándolle ó goberno de todos partes substanciais dos seus salarios pra que, transcorridos uns anos, unha vez chegados tempos coma estes que estamos a correr, ese mesmo goberno de todos, estea agora nas mans de quen estea, lles devolva parte do entregado a cada un deles pra que poidan facer transcorrer os derradeiros anos do seu existir dun xeito digno. Non é un agasallo. É a devolución dunha débeda contraída polo goberno en nome de toda a cidadanía e trátase dun esforzo orzamentario ó que o goberno vese impelido por unha política levada a cabo de xeito que tamén, amparándose neso que se chamou mobilidade exterior, outro goberno, con independencia das mans nas que estivera, botou fóra do país a milleiros de traballadores que tiveron que buscar ocupación alén da súa terra. Eles tamén cobran e deso sabemos moito os galegos. E aínda así pedimos perdón por condoernos. Na segunda metade do XIX e na primeira do XX, só Irlanda sos superou en cantidade de xente que tivo que emigrar. Daquela ninguén dicía nada respecto de que os aforros dos nosos emigrantes servisen pra financiar a industrialización doutras areas españolas. 
Se hoxe tan só dez concellos manteñen una ratio de dous cotizantes por cada xubilado, tempos houbo nos que ducias de emigrantes mantiñan o nivel de ingresos en conta necesarios pra que os bancos abrisen sucursais que foron como nasas ás que ían parar as máis e mellores divisas enviadas desde fóra. O de agora non é, xa que logo, unha doación senón un xusto pago. Pois agora que volvan os que foron empuxados fóra e xa verán que axiña equilibramos.

Te puede interesar