Televisión

Os Bolechas: 20 anos cos nenos galegos e cinco cos portugueses

Os Bolechas emítense na televisión pública portuguesa RTP baixo o nome de Os Bochechas.
photo_camera Os Bolechas emítense na televisión pública portuguesa RTP baixo o nome de Os Bochechas.
Levan emitíndose diariamente na TVG desde 2012 e acaban de renovar por dous anos máis na RTP

En xaneiro de 2015, hai exactamente cinco anos, chegaba a Portugal a serie coa que os Bolechas triunfaban xa na Televisión de Galicia. Un éxito que se trasladou de inmediato ao país veciño, onde a popular familia xa era coñecida grazas aos máis de cen libros publicados en portugués, e que se emiten a diario baixo o nome Os Bochechas. 
Ao igual que en Galicia, a emisión das aventuras destes queridos personaxes na Televisión Pública de Portugal (RTP) supuxo un novo impulso do proxecto que se traduciu en novas propostas editoriais, concursos de enorme éxito a nivel nacional con milleiros de participantes e na renovación da serie tempada tras tempada. 
Este quinto aniversario na RTP coincide con outra celebración moi especial: o 20 aniversario dos Bolechas. Non podía imaxinar Pepe Carreiro no ano 2000, cando publicou a primeira historia, que a súa familia se convertería nun éxito sen precedentes para a cativada galega e nun referente cultural. Desde aquela primeira historia van máis de 650 títulos publicados, ademais de numerosos produtos audiovisuais e dixitais, espectáculos, pasacalles e infinidade de actividades didácticas específicas para o alumnado de educación infantil e primaria de Galicia.
Se algo caracteriza os Bolechas é a singular combinación dunha proposta lúdica e de interese para a infancia cun carácter pedagóxico implícito en todas as súas propostas. Este éxito queda patente en cada unha das propostas dos Bolechas dentro e fóra da nosa comunidade onde continúan sumando fans que os seguen co mesmo cariño e interese do primeiro día. 

edicións especiais
Os Bolechas preparan unha chea de sorpresas neste 20 aniversario. A primeira foi a reedición de catro das primeiras historias nun libro que inclúe un código de descarga para escoitalas en formato audioconto. En breve sairán novos volumes desta colección, cada un con outros catro títulos daquelas primeiras aventuras ideadas por Pepe Carreiro coas que celebrar estes 20 anos de éxitos.
A emisión dos Bochechas e a súa presenza diaria durante un lustro no espazo destinado á programación infantil, Zig Zag,  na RTP de Portugal, ademáis da emisión internacional para os países de África de fala portuguesa, supón un fito histórico para esta serie, referente tamén na programación infantil da Televisión de Galicia.

Te puede interesar